"É inaceptable que Feijoo culpe os profesionais da morte no Hospital de Vigo"

Profesionais dun hospital galego realizan unha proba © Sergas

"Consideramos inaceptable que o presidente da Xunta intente culpabilizar os profesionais da morte desta muller. É algo escandaloso. Quere botar a cidadanía contra os traballadores". Fala Manuel Martín, de SOS Sanidade Pública, en referencias ás declaracións que este xoves realizaba Alberto Núñez Feijoo que afirmou que cumpría investigar o falecemento dunha muller no servizo de Urxencias do Hospital de Vigo porque no diagnóstico previo "non se deducira unha situación de emerxencia ou de urxencia grave".

"A situación do hospital vén sendo denunciada dende hai tempo. Faltan camas, faltan quirófanos, faltan boxes de urxencias. É urxente que un novo hospital repare esta situación"

Martín lembra que a plataforma leva moito tempo denunciando as amplas listas de espera dos hospitais da área sanitaria de Vigo a falta de camas e a derivación de pacientes cara os centros privados: "a situación do hospital vén sendo denunciada dende hai tempo. Faltan camas, faltan quirófanos, faltan boxes de urxencias. É urxente que un novo hospital repare esta situación, que fai que Vigo sufra as peores listas de espera de toda Galicia e que este sexa o hospital máis vello de todo o Estado". O voceiro da plataforma sinala o problema estrutural que se atopa na base deste colapso: "a Xunta leva un atraso de tres anos na apertura do novo hospital polo seu empenamento en que o hospital teña financiamento privado. O hospital está parado mentres a xente está morrendo". Unha manifestación protestará o 14 de marzo en Vigo contra o proxectado hospital de xestión privada.

"A xente apoia rotundamente a sanidade pública e a única maneira de que a xente mude a súa posición con respecto á sanidade pública é xerar este deterioro"

Para Manuel Martín os recortes teñen o obxectivo final de degradar o sistema sanitario público para facilitar a súa privatización: "A xente apoia rotundamente a sanidade pública e a única maneira de que a xente mude a súa posición con respecto á sanidade pública é xerar este deterioro". Pero salienta que "a cidadanía está manifestando o seu apoio rotundo e está manifestándose xunto cos profesionais pola sanidade pública".

 

"Privatización encuberta"

Eva Solla: “É un problema que vai máis aló das urxencias, porque hai unha falta de camas. Mesmo no verán podemos ver pacientes nos pasillos porque hai plantas pechadas para aforrar persoal”

A deputada de AGE Eva Solla salienta que a situación de colapso que se puxo en evidencia do servizo de urxencias de Vigo repítese noutros lugares, coma A Coruña ou Ferrol. Solla sinala que “é certo que todos os anos se produce un aumento das incidencias por problemas respiratorios. Pero este tipo de picos hai que prevelos” e engade que “é un problema que vai máis aló das urxencias, porque hai unha falta de camas. Mesmo no verán podemos ver pacientes nos pasillos porque hai plantas pechadas para aforrar persoal”.

"Cando hai falta de camas estase derivando por sistema os pacientes aos centros privados e isto é unha privatización encuberta da sanidade"

Solla estende a denuncia a un intento "de privatización encuberta" do servizo: "cando hai falta de camas estase derivando por sistema os pacientes aos centros privados e isto é unha privatización encuberta da sanidade". E salienta que "a xente que recibe a súa atención sanitaria pública en Povisa ten dereito a recibila nun hospital público". Para Solla, "tal e como está proxectado o novo hospital e o tamaño que finalmente vai ter non vai garantir as camas suficientes para a área sanitaria de Vigo". Por ese motivo aposta "pola recuperación da concesión para que a xestión sexa pública".

 

Críticas no Parlamento

Carlos Aymerich manifestou que “os recortes do Partido popular en materia de sanidade matan e reducen a calidade e esperanza de vida”

De igual xeito o deputado do BNG Carlos Aymerich manifestou que “os recortes do Partido popular en materia de sanidade matan e reducen a calidade e esperanza de vida”. Aymerich cualificou de "propaganda" a intervención do director xeral de Atención Sanitaria na presentación, en comisión parlamentaria, do Programa galego de detección precoz de cancro de colon e criticou que o Sergas "continúe utilizando de escudos humanos os profesionais sanitarios en vez de asumir que os colapsos nos centros de urxencias e a redución de recursos humanos son responsabilidade da Administración pública.

Carmen Acuña afirma que o suceso “cuestiona moi seriamente a xestión que está a desenvolver o goberno de Feijóo nesta área sobre a que ten as máximas competencias

Tamén a portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, esixiulle hoxe á Xunta que explique no Parlamento as circunstancias que provocaron o falecemento da muller en urxencias. Sinala que estes servizos “estanse a facer tristemente famosos polos colapsos continuados”, chegando ao límite “onte co falecemento dunha muller mentres esperaba a ser atendida”. Acuña afirmou que o suceso “cuestiona moi seriamente a xestión que está a desenvolver o goberno de Feijóo nesta área sobre a que ten as máximas competencias” e apunta que este feito “se ven sumar ás imaxes do mal funcionamento destes servizos básicos” con “padiolas acumulándose en condicións infrahumanas, anciáns que pasan días recibindo o tratamento nun sillón por carecer de cama ou as ambulancias paralizadas sen poder introducir aos doentes por carecer de padiolas”.

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.