Carta ao alcalde de Coristanco para que se opoña á mina de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

Carme Varela, natural de Cereo, parroquia do Concello de Coristanco, escribe ao alcalde da localidade pedíndolle que non dea o visto e prace á Mineira de Corcoesto para operar na zona. A balsa de lodos que prevé construír a compañía destruiría o manancial de Baralláns, que subministra de auga aos veciños.

Estimado Sr. Pensado.

Son unha veciña de Cereo, aínda que hai máis de vinte anos que non vivo alí. Creo que uns poucos menos dos que vostede leva gobernando o concello.

Recórdanme meus pais que unha das grandes cousas que vostede fixo, e da que toda a parroquia aínda lle segue moi agradecida, foi a traída da auga do manancial de Baralláns. Antes de entrar vostede no Concello, todos os veráns había problemas coa auga, conflitos entre os veciños e, a parte que a min máis me tocaba, moito traballo carrexando caldeiros de auga da fonte, costa arriba cara ao Barreiro, para a casa e os animais. Eu tamén lle agradecín moito o seu logro.

Paradoxalmente, esa auga vai ser o primeiro que desapareza cando Mineira de Corcoesto-Edgewater teña o seu visto e prace para operar. O manancial de Baralláns -do que miña nai fala como se describira o ceo: “a auga sae dunhas pedras brancas que é unha marabilla velas”- vai ser destruído para meter a balsa de lodos. Si, cambiamos manancial de augas puras por lodos contaminados… Está vostede seguro de que os da mina lle fixeron un bo “trato” ou faceríanlle un bo “truco”? Sabe vostede como vai abastecer a parroquia de Cereo? Con cisternas que subministren auga 2-3 horas ao día como fan nos pobos mineiros do Perú? Se xa ten esa información, non cree que os veciños, afectados directos, teñen dereito a coñecela? E, se non a ten aínda, non cre que sería importante saber como se vai suplir a falta do manancial antes de que o destrúan?.

Moitos dos veciños que hoxe seguen calados confían en vostede, deféndeno, porque non conciben, non se cren, non entenden que vostede non os vaia defender a eles, as súas terras, as súas casas, a súa saúde.

Cando lle conto a meu pai que vai haber 196 voaduras “tipo A” ao ano (saen 4 á semana) que cada unha arranca 37.800 m3 de material, perforando máis de dous quilómetros e medio de barrenos en cada voadura, levantando unhas nubes de po que poden chegar ata 50 quilómetros á redonda, sepultando colleitas, prados, hortas,… El, confuso, dime “pero, se iso é tan malo como dis, por que non nos defende o noso alcalde?”

Pódelle contestar vostede, señor Pensado?

Un cordial saúdo,

Carmen Varela

A manifestación contra a mina de Corcoesto, en Coristanco CC-BY Meli Souto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.