0 Gardados para despois

"A folga xeral de Vigo de 1972 foi o maior éxito histórico da clase obreira galega"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En setembro de 1972, tres anos antes da morte do ditador, a industria de Vigo mantivo durante más de dúas semana unha folga xeral que chegou a sumar máis de 15 mil traballadores. Houbo máis de seis mil despedimentos, que finalmente quedaron en 400, e o golpe de forza dos obreiros vigueses chegou a converterse nunha verdadeira preocupación para o réxime. A folga de setembro, que fora precedida doutra gran folga xeral en marzo en Ferrol e Vigo en protesta polo asasinato na cidade departamental de Amador Rey e Daniel Niebla, supuxo ademais un importante pulo para o sindicalismo en Galicia e o agromo de varias organizacións e líderes.

Este venres, a partir das sete da tarde no museo Marco de Vigo, a Unión Comarcal de CCOO organiza un acto polo 40 aniversario da folga. No acto participarán Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Vigo, Waldino Varela, un dos fundadores de CCOO en Vigo e antigo dirixente sindical nos estaleiros Vulcano, o investigador Ricardo Gurriarán, da Fundación 10 de Marzo, e o profesor Carlos Barros, da USC, e que formou parte do comité central do PC. 

As mobilizacións comezaron con reivindicacións do persoal de Citroën, que axiña sumaron a solidariedade de todo o movemento obreiro vigués. O 6 de setembro o comité de empresa de Citroën Hispania reivindicou a xornada de 44 horas na negociación do convenio colectivo e convoca os primeiros paros. Tres días despois a empresa comunicou o despido a 5 traballadores e expedientou outros catro sindicalistas. O luns 11 ás seis da mañá os traballadores concentráronse na fábrica e iniciaron una marcha cara a Reyman e Barreras para pedir a solidaridad dos traballadores. Vulcano tamén se sumou a paro e unha gran manifestación percorreu a cidade. A medida que avanzaba a semana máis e máis traballadores se sumaban á folga e o xoves calcúlase que xa eran máis de 16 mil, entre eles os do transporte público.

Tamén ia chegando máís policía e as cargas e detencións multiplicábanse. E as empresas comezaron a enviar milleiros de cartas de despido. A folga desactivouse 15 días despois do seu comezo, pero tamén se anularon a meirande dos despedimentos. Houbo unha gran represión pero o movemento obreiro e sindical saiu reforzado.

Carlos Barros era daquela o responsable do movemento obreiro no PCG e tamén se ocupaba da comunicación e a propaganda. E na folga foi o responsable da organización ideolóxica, colaborando con CC.OO. no desenvolvemento da folga e antes de que a folga estalara. Falamos con el sobre o desenvolvemento dos feitos e a súa importancia histórica.

"Naquel momento estabamos ensaiando a folga xeral política na estratexia de derrocar a ditadura a través da mobilización de masas. E Galicia estaba na vangarda dese proceso, cando menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Compostela"

Como se iniciou a folga?

En marzo houbo en Vigo folgas solidarias con Amador e Daniel, que foran asasinados en Ferrol. Naquel momento para min estaba claro e así o escribín en Vigo Obreiro, o órgano de expresión de CC.OO. de Vigo, que pola propia dinámica do movemento obreiro na cidade estaba pendente unha folga xeral en Vigo igual que a de Ferrol. En setembro houbo unha reivindicación laboral en Citröen e os meus compañeiros comunicáronme que a intención era ir á folga. O que pasou foi un movemento en cadea de despedimentos e despois unha folga de solidariedade que paralizou a industria da cidade. Cando chegaron os despedimentos masivos os traballadores adoptaron unha táctica de repregue progresivo até que quedou só Vulcano en folga. E finalmente tamén eles volveron ao traballo co carné de identidade na boca. Pero despois acabouse readmitindo a todo o mundo por iso creo que foi todo un éxito.

"O resto de Galicia, como pasou con boa parte da poboación española, vía a moita distancia esa confrontación dos demócratas que estaban nas fábricas e nas universidades coa ditadura"

Que importancia histórica tivo?

A folga de Vigo foi o máis grande éxito histórico -xunto coa de Ferrol- da clase obreira galega e dos que naquela época loitabamos pola democracia en Galicia. E para o movemento obreiro significou a fundación do sindicalismo democrático, aínda que xa viña funcionando dende os anos sesenta, a partir das folgas do 62 en Vigo. Naquel momento estabamos ensaiando a folga xeral política na estratexia de derrocar a ditadura a través da mobilización de masas. E Galicia estaba na vangarda dese proceso, cando menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Compostela. E o resto de Galicia, como pasou con boa parte da poboación española, vía a moita distancia esa confrontación dos demócratas que estaban nas fábricas e nas universidades coa ditadura. Unha ditadura que neses momentos mantiña moitas complicidades e moita colaboración nas clases medias e na burguesía. E funcionaba tamén polo medo, evidentemente. A represión adquiría un carácter brutal, como pasou ao final da folga de Vigo.

"Tivemos unha certa sensación de sorpresa, porque a clase media non se uniu en Vigo aos obreiros como si sucedera en Ferrol"

Cal foi a resposta da sociedade viguesa?

Tivemos unha certa sensación de sorpresa, porque a clase media non se uniu en Vigo aos obreiros como si sucedera en Ferrol. É certo que en Ferrol houbera un masacre e iso espertou un sentimento solidario en toda a cidade. En Vigo parou toda a industria e tamén o transporte público, o Vitrasa, pero a pesar de todos os nosos esforzos os comerciantes e os sectores tradicionais da burguesía non se uniron, como si o fixeron o 4 de nadal de 1977. Por iso digo que Galicia lles debe moito aos obreiros e estudantes, porque se fora pola maioría da poboación galega non tería habido Transición. Despois todo o mundo se adaptou á democracia, pero mesmo hoxe en dia non se recoñece o papel dos traballadores industriais e dos estudantes universitarios.

"Xa nese momento os sectores máis intelixentes da patronal e da ditadura eran conscientes de que ese sistema político era insostible"

Pero a Transición chegou...

Xa nese momento os sectores máis intelixentes da patronal e da ditadura eran conscientes de que ese sistema político era insostible. Tamén dende o punto de vista económico, pois era un obstáculo para o desenvolvemento de Galicia e de España. Mesmo así tardouse aínda cinco anos e bastantes mortos -obreiros e estudantes a maioría- en chegar á democracia, que chegou nunhas condicións moi adversas, cunha presión moi forte do Exército para que a Transición se realizase dunha maneira determinada, que fose favorable para os que mandaban. 

"Daquela en Vigo aínda había corredoiras e podías subir a Gran Vía por camiños paralelos"

Como era o teu traballo durante a folga?

Daquela en Vigo aínda había corredoiras e podías subir a Gran Vía por camiños paralelos, por corredoiras. Tiña todo o dia para chegar aos lugares de xuntanza, que eran no monte ou en espazos deshabitados do extrarradio de Vigo. Os dous elementos que permitiron manter a folga tantos dias foron en primeiro lugar a asemblea obreira de Vigo, onde os lideres sindicais daban as indicacións para cada dia. E en segundo lugar, as octavillas que eu redactaba coa coordinadora de CC.OO. A primeira hora tiña unha xuntanza cos lideres sindicais e pola tarde redactaba os textos. E pola noite Figueroa, un traballador do porto que estaba no aparato de propaganda do partido, encargábase de facelos. Pola mañá toda a cidade estaba regada de octavillas. Pola noite reuniamonos o comité local do partido e poñiamos en común a información.

"Na folga de setembro de 1972 cando madrugaba estaba a octavilla en todas as empresas de Vigo, e todos os barrios populares estaban regados tamén"

Tiñan unha importancia capital as octavillas, non si?

No franquismo afixémonos a ler a prensa e buscar pequenos restos de información que nos podían interesar. Pero todo o sistema de oposición sería inexplicable sen os medios clandestinos de información. Como pos de acordo a tanta xente, se as reunións podían ser de cinco ou seis persoas como máximo? A importancia que ten a prensa clandestina e sobre todo a octavilla é enorme. Os movementos sociais teñen unha estrutura paralela de información masiva, que supera a tirada de calquera medio de comunicación. Vouche das datos: o colega Figueroa contábame hai pouco que no ano 72 meteu na súa casa 300 mil folios DinA4, iso dá para facer 600 mil octavillas para toda Galicia. Iso é un medio de comunicación de masas. Na folga de setembro de 1972 cando madrugaba estaba a octavilla en todas as empresas de Vigo, e todos os barrios populares estaban regados tamén. Ese é un medios paralelo de información superior a calquera medio escrito ou radiofónico.

Carlos Barros: "Naquel momento estabamos ensaiando a folga xeral política na estratexia de derrocar a ditadura a través da mobilización de masas. E Galicia estaba na vangarda dese proceso, cando menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Compostela"

Carlos Barros: "Daquela en Vigo aínda había corredoiras e podías subir a Gran Vía por camiños paralelos, por corredoiras. Tiña todo o dia para chegar aos lugares de xuntanza, que eran no monte ou en espazos deshabitados do extrarradio de Vigo"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.