"Galicia debe prohibir as minas a ceo aberto, o uso de cianuro e o 'fracking"

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

A Alianza Rural Galega, que forman Adega, CIG, Fruga e a Organización Galega de Comunidades de Montes en Mancomún, vén de presentar o Manifesto polo Aproveitamento Sustentábel dos Recusos Xeolóxicos e contra a Minaría Contaminante. As organizacións que o subscriben agardan que poida "servir de base para a constitución dunha ampla plataforma social galega contra a minería contaminante" e as múltiples ameazas deste tipo que ten Galicia, tal e como se acordou tras o encontro de expertos celebrado en Teo o pasado mes. O texto reclama que "se prohíban as técnicas de fracking" e as minas a ceo aberto, así como o uso de cianuro na extracción de minerais.

"Trátase de conquerirmos un amplo acordo social arredor dunhas condicións mínimas para garantir un aproveitamento racional dos recursos mineiros, rexeitando determinadas práticas e establecendo criterios para salvagardar os ecosistemas e o noso medio rural", aseguran os autores dun texto que pretende ser un "mínimo común que permita dar unha resposta global en clave galega á grave ameaza que a minaría supón". Por iso, insisten en convidar a "todos os colectivos sociais, políticos, asociacións e plataformas de afectados a participar neste proceso, debater as propostas e incorporalas".

"O aproveitamento dos recursos non debe comprometer o acceso das xeracións futuras a estes recursos e aos usos do solo"

Xa que logo, o manifesto lembra que cómpre asegurar que o aproveitamento dos recursos xeolóxicos "non comprometa o acceso das xeracións futuras a estes recursos e aos demais usos do solo" polo que sería necesario "previr e limitar os efectos nocivos das actividades mineras e promover a sustentabilidade ecolóxica, económica e social do seu aproveitamento e minimizar os seus riscos ambientais".

O texto sitúase claramente en contra da minería a ceo aberto e da fractura hidráulica (fracking) por ser "actividades de moi graves impactos sobre o territorio, o medio ambiente e sobre os distintos usos do solo" e recorda que "moitas das materias primas que se tiran da actividade mineira, particularmente os metais e elementos tecnolóxicos pódense obter mediante a reciclaxe".

Ademais, o documento lembra tamén que a explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais "está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocolonial" e pide que a Administración Pública, a través do Consello da Minaría de Galicia, "deberá tutelar o aproveitamento destes recursos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos".

"Os recursos xeolóxicos teñen que ser usados para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses da empresa"

Por todo o anterior, as entidades asinantes reclaman en varios puntos que os recursos xeolóxicos sexan usados "de forma eficiente para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses das empresas" e que non aumente a extracción de substancias da codia terrestre "se estas materias primas poden ser beneficiadas mediante a recuperación e a reciclaxe".

Xa que logo, reclaman tamén que os traballos de extracción se fagan "coas mellores técnicas dispoñibles en funcción do seu impacto sobre o ambiente e a saúde" e que o aproveitamento dos recursos xeolóxicos sexa "compatíbel coa protección do medio ambiente e do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural". "O aproveitamento destes recursos non debe empobrecer os sistemas agroforestais nen alterar os ecosistemas naturais", insiste.

O manifesto pide con claridade a prohibición do 'fracking', das minas a ceo aberto e o uso de cianuro

Por outra banda, reclaman que "se prohíban as técnicas de fracking", a extracción "de minerais metálicos e outros elementos tecnolóxicos polo sistema de ceo aberto",  que o uso do cianuro "quede vetado en todo caso, así como o emprego de substancias perigosas ou metodoloxías que poidan poñer en risco a saúde ambiental e cidadá se non existen alternativas". A este respeito, as técnicas de fracking non estarán permitidas en todo o territorio galego, incluida a plataforma continental.

Ademais, piden que "todos os xacementos de susbtancias minerais metálicas e elementos tecnolóxicos existentes no subsolo de Galiza, incluindo a plataforma continental, sexan considerados estratéxicos para o país". "A participación das administracións no beneficio neto das empresas concesionarias no debería ser inferior ao 20%", reclama o manifesto, que aclara que "non se poderán conceder permisos de exploración, investigación e explotación mentras non se elabore o Plano Sectorial das actividades extractivas e se constitúa o Consello da Minaría".

"Os responsábeis das concesións deberán contar, antes do inicio da actividade, cun seguro ou garantía de cobertura con entidade suficiente para garantir o pago dos custos e indemnizacións xeradas por eventuais accidentes", engade, ademais de solicitar que "os beneficios obtidos polas administracións derivados das actividades mineiras autorizadas se dediquen en primeiro lugar á mellora ambiental e socioeconómica das comunidades nas que de desenvolvan proxectos de explotación e a proxectos dinamizadores do medio rural".

Mina a ceo aberto © SLG
O fracking é unha perigosa técnica de extracción de gas natural Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.