0 Gardados para despois

"A Transición foi unha operación de maquillaxe destinada a manter a dominación da burguesía"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A transición española non só non foi tan modélica como se nos quixo facer crer, senón que supuxo a perpetuación da dominación social e económica das mesmas elites que se beneficiaron da ditadura. Esta á unha das teses fundamentais do libro Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981). Para umha interpretaçom politicamente incorreta do nosso passado recente, do investigador e profesor da Universidade da Coruña Carlos F. Velasco Souto, que acaba de publicar Laiovento.

O obxectivo do libro queda claro desde o título. Outros autores revisaron o mito creado arredor da transición, pero se cadra faltaba unha obra que tratase o tema en xeral e desde unha perspectiva galega. Era a idea?

Si. É un tema que aquí case non está estudado. Hai un traballo feito por Beramendi, A transición en Galicia, no que eu me baseei, pero para facer unha interpretación máis "politicamente incorreta". A orixe do libro é un encargo de A Nosa Terra de hai xa catro ou cinco anos. Polo medio quebrou A Nosa Terra e ofrecinllo, entón, a Pancho Pillado. Non había precedentes aquí no sentido de que non se tratara moi en serio a cuestión. O libro de Beramendi non tivera demasiada circulación...

Non hai case fontes primarias no libro. Nese sentido, é máis un traballo de síntese do período estudado, non si?

É un ollar de síntese, si, que ofrece unha interpretación propia do acontecido. Si fixen investigación de arquivo para a parte dos medios da esquerda radical, que era un tema que estaba sen estudar.

"Se comparas o que defendían o PC e o PSOE ao principio co que acabaron aprobando, a diferenza é abismal. E houbo engano porque non lle dixeron ás súas bases que o seu proxecto era imposíbel de realizar naquel momento"

Unha das conclusións que tiras é que as forzas de oposición democrática e de esquerdas enganaron a súa base social ao renunciar ás súas aspiracións. Se cadra pode ser un dos alicerces da desafección política posterior...

Esta é unha idea que xa recolle Josep Fontana, que fora militante do PSUC. Se comparas o que defendían o PC e o PSOE ao principio co que acabaron aprobando, a diferenza é abismal. E houbo engano porque non lle dixeron ás súas bases que o seu proxecto era imposíbel de realizar naquel momento, senón que presentaron o que era un fraude como unha opción marabillosa e o único camiño posíbel. E isto respondeu, no caso do PSOE, a unhas ambicións concretas, alimentadas pola socialdemocracia internacional, de converterse no alter ego da dereita franquista reciclada. O PC, pola súa banda, careceu de visión política, de capacidade de análise para procurar unha saída diferente. E este engano, xunto co posterior período de goberno de Felipe González, que se mostrou como o inicio dunha etapa de políticas conservadoras, creou un desencanto na esquerda, claro.

"O franquismo conseguiu que a xente pensase que o mellor é que cada quen se limite a ocuparse da súa vida. Isto callou no corpo social no contexto, primeiro, da posguerra, pola pura necesidade de sobrevivir"

O "autismo" supostamente apolítico e "ilusoriamente libertador das presuntas ruindades dos políticos" dos galegos contribuíu, dis, a reproducir a súa subalternidade. E nesa actitude de desconfianza cara á política ves unha continuidade do "consentimento" da poboación cara ao franquismo, tal como foi definida por Ana Cabana...

Con iso aludo á psicoloxía do pobo galego -evidentemente, non de todo-. Ese discurso de rexeitamento da política fora creado polo franquismo: non se meta vostede en política, que leva a males como a guerra. E o franquismo fixo moi ben isto, apoiado no seu aparato de propaganda ou en organizacións como, por exemplo, nas Hermandades de labradores. Conseguiu que a xente pensase que o mellor é que cada quen se limite a ocuparse da súa vida. Isto callou no corpo social no contexto, primeiro, da posguerra, pola pura necesidade de sobrevivir. E despois, nos anos 60, esluído xa o recordo dos anos do terror, e cando as clases operarias comezan a acceder a certo grao de benestar, deu lugar a outras ideas como que o franquismo non era tan malo, pois deixara atrás a miseria da posguerra e aínda nos permitira emigrar cando había fame. Despois a sociedade galega foi cambiando e os problemas xa se volveron máis homologables aos de calquera outra sociedade europea, pero nestes primeiros tempos si había, maioritariamente, unha actitude prepolítica, cimentada en toda a historia de represión e propaganda do franquismo.

"As loitas non ultrapasaban o ámbito no que se producían, o resto da xente nin se decataba do que pasaba, pola censura"

O equipo de Lourenzo Fernández Prieto estudou a represión e a resistencia nas súas diversas formas, desde as máis políticas (clandestinidade, guerrilla..) ata as variadas manifestacións cotiás de descontento estudadas por Ana Cabana e Daniel Lanero: do boicot ao motín, a denuncia... Ti salientas, pola contra, o "silencio" e o "consentimento maioritarios". Como conciliar estas dúas posturas?

En realidade non hai contradición entre os dous enfoques, senón complementariedade. Houbo moitas formas de resistencia que non deron lugar a unha conciencia política, a un proxecto de mudanza radical de tipo político. Son as resistencias cotiás que non chegan a cuestionar a orde existente, aínda que desobedecen de diversas maneiras: desde participar no estraperlo ata enganar as autoridades... Pero esas actitudes non aparecen co franquismo, sempre estiveran aí. Nos anos 60 comeza a recompoñerse o movemento operario e a renacer o nacionalismo organizado, pero cun alcance limitado. Quero dicir que foi un sector de vangarda que representaba unha parte pequena da sociedade, porque a maioría permaneceu allea a todo iso. As loitas non ultrapasaban o ámbito no que se producían, o resto da xente nin se decataba do que pasaba, pola censura. Cando morre Franco aínda era habitual que a xente aplaudise á policía nas manifestacións, porque pensaban que quen protestaba era un delincuente... Aquí non foi como en Portugal. A imaxe que se transmitiu sobre un elevado nivel de conciencia antifranquista e prodemocrática na poboación é só unha ilusión. A maioría respondeu á morte de Franco co silencio, cunha actitude expectante: a ver que vai pasar, a ver se vai haber outra guerra...

Foron as elites herdadas do franquismo, explicas, as que conduciron a transición. Mais non foi, se cadra, só a destrución da sociedade civil republicana durante a ditadura. Se cadra esa tendencia a empoleirar os que estaban xa no poder ten bases anteriores como, no aspecto sociolóxico, a propia estrutura da propiedade...

Claro. A República é un intento de mudar as cousas que durou só cinco anos, ou en realidade só tres, porque houbo dous de reacción. E non se poden apagar en tan pouco tempo uns modos de dominación que viñan, polo menos, da Restauración. Non foron só os 40 anos de franquismo e os case 20 de fraguismo, foi todo o anterior. E toda esa base estrutural que citas conforma un xeito de ver o mundo, un modo de vida... 

"Só houbo unha mudanza cosmética, de escenario, para non alterar o fundamental, que é un modelo de acumulación capitalista ao servizo duns poucos"

Esa continuidade das elites franquistas: na política, na xudicatura, no exército... é un dos motivos polos que a transición non foi tan exemplar, non si?

Beramendi demostrouno con datos. Dos deputados eleitos de AP no 77, o 66 por cento tivera cargos na ditadura. Esta porcentaxe era do 62 por cento no 79, e do 52 no 81. Eran os mesmos, da mesma clase social, que actuaban en beneficio dos mesmos. Só houbo unha mudanza cosmética, de escenario, para non alterar o fundamental, que é un modelo de acumulación capitalista ao servizo duns poucos. Sobre todo despois da desaparación de Carrero Blanco, estas elites tiveron claro que a converxencia con Europa esixía un lavado de cara. Era unha cuestión de oportunidade, nada máis.

Conflúes tamén con Beramendi e outros autores ao subliñar a limitación que, en termos electorais, supuxo para o BN-PG manterse durante tanto tempo na defensa da ruptura, fronte á reforma. Para ti, foi un erro de cálculo que os marxinalizou na construción da autonomía. Mais é un tema complexo, non si?

É difícil si, e o que digo é unha conclusión que se pode tirar coa perspectiva que dá o paso dos anos. Pretender a ruptura era unha postura que eu partillaba, no seu momento. O que acontece, na miña opinión, é que mantiveron esta estratexia demasiado tempo, cando xa estaba clara que a opción da ruptura non tiña posibilidade de realizarse. Despois acabaron mudando, e esa mudanza manifestouse na creación do BNG. Pero tiñan que facelo antes. Nese tempo, foi motivo de perda de apoios electorais. De igual xeito, o rexeitamento da autonomía apoiábase en argumentos sólidos, pero acabou marxinalizándoos da súa construción, na que non puideron influír. Nese aspecto foi máis intelixente a actitude de Camilo Nogueira: participar no proceso para, polo menos, tentar burlarlle o seu control á dereita reciclada.

"Foi máis intelixente a actitude de Camilo Nogueira: participar no proceso para, polo menos, tentar burlarlle o seu control á dereita reciclada"

A análise habitual, ata agora, era que foi o proceso de "moderación" do nacionalismo o que lle permitiu mellorar a súa posición en termos electorais, achegándose máis ao modelo dun catch-all-party, como di Fernández Baz por exemplo. Mais os últimos resultados parecen indicar un cambio respecto diso.

