Boa parte de Galicia ve recortado o seu servizo de ferrocarril

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

O Ministerio de Fomento anuncia que os trens de Media Distancia convencional (rexionais) de Renfe só pararán una vez por sentido e día nas 173 estacións de toda España -21 en Galicia- con menos de cinco viaxeiros diarios. E aquelas paradas que só contan con un viaxeiro diario de media desaparecerán completamente. Fomento promete que nestas paradas “mellorará a conexión mediante autobuses” como xa fixo entre Ourense e Pobra de Sanabria. A CGT considera "unha parvada" a medida pois a gran maioría destas paradas "teñen a consideración de paradas facultativas".

A CGT alerta que "cada vez haberá mais poboación do medio rural galego illadas con mais dificultades para chegar os centros de saude, centros de ensino, e demais servizos que se atopan nas cidades"

Os Peares, Covas, Vilar de Barrio, Castrelo do Val, O Irixo, Parga, A Alberguería-Vilavella, A Escravitude, Areas, Bandeira, Barra de Miño, Begonte, Covas, Franza, Louredo, Montefurado, Paderne-Cantoña, Pobra de Brollón, Ponte Taboada, Ponteambia, Pumares, San Estevo do Sil, San Pedro do Sil, Taboadela, Vedra-Rivadulla ou Vilariño de Conso son algunhas das paradas que se verán afectadas.

O sindicato alerta de que "cada vez haberá mais poboación do medio rural galego illadas con mais dificultades para chegar os centros de saude, centros de ensino, e demais servizos que se atopan nas cidades". E engade que estes inútiles recortes anunciados pola Secretaria Xeral de Transportes "dan idea da política do Goberno, recortar por recortar, aínda que non sirva para nada, tan só para reducir os servizos de pobos e aldeas galegos, xa de por si minguados e baixo mínimos, que contribuirán a despoboación de bisbarras do interior de Galiza".

En decembro o Ministerio deu luz verde ao seu plan de racionalización de servizos ferroviarios, un eufemismo que agochaba a supresión das liñas e servizos de menor ocupación e rendibilidade económica: ao redor de 30 liñas de media distancia que supoñen unha cuarta parte do total. CC.OO. denuncia que "se está a permitir a morte" do negocio de mercancías e do negocio de Media Distancia de viaxeiros, "vítima dunha mala xestión". O sindicato alerta ademais de que o futuro doutros servizos ferroviarios en Galicia tamén podería estar no aire. Trátase das liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, a Vigo-Ourense e a liña convencional entre Santiago e Ourense por Lalín.

Outras liñas poden estar en perigo: Puebla de Sanabria-Ourense (4,2% de usuarios), Vigo-Ourense (11,7%), Vigo-Ourense-Ponferrada (12,9%), Coruña-Ferrol (13,3%) e Coruña-Lugo-Monforte (14%)

O Goberno central está seguindo dous criterios para decidir a supresións de servizos. O primeiro ten que ver co seu uso efectivo: analizou as liñas con menos dun 15% de viaxeiros sobre o total de prazas ofertadas. Nese corte entra a liña Puebla de Sanabria-Ourense (4,2% de usuarios), pero tamén a Vigo-Ourense (11,7%), a Vigo-Ourense-Ponferrada (12,9%), a Coruña-Ferrol (13,3%) e a Coruña-Lugo-Monforte (14%). En principio o Goberno asegura que nas liñas que non foron suprimidas se realizarán modificacións para tentar mellorar estes ratios, recurtando custes ou empregando trens de menor tamaño. Tamén se asegura que se terán en conta outros criterios -de cohesión territorial- para impedir que ningunha vila ou cidade fique incomunicada

CC.OO. demándalle ao Goberno galego "unha aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte intracomunitario respectuoso co medio"

CC.OO. demándalle ao Goberno galego "unha aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte intracomunitario respectuoso co medio, seguro, como medio de cohesión social e territorial e como un elemento decisivo no desenvolvemento económico das distintas bisbarras". O sindicato cre que a Xunta de Galicia debe esixir ao Goberno central "que non se supriman servizos nin se pechen estacións, que se aumenten os servizos e as paradas para rematar cos agravios comparativos con outras comunidades do litoral con redes de cercanías ferroviarias"

Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.