O feminismo galego volve manifestarse unido "en loita polos nosos dereitos"

Presentación da marcha, este xoves CC-BY-SA Praza Pública

"Nós, mulleres galegas en loita polos nosos dereitos". Deste xeito se abre o manifesto que convida a participar na manifestación convocada para este sábado en Compostela con motivo do 8 de marzo e que é apoiado por 24 colectivos e entidades. É tamén o lema da marcha e foi o mesmo lema que o pasado ano reuniu milleiros de persoas. "Trátase de facer ver que as mulleres estamos en loita continua polos nosos dereitos", sinalaba Mai Insua (Rede Feminista Galega) na rolda de prensa que este xoves pola mañá serviu para facer pública a convocatoria. A manifestación partirá este sábado ás 12.30 da estación de tren de Compostela e rematará na Praza da Quintana.

Destácase que as mulleres sofren cada vez máis "situacións de precarización, contratos a tempo parcial ou discriminación salarial" e que un dos efectos da crise é que se está empurrando de novo á muller a ficar recluida na casa, "perpetuada no rol de coidadora"

O texto fai fincapé en que son as mulleres as que en maior medida está padecendo os efectos da crise. Mai Insua e Laura Sousa (Adiante) manifestaron a importancia "da creación de alianzas e da unión das mulleres para reivindicar que nesta mal chamada crise, que en realidade é unha estafa, se está aproveitando para relegar a cuestión do xénero a un segundo lugar e para reclamar, dende a rebeldía, os dereitos das mulleres, que están en claro retroceso". O manifesto denuncia os recortes e a privatización de servizos públicos e sinala que estas medidas están acrecentando "a desigualdade inherente a este sistema, tanto entre homes e mulleres coma entre persoas ricas e pobres". Destácase que as mulleres sofren cada vez máis "situacións de precarización, contratos a tempo parcial ou discriminación salarial" e que un dos efectos da crise é que se está empurrando de novo á muller a ficar recluida na casa, "perpetuada no rol de coidadora".

Lola Ferreiro Díaz (Rede Feminista Galega) salienta que "necesariamente" a crise económica ten que marcar a manifestación deste ano polo maior impacto que os recortes, a precarización laboral ou a retirada de axudas para o coidado de persoas dependentes teñen para as mulleres. "A acometida está sendo brutal e a nosa resposta debe ser proporcional á agresión", di.

O texto tamén fai referencia ao "paso atrás de máis de 30 anos" que significa "a modificación da Lei do aborto", que pretende "negarnos o dereito a decidir sobre os nosos propios corpos e as nosas propias vidas". E denuncia a supresión dos "organismos encargados da igualdade, que subvencionan a segregación por sexo no ensino, devolvéndonos a tempos pretéritos".

"A cidadanía no seu conxunto non nos podemos permitir atomización ningunha. Esa é unha situación que o patriarcado e o capital aplauden coas orellas"

Lola Ferreiro Díaz destaca o carácter "unitario" da convocatoria, "todo un éxito en si mesmo", pero chama a atención sobre o feito de que a multitudinaria manifestación do pasado ano se preparou con moita máis antelación. "Nos últimos anos o movemento feminista no seu conxunto fixo un esforzo de achegamento", sinala, que permitiu que se rachase a fenda que separaba as distintas xeracións de feministas galegas, entre as que había un descoñecemento recíproco. "O modelo unitario de loita obrigounos a darnos a coñecer", di e engade que "a cidadanía no seu conxunto non nos podemos permitir atomización ningunha. Esa é unha situación que o patriarcado e o capital aplauden coas orellas". E conclúe: "a esquerda tería que aprender moito do feminismo neste senso".

 

As reivindicacións do manifesto

O manifesto péchase cunha serie de reivindicacións entre as que se atopan as seguintes:

  • Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista
  • Sanidade pública, universal (incluíndo a todas as persoas, tamén ás persoas sen papeis) e de calidade, con atención especializada á saúde das mulleres. Non ao peche dos COF nin á demora da atención xinecolóxica.
  • Mantemento, como mínimo, da actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva que inclúe o dereito das mulleres á interrupción do seu embarazo na sanidade pública.
  • Ensino público, coeducativo, non sexista, laico, de calidade e en galego. Paralización do proxecto da Lei Wert.
  • Dereito a unha vivenda digna. Paralización dos desafiuzamentos. Fomento do aluguer social.
  • Emprego de calidade e salarios dignos para todas as persoas, con igualdade salarial entre mulleres e homes. Eliminación da temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres.
  • Prestacións sociais e pensións dignas e Renda Básica das Iguais.
  • Equiparación dos dereitos laborais das empregadas do fogar, das traballadoras do sexo e das traballadoras migrantes.
  • Aplicación da Lei de Titularidade Compartida nas explotacións agrarias.

O manifesto é apoiado por Adiante, AMI, Andaina, Anova–IN, Area da Muller de Esquerda Unida, Asamblea Aberta de Compostela, Asemblea de Mulleres Aguilhoar, Asemblea de mulleres do Condado, Asemblea de Mulleres do STEG, BNG, Briga, Central Unitaria de Traballadoras, Feminismos Compostela, Fiadeiras Ceesg, Foro Galego de Inmigración, Fpg, Isca!, Marcha Mundial das Mulleres, Nós mesmas, NÓS-Unidade Popular, Observatorio Feminista de Saúde da Coruña, Rede Feminista Galega, Secretaría da Muller da CIG, e Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego.

Marcha polo Día Internacional da Muller en 2012 © Susete Ferrol
CC-BY TingaLaranga AudioVisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.