"Estamos pagando o gas máis caro para encherlles os petos a algúns, para compensar o déficit de Reganosa"

Manuel Rodríguez Carballeira, Lalán CC-BY TingaLaranga Audiovisual

Manuel Rodríguez Carballeira, Lalán, coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denuncia que case cinco anos despois da entrada en funcionamento da planta de gas de Reganosa, "demostrouse que é unha instalación ilegal e perigosa, ademais de deficitaria e innecesaria" e denuncia a "complicidade que hai entre a empresa e a administración" e o xuízo contra un grupo de nove mariscadores, acusados de deter o Galicia Spirit en 2007: "A idea é botar os mariscadores da ría, sacrificar a Ría de Ferrol, utilizala como refuxio de industrias contaminantes e perigosas".

O 9 de maio de 2007 o Galicia Spirit entrou na Ría de Ferrol transportando máis de 140 mil toneladas de gas natural licuado. Case cinco anos despois a planta de Reganosa, situada no interior da ría, en Mugardos, segue en funcionamento, coa entrada xa de 113 gaseiros. Cinco anos de actividade e cinco anos de críticas e mobilizacións na súa contra, que comezaron aquela primavera co intento do Comité Cidadán de impedir a entrada daquel primeiro barco. Como consecuencia daquela acción, na que participaron ducias de embarcacións, a semana que vén iniciarase o xuízo contra nove mariscadores, acusados de bloquear a entrada na ría e dun delicto de coaccións.

 

Como analizades a situación, case cinco anos despois da entrada en funcionamento da planta?

O seu funcionamento pon de manifesto a falsidade dos datos achegados no seu momento polo Grupo Tojeiro, os socios de Reganosa e o señor Fraga. A planta foi relocalizada no interior da ría simplemente para que o Grupo Tojeiro pegase un pelotazo urbanístico que lle supuxo 5000 millóns de pesetas. Os ciclos combinados e o Grupo Tojeiro, no plan presentado á Comisión Nacional de Enerxía para que lle dese o visto bo á autorización, comprometíanse a consumir o 85% do gas da planta, pero o consumo actual é do 4,8%. Os ciclos combinados, que supuxeron un investimento de 700 millóns, están traballando ao vinte por cento.

"Os ciclos combinados, que supuxeron un investimento de 700 millóns, están traballando ao vinte por cento"

A planta é deficitaria?

Si, é unha planta deficitaria que veu reducindo a súa produción dende o inicio -este ano un 8%- e a pouca produción que coloca a planta non vai destinada ao uso industrial, senón que a coloca porque teñen pechados os gasodutos que antes subministraban gas a Galicia, por Tui e Llanera. Reganosa forma parte da burbulla enerxética que houbo no Estado Español nos últimos anos, como outra burbullas que houbo para o beneficio dun grupo minoritario. A Xunta, que está facendo recortes salvaxes nos servizos públicos, está inxectando cartos nunha empresa deficitaria. Estamos pagando o gas máis caro para encherlles os petos a algúns, para compensar o déficit de Reganosa, cando poderíamos recibir o gas máis barato, se non tivesen pechados os gasodutos. Estamos pagando infraestruturas innecesarias da burbulla inmobiliaria.

"Estamos pagando infraestruturas innecesarias da burbulla inmobiliaria"

E ademais seguides critincado que é unha instalación perigosa e contaminante, non si?

O elemento principal da nosa oposición á planta é porque é unha instalación que estaba prevista para o porto exterior de Ferrol, que se fai pola perigosidade da entrada da ría -o vinte por cento dos gaseiros tiveron que frustrar a súa entrada debido ás condicións meteorolóxicas e ás características da ría- e para evitar a entrada de os buques que entraban con materias perigosas ou contaminantes, como carbón, chatarra ou gas. Iso permitía a recuperación de espazos costeiros importantes no interior da ría, e permitía o saneamento da ría, para crear postos de traballo no marisqueo e na pesca. Reganosa utiliza un sistema para a regasificación (o gas vén líquido e convértese en gas) que utiliza 300 mil toneladas diarias de auga de mar, que esterilizan e regresan á ría con seis graos menos de temperatura, o que significa a morte das larvas, do plancton e de toda a cadea trófica. E non é casual o descenso paulatino das capturas do marisqueo.

