0 Gardados para despois

A xustiza europea considera ilegal a lei de desafiuzamentos de España

Redacción | @prazapublica

Documentos relacionados

Día histórico. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) vén de ditaminar este xoves que a lexislación española sobre desafiuzamentos vulnera a normativa comunitaria ao non garantirlle aos cidadáns unha protección suficiente fronte ás cláusulas abusivas nas hipotecas. O ditame declara ilegal e abusiva a normativa en España, que non permite paralizar un desaloxo invocando a estas cláusulas abusivas, senón que a cuestión debe ditaminarse noutro xuízo unha vez que se consumou a expulsión.

A xustiza europea declara ilegal a normativa española por non protexer os cidadáns fronte ás cláusulas abusivas das hipotecas

Xa que logo, o tribunal bota abaixo unha normativa que permite que as familias que non poidan pagar a hipoteca queden na rúa e coa débeda por pagar. Dá a razón aos que desde hai anos denuncian unha dramática e abusiva situación. A xustiza europea declara ilegal o que xa era inxusto e arguméntao lembrando que en España os desafiuzamentos non poden ser paralizados mediante medidas cautelares dos xuíces aínda "cando acordar esas medidas sexa necesario para garantir a plena eficacia da súa decisión final". En definitiva, a lei española non é compatible coa lei europea.

O ditame é de obrigado cumprimento para todos os xúices da UE e aplicable desde xa

O ditame do tribunal europeo será directamente aplicable desde xa e nos procesos que están vivos, pero tamén nas sentenzas pendentes de ditar. Ademais, o ditame é de obrigado cumprimento para todos os xuíces da UE e os maxistrados deberán telo en conta en todos os casos, aínda que non sexa vinculante. España non estaría obrigada a cambiar a lei, pero o Goberno xa advertiu de que esperaría a esta decisión para aprobar o proxecto de lei sobre desafiuzamentos que se atopa en trámite.

Esta histórica sentenza, que abre a vía á paralización xudicial dos desafiuzamentos en España, responde a unha demanda presentada no xulgado mercantil de Barcelona, que debe ditaminar sobre o caso dun cidadán ao que Catalunya Caixa forzou a súa expulsión da vivenda que ocupaba en xaneiro de 2011 polo impago da hipoteca.

Mohamed Aziz, que así se chama o cidadán, pide que se declare nula unha das cláusulas do préstamo hipotecario e que, xa que logo, a execución hipotecaria sexa considerada tamén nula.

Esta histórica sentenza chega xusto cando se desenvolve o trámite parlamentario no Congreso da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que con millón e medio de sinaturas pide que se paralicen os desaloxos, que os afectados poidan devolver os pisos ao banco e pagar un alugueiro social.

A nova era esperada logo de que a avogada xeral da UE, Juliane Kokott, xa emitira un ditame non vinculante na que acusaba o sistema de execución hipotecaria española de "limitar de forma grave as posibilidades de defensa do executado á luz da normativa europea". "A regulación procesal española é incompatible coa directiva, xa que menoscaba a eficacia da protección que esta busca", asegurara.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Gallardón asume que terá que cambiar a lei hipotecaria

O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, admitiu que o Goberno camibará a lei española sobre desafiuzamentos e hipotecas para adaptala á lei europea logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE. En declaracións no Congreso, dixo non coñecer o ditame con detalle, pero asegurou que "naturalmente" se incorporará á normativa estatal.

"Os aspectos contrarios á lexislación europea serán corrixidos", di Gallardón

"Todos os aspectos que foran declarados contrarios á lexislación europea serán corrixidos", asegurou Gallardón, aínda que é previsible que a modificación lexislativa non contente a todos. Á espera da negociación do executivo cos grupos parlamentarios, os tres puntos "innegociables e de mínimos" dos que fala a PAH na súa ILP non serán asumidos polo Goberno. Son a dación en pago, a paralización dos desafiuzamentos e a creación dunha bolsa de vivendas en aluguer social.