0 Gardados para despois

En loita o 8 de marzo contra o peche dun centro de orientación familiar na Coruña

Redacción | @prazapublica

"Son moitos os problemas a reivindicar, son moitas as desigualdades a superar pero este ano na Coruña queremos centrar o 8 de marzo no dereito á saúde sexual e reprodutiva e a recibir unha atención sanitaria de calidade, pública e nos tempos precisos". O Grupo de Apoio ao COF (Centro de Orientación Familiar) convoca a cidadanía este Día Internacional da Muller no Obelisco da Coruña para denunciar o "desmantelamento" dun destes centros na Coruña, o que provocaría a saturación do outro existente na cidade e que xa atende a milleiros de mulleres da comarca.

A supresión do COF do Ventorrillo provoca que máis de 150.000 mulleres teñan que ser atendidas no outro único centro da cidade

A xubilación do xinecólogo do COF do centro do Ventorrillo e o conseguinte peche anunciado polo Sergas ante a intención de non cubrir a praza provocará, como denuncian os colectivos en contra desta decisión, a total saturación do outro centro, o de Orillamar, que ten asignados os concellos da Coruña, Oleiros, Sada, Cambre e Carral ou, o que é o mesmo, un total de 90.834 mulleres de entre 15 e 54 anos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística. A esta cifra sumaríanse as 62.000 mulleres da mesma franxa de idade que habitan nos trinta e dous municipios da provincia que ata o de agora son responsabilidade do Ventorrillo. Así as cousas, máis de 152.000 mulleres estarían atendidas por dous profesionais da xinecoloxía, que terían cadanseus 80.000 potenciais pacientes.

Así, todas as agrupacións e formacións políticas e sindicais que se manteñen en loita contra o peche deste COF farán este venres unha concentración unitaria na que se lerá a Carta dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos e onde se denunciará a situación á que quedan abocadas as mulleres de toda a comarca, unha consecuencia que sitúan dentro da política "de desmantelamento da sanidade pública" que leva a cabo a Xunta de Galicia.

O desmantelamento deste COF xa está a provocar atrasos nas consultas e a saturación das consultas de xinecoloxía

Segundo o Grupo de Apoio ao COF, o desmantelamento deste centro xa a está a provocar os primeiros problemas. "As citas urxentes son atendidas no COF de Orillamar pero hai mulleres que levan esperando pola súa revisión xinecolóxica arredor dun ano e agora dinlles que serán atendidas, non se sabe ben cando, na consulta de xinecoloxía do Ventorrillo, en Carballo ou en Betanzos", aseguran, tras lembrar que "hai procedementos como a colocación de DIU ou os implantes subdérmicos que non se fan en ningún outro sitio máis que nos centros de orientación familiar".

Curiosamente, esta protesta, que coincide no Día Internacional da Muller, celebrarase o mesmo día no que se debaterá no Parlamento de Galicia sobre o recorte neste COF. O grupo de AGE preguntará para coñecer as medidas que se teñen pensado desnevolver dese a Xunta para "garnatir os ratios facultativos nos centros de orientación familiar da Coruña". A propia Federación de Centros de Planificación Familiar e a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalan que "para esta poboación tería que haber, como mínimo, un terceiro centro que atendese este elevado número de usuarias e usuarios".

Na concentración deste venres na Coruña haberá diversas actuacións, desde a lectura de poesía, escenas de teatro, cancións, gaitas e outras músicas como a dunha tamborileira ou de pandereteiras. Ademais, nela participarán actrices como Carmen Blanco, Comba Campoi, Erika Gonzalez de Miguel, Estíbaliz Veiga, Luisa Veira, Mónica Caamaño e Vanessa Rivas; a cantante e poeta Estíbaliz Espinosa, acompañada polo músico Xoan Piñón;  gaiteira Erea Estévez e a tamborileira María Xosé Abeijón; pandereteiras Boubas; a poeta Iolanda Castaño; e a profesora de postgrao de xénero da Universidade de Vigo Lola Ferreiro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.