"Reganosa utiliza 300 mil toneladas diarias de auga de mar, que esterilizan e regresan á ría con seis graos menos de temperatura, o que significa a morte das larvas, do plancton e de toda a cadea trófica"

Cal é a posición do Comité Cidadán perante o xuízo aos mariscadores, aos que acusan de bloquear a entrada do Galician Spirit hai cinco anos?

Hai cinco anos, cando nos mobilizamos contra a entrada dos primeiros gaseiros, había dúas sentenzas de ilegalidade contra a planta ditadas polo TSXG. Ademais, non había unha normativa que regulase a entrada de gaseiros cargados na Ría de Ferrol, a súa entrada implicaba a obriga da paralización de calquera outra actividade na ría, comezando pola marisqueira. O bloqueo da entrada dos gaseiros organizámolo nós, o Comité Cidadán, non polos mariscadores, os mariscadores eran un colectivo máis. Nós denunciamos que a Fiscalía actúa e persegue un colectivo que é vítima das circunstancias.

Daquela por que se xulga a este nove mariscadores, unicamente?

Estase perseguindo este colectivo. Son vítimas da inacción durante anos das administracións públicas, que deixaron morrer a Ría de Ferrol. Aínda agora se está facendo a depuración integral da ría, que estaba prevista para 1995, grazas a un acordo conseguido polas centrais sindicais en negociación con Fraga. Os mariscadores teñen o dereito e a obriga de defender o seu posto de traballo. A Fiscalía procesa nove mariscadores, cando nun comezo eran 63, e ademais desestimou a autoinculpación dos membros do Comité que participamos nesa mobilización. Polo tanto, temos claro que se está perseguindo ese colectivo. 

"A Fiscalía procesa nove mariscadores, cando nun comezo eran 63, e ademais desestimou a autoinculpación dos membros do Comité que participamos nesa mobilización"

En cambio vemos como parece que vai prescribir un proceso iniciado no ano 1997 nun asunto tan importante como o fraude do gasóleo, o gasóleo que se descargaba en Forestal do Atlántico, a planta petroquímica dos mesmos donos que Reganosa, e que está ao seu carón. Foron millóns de euros defraudados aos cidadáns. Vemos como se persegue ás vítimas do conflito e non aos responsables de instalar esa bomba no corazón da ría.

En que fase está a vía xudicial para paralizar a actividade de Reganosa?

Nestes momento a vía xudicial de oposición á planta segue moi activa: hai oito contenciosos nos xulgados contra Reganosa. Tiñamos tres sentencias favorables do TSXG, que foron recorridas pola Xunta e pola empresa; en dúas delas o Tribunal Supremo inhibiuse e a resolución do terceiro recurso coñecerase a finais deste ano e refírese á sentencia do TSXG que ditaminou a ilegalidade da modificación puntual do plan urbanístico, que é a base para a licencia de obra de Reganosa. Reganosa está nunha situación de ilegalidade, de feito o Concello de Mugardos está nestes momentos, cinco anos despois, modificando o PXOM para darlle cabida. Tamén están abertos outros procedementos administrativos, no Parlamento Europeo.

"Reganosa está nunha situación de ilegalidade, de feito o Concello de Mugardos está nestes momentos, cinco anos despois, modificando o PXOM para darlle cabida"

Denunciades tamén que a empresa comezou nos últimos meses a recibir gas de Alxeria para embarcalo de novo en dirección a Italia. Que valoración facedes disto?

Chegan barcos dende Alxeria con gas, déixano en Reganosa, e despois ese mesmo gas cárgase noutros barcos, que o levan para Italia. De Orán a La Specia pode haber 700 millas e en cambio percorre 4 mil millas. Nos medios afíns a Reganosa preséntano como algo novo e moi beneficioso, pero ocultan o risco que iso implica, con dúas operacións de entrada e saída moi perigosas nunha ría moi estreita na que o barco ten que variar cinco veces o rumbo. Cada barco leva 150 mil toneladas de gas, uns 12 millóns de bombonas de butano xuntas. E xa se deu o caso dun incendio a poucos metros de onde se estaba descargando o gas, a 900 metros do casco urbano de Mugardos, a 1100 metros do Arsenal militