Onde está a lei de transparencia?

Web da Coalición Pro Acceso © http://www.proacceso.org

"España terá nos primeiros 100 días [do meu Goberno] unha lei de transparencia, bo goberno, e acceso á información pública. Todo o mundo poderá saber en que se gasta o diñeiro. Transparencia total". Díxoo Rajoy en campaña electoral, en setembro de 2011, pero o certo é que tamén o dixo despois de gañar as eleccións. A promesa electoral converteuse en promesa presidencial... pero tampouco se cumpriu. Rajoy chega xa 128 días tarde ao seu compromiso e España segue sendo o único país de máis dun millón de habitantes sen lei de Transparencia ou acceso á información pública.

Rajoy chega xa 128 días tarde ao seu compromiso e España segue sendo o único país de máis dun millón de habitantes sen lei de Transparencia ou acceso á información pública

"Onde está a lei de transparencia?", pregúntanse os integrantes da Coalición pro Acceso, que lanzaron unha campaña en Twitter en busca de algo de ruído e presión. "A Comisión Constitucional, encargada de debatela, non publicou un calendario, non dá datas sobre cando se aprobará e non está a contar coa cidadanía para mellorar o proxecto de lei", quéixanse nun texto.

O proceso, efectivamente, entrampouse no Congreso, onde o primeiro texto achegado polo PP acumula xa 20 atrasos nos prazos para presentar emendas. Neste tempo, o Goberno aproveita para tentar negociar co PSOE as grandes liñas da lei e blindar de cara ao futuro os límites da súa aplicación. Rajoy anunciou hai unhas semanas que "os criterios da Lei de Transparencia aplicaríanse aos partidos", unha frase que para as organizacións pro transparencia podería ter truco: demandan unha aclaración moito máis específica de que formacións políticas ou sindicatos estarán reguladas expresamente pola lei.

O proceso, efectivamente, entrampouse no Congreso, onde o primeiro texto achegado polo PP acumula xa 20 atrasos nos prazos para presentar emendas

Hai exactamente un ano, empezamos a preguntarnos como sería a lei. Sería unha lei boa, mala ou regular? Insuficiente como en Italia ou exemplar como en Eslovenia ou Reino Unido? A liña vermella entre o que sería satisfactorio e o que non está no ámbito de aplicación da lei: A que datos e cargos públicos vai afectar? Quedarán fóra os xuíces ou o funcionamento do Congreso? Inclúe as axendas oficiais, os informes ou a información estatística e demográfica? Haberá un órgano de revisión independente de transparencia ao que recorrer? Durante estes meses, algunhas destas cuestións aclaráronse e algunhas expectativas desinfláronse.

Máis de 60 organizacións valoraron como "insuficiente" o primeiro borrador da lei

Máis de 60 organizacións valoraron como "insuficiente" o primeiro borrador da lei. Primeiro, porque tal e como está, a lei establece un órgano para vixiar que o resto da administración cumpra, pero esa axencia dependería do Ministerio de Facenda, o que non é suficiente garantía de independencia, segundo os críticos. Segundo, porque ten demasiadas excepcións, demasiadas cousas que quedan fóra: A Casa Real, como exemplo máis concreto, non se someterá á lei; os partidos e sindicatos, está por ver; os borradores e anteproxectos que xestione o goberno tampouco serían públicos coa actual lei. E por último, un aspecto máis técnico: a Coalición Pro Acceso quere que o dereito a acceder á información pública se recolla como un dereito fundamental.

Web da Coalición Pro Acceso © http://www.proacceso.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.