Os traballadores de Povisa escenificaron o 'enterro' do convenio, que a empresa rexeita negociar

'Procesión' convocada polo comité de empresa do hospital © CIG

Os traballadores e traballadoras de Povisa realizaron unha “procesión reivindicativa” na tarde deste venres que partiu do hospital, chegou até Praza América e rematou de novo en Povisa tras percorrer a Gran Vía. Reclaman a negociación do convenio colectivo, unhas conversas que se manteñen en suspenso dende o 31 de xaneiro despois de que a empresa decidise levantarse da mesa se non se retiraba un cartaz reivindicativo da sala do comité, lugar onde se desenvolvían as xuntanzas.

Os sindicatos denuncian que Povisa pretende que o convenio de empresa decaia no mes de xullo e pase a aplicarse o provincial, “que empeora as condicións laborais e salariais entre 30-40%”

Os sindicatos denuncian que Povisa pretende que o convenio de empresa decaia no mes de xullo e pase a aplicarse o provincial, “que empeora as condicións laborais e salariais entre 30-40%”. Neste senso, lembran que os empregados do centro médico xa perderon un 12,5% do seu salario a causa da redución de xornada imposta pola empresa. O comité lembra tamén que o centro médico vigués pertence á Rede Sanitaria Pública en virtude do convenio subscrito co Sergas e que incumpre ese acordo ao ter xornada reducida, "situación que non se dá en ningún outro centro”.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificou este venres a sentenza do Xulgado do Social número 3 de Vigo que condena o hospital Povisa a repoñer as xornadas laborais de tres quendas (mañá, tarde e noite). O fallo do TSXG chega despois do recurso da compañía contra a decisión xudicial adoptada a raíz dunha denuncia da CIG e de CCOO. As dúas centrais decidiron presentar a demanda despois de que a dirección do centro médico modificase unilateralmente sen consultar co comité o réxime de xornadas de traballo, establecendo até seis quendas. 

Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta a esixir a Povisa a realizar nun mesmo proceso cirúrxico as mastectomías e a reconstrución de mama

Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta a esixirlle a Povisa a realizar nun mesmo proceso cirúrxico as mastectomías e a reconstrución de mama. A deputada Consuelo Martínez abordou en comisión palarmentar o problema das  repercusións psicosociais da mastectomía, fenómeno ao que están expostas moitas mulleres e que constitúe non só un problema de carácter biolóxico se non  tamén un drama dende o punto de vista emocional e social.

O Hospital Povisa S.A. mantén un Concerto Singular co Servizo Galego de Saúde para a prestación sanitaria especializada a unha área de poboación concreta. A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece nos seus artigos 12.1 e 12.14 a obriga de que o sector privado concertado preste a asistencia sanitaria cos mesmos parámetros, estándares, dereitos e criterios de actuación esixibles ao Sistema Público de Saúde tal e como lembrou a deputada de AGE pero o certo é que neste hospital as intervencións de cancro de mama e reconstrución prodúcense en dous procesos distintos, mentres que nos hospitais da rede pública esta actuación sanitaria realízase nun mesmo proceso, o que supón unha grave discriminación para a poboación obrigatoriamente adscrita a Hospital Povisa.

'Procesión' convocada polo comité de empresa do hospital © CIG
'Procesión' convocada polo comité de empresa do hospital © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.