É certo que a moderación do discurso lle permitiu ao BNG incorporar máis segmentos sociais. Atemperar por exemplo o discurso de aliñamento cos países socialistas, ou mudar a simboloxía, axudou a chegar a máis xente. Pero ese proceso de incorporación doutros segmentos ten un límite, que é a desnaturalización do proxecto transformador que defendía. E eu creo que esas renuncias, das que o quintanismo é unha mostra, están na base do desastre actual do BNG. O que pasa agora é que nos atopamos nunha situación extrema, a xente quere unha mudanza polo menos de discurso, e por iso os votos a Beiras. Outra cousa é que detrás haxa algo que poida funcionar organizativamente, pero polo menos Beiras di as cousas claras. Claro que todo isto é moi complicado...

"Ao final Piñeiro acabou triunfando, como mostra o Galego coma ti de Fraga ou a actitude de institucións políticas e culturais como o Consello da Cultura ou a Real Academia Galega, para min neopiñeiristas totais"

Citas en varias ocasións o papel de Ramón Piñeiro: o certo oportunismo de Realidade Galega, a negativa del e de Paco del Riego á oferta de liderar o intento de recuperar o Partido Galeguista... Como xulgas o que fixo Piñeiro na transición?

Piñeiro xogou as súas bazas e tiña dereito a facelo. Podo entender que, por coherencia coa estratexia de Galaxia, por seguir coa súa liña habitual de non intervención partidaria directa, dixese que non ao PG. Pero o que non ten sentido é que despois o chamen do PSOE e acepte, e menos co argumento de que había que apoiar o socialismo galego. Porque había socialismo galego, que era o PSG e o POG, pero el obvia esa realidade e prefire un partido de obediencia estatal absoluta. De todos os xeitos, eu creo que ao final acabou triunfando, como mostra o Galego coma ti de Fraga ou a actitude de institucións políticas e culturais como o Consello da Cultura ou a Real Academia Galega, para min neopiñeiristas totais.

Mais a súa estratexia de galeguizar a socialdemócratas e democristiáns galegos non pareceu dar moito resultado, nin no PSOE nin no PP. Nin callou un proxecto galeguista de "centro".

É certo, si. Non houbo nada parecido a unha verdadeira "galeguización" neses partidos. O dun galeguismo de centro é moi complicado, porque nós non tivemos unha burguesía autóctona como Cataluña ou o País Vasco. O nacionalismo partiu aquí dun sector intelectual da pequena burguesía e non conseguiu impregnar a maioría social. Tampouco un galeguismo de centro tiña espazo na transición, porque pola dereita xa estaban a UCD e AP e pola esquerda o nacionalismo. O intento máis serio foi o PG no que se implicou xente coma  Pousa Antelo ou o pai de Beiras, pero durou pouco. Outra tentativa foi Coalición Galega, e as máis recentes que pretenderon utilizar as vellas siglas non son máis que oportunismo.

"O BN-PG adoptou unha postura moi maximalista que facía moi difícil un apoio maior nas urnas"

Botóuselle, en boa medida, a culpa ao piñeirismo de bloquear o desenvolvemento dun nacionalismo de esquerdas forte. Mais, por que o nacionalismo non conseguía un impacto electoral que se correspondese coa súa presenza social? Dalgún xeito é un debate que continuou ata hoxe.

Era complicado. O BN-PG adoptou unha postura moi maximalista que facía moi difícil un apoio maior nas urnas. É certo que socialmente tiña máis forza, no sindicalismo por exemplo. Pero traducir isto en apoio electoral era moi complicado. Pero este mesmo problema tamén o tivo o PC. Tiña unha capacidade de actuación grande no movemento operario, pero á hora das eleccións a xente desconfiaba, influenciada pola propaganda franquista e os medos a unha volta ao pasado. O meu libro non pasa do final da transición, pero eu creo que para comprender o que ocorreu despois está moi ben a análise que fai Ramón Quintana en Un longo e tortuoso camiño: adaptación, crise e cambio no BNG. 1971-2009. El parte dunha postura ideolóxica moi diferente da miña, pero fai unha análise moi lúcida do que foron os erros do BNG. El sente mágoa polo fracaso dun proxecto integrador e moderado como o de Quintana que eu creo que non levaba a ningures, pero explica moi ben todo o proceso.

"A Lei de Amnistía foi recibida no seu tempo como un gran avance, como unha conquista histórica, que o foi. Pero daquela non nos decatamos do atranco que ía supoñer para unha política de recuperación da memoria histórica"

A Lei de Amnistía e os Pactos da Moncloa non foron cuestionados en todo o seu alcance ata hai relativamente pouco. A primeira, polas asociacións de memoria histórica. A segunda, polo resultado acadado polas sucesivas reformas laborais, ata hoxe.

O certo é que a Lei de Amnistía foi recibida no seu tempo como un gran avance, como unha conquista histórica, que o foi. Pero daquela non nos decatamos do atranco que ía supoñer para unha política de recuperación da memoria histórica, porque supuxo un cheque en branco de impunidade para os criminais do franquismo. Non foi igual cos Pactos da Moncloa, que xa entón espertaron máis oposición. En Compostela foron a esquerda radical, sectores do CCOO, a CNT..., que xa viron entón que aquilo ía pasar factura. O propio Marcelino Camacho recoñeceu antes de morrer que non debería ter asinado aquilo.

"Suárez privilexiou descaradamente o PSOE, que quixo facer o seu alter ego promovendo o modelo tan estendido en Europa occidental de alternancia entre socialdemócratas e democristiáns"

Non houbo na transición, recordas no libro, igualdade de oportunidades para todos. A esquerda radical foi excluída nun primeiro momento: MCG, LCR... E a UCD privilexiou, segundo dis, ao PSOE e a UGT.

Incluso a UPG nas primeiras eleccións era aínda ilegal. Varias organizacións tiveron que buscar subterfuxios para poder presentarse: tamén republicanas... Todo isto formou parte da estratexia da UCD de dividir e segmentar a oposición democrática. Adolfo Suárez privilexiou descaradamente o PSOE, que quixo facer o seu alter ego promovendo o modelo tan estendido en Europa occidental de alternancia entre socialdemócratas e democristiáns, que lembra o turnismo da Restauración, e que tamén entrou nos plans de Piñeiro. Isto foi promovido pola UCD -AP mantiña entón aínda unha liña claramente franquista-, e pola socialdemocracia internacional, malia que o PSOE era un partido case desaparecido naquela altura. O PC aspirou a ocupar esa mesma posición, seguindo o modelo do PCI italiano, pero fracasou. A UCD, moi hábilmente, escolleu o PSOE e a UGT, para así tamén restar hexemonía a CCOO. Estaba claro que de CCOO non podía esperar o mesmo nivel de colaboración que da UGT, e por iso a escolla. Por esa época andaba por alí ademais xente coma Rajoy, discípulo ideolóxico dun ultra coma Fernández de la Mora.

A rama galega da UCD foi, ademais, segundo a túa análise, unha organización cun especial peso no seu seo do franquismo, ademais de vellos caciques locais.

Había auténticos franquistas e logo tamén xente coma Antonio Rosón, que malia as súas connotacións franquistas tivo un papel moi digno no seu papel como presidente da preautonomía. Tanto que acabou sendo apartado.

"Fraga tivo unha actuación propia dun auténtico ultra nese tempo. Despois quixo mudar a súa imaxe cando volveu a Galiza despois de fracasar no seu proxecto político en Madrid"

Outro dos aspectos que salientas é a violencia política do Estado no final do franquismo, e a responsabilidade que nela tivo Manuel Fraga. Unha etapa que non foi moi recordada cando o ex-presidente da Xunta e ex-ministro franquista faleceu.

Fraga tivo unha actuación propia dun auténtico ultra nese tempo. Despois quixo mudar a súa imaxe cando volveu a Galiza despois de fracasar no seu proxecto político en Madrid, polo que agochou o déspota franquista que fora. Eu non creo que fose nunca un demócrata. Radicalmente non. El e o seu partido, AP, eran nun principio radicalmente contrarios á autonomía, pero despois decatáronse de que podían tirar vantaxe da mudanza de estratexia, que aceptaron mentres estivese por enriba a "unidade española" e todo iso. E cando agora se di que Fraga era mellor que o actual PP, hai que lembrar que é certo que con Fraga se aprobou a Lei de Normalización, pero para non cumprila e deixar morrer o galego pouco a pouco. O que ocorre é que co goberno de Feijoo hai tal regresión que hai quen cre que a de Fraga foi unha época dourada, pero non houbo tal. Tamén é certo, na miña opinión, que como o bipartito non deu nin un paso adiante en normalización lingüística, preparou o terreo para o que está a facer agora Feijoo. Houbo unha enorme falta de coraxe no nacionalismo durante o bipartito respecto diso.

Rematas o libro falando do 23-F. Ultimamente están a saír á luz informacións que cuestionan o relato oficial sobre o papel do Rei nestes feitos.

Nunca soubemos o que pasou realmente nin o vamos saber porque non interesa. Acabo o libro con iso porque foi o que pechou a transición, no sentido de consolidar unha transición enganosa e conservadora, e sacralizar a monarquía parlamentar como o único réxime posible. A transición foi, así, unha operación de maquillaxe para manter incólume o modelo de acumulación do capital e de dominación social da burguesía española. E a coroa española parece que só agora, con todos os escándalos, se está a erosionar. Porque hai tres anos ninguén imaxinaría que se estivese cuestionando ao Rei como está pasando.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.