0 Gardados para despois

“Feminismo é a unidade das mulleres para xuntas construír outro mundo posible"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


“O feminismo parte da unidade entre as mulleres, de desmontar a mentira de que somos as nosas peores inimigas, e de xuntas construír outro mundo posible”, fala Mai, da Rede Feminista Galega, definindo así o sentimento e o obxectivo que xuntou este domingo en Compostela a varios milleiros de persoas, mulleres e homes, na manifestación unitaria Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos.

Nun ambiente de festa e reivindicación, denunciouse o proxecto do Goberno central de revisar a lei do aborto, retrocedendo trinta anos na lexislación, e advertiuse de que as mulleres son as que máis sofren a crise económica, por teu unha taxa de desemprego máis elevada, polas diferenzas salariais ("igual traballo, igual salario" foi un dos berros máis repetidos) e por ter que asumir as funcións das que antes se ocupaban os servizos sociais recortados.

Eva Salgado, da Marcha Mundial de Mulleres, salientou, por exemplo, que obxectivo principal da marcha era "loitar contra os recortes que está aplicando o goberno do PP, tanto en Galiza coma no Estado español, recortes no ensino, na sanidade e nos servizos sociais que sobre todo afectan ás mulleres. Hai un empobrecemento claro das mulleres e das familias monoparentais, que nun 95% están sustentadas nas mulleres”.

De igual maneira, María Rosendo (Rede Feminista Galega) denunciou que “as institucións e os poderes políticos e económicos son fortemente patriarcais e as medidas que se están adoptando neste momento de crise están invisibilizando as mulleres e prexudicandonos especialmente”. Unha "invisibilidade" que tamén era salientada por Carmela Casal (Asociación de Empregadas do Fogar Xiara), referíndose ao seu colectivo laboral. Mai, da Rede Feminista, incidiu nesta idea, ao apuntar que “nun contexto de recortes nos servizos sociais, as mulleres imos ter que asumir esas funcións, polo rol que xogamos na sociedade e porque o sistema non empuxa a iso”. 

As críticas presentes na manifestación centráronse moi especialmente no polémico proxecto do Goberno central de modificar a lei do aborto

As críticas presentes na manifestación centráronse moi especialmente no polémico proxecto do Goberno central de modificar a lei do aborto, abandonando a lei de prazos vixente dende 2010 (e en vigor en Alemania, Austria, Holanda ou Grecia, entre outros países), para regresar á lei de supostos de 1985, que obriga ás mulleres a xustificar a súa decisión e mesmo a buscar subterfuxios. Mai, da Rede Feminista, denunciou que “non poder decidir sobre o corpo é violencia, son problemas físicos, son mortes, son diferenzas de clase, porque as que non teñan recursos se exporán a riscos ou non poderán decidir o seu futuro, no caso de que non queiran ou non poidan ter esa crianza, tendo que renunciar ao seu proxecto vital”. E Eva Salgado (Marcha Mundial), concluíu que "non se pode permitir que se volva a unha lei do aborto do ano 85, que unicamente despenaliza tres supostos e que é unha lei que leva á aplicación do Código Penal contra a muller”

“Hai sitio para todos os homes que nos queiran acompañar"

Na marcha, na que tamén participaron centos de varóns, reivindicouse que “os homes teñen sitio en calquera loita" e que "o patriarcado afecta a mulleres, a homes, a persoas que vivan nun intermedio dos xéneros”, polo que “hai sitio para todos os homes que nos queiran acompañar”.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos
CC BY TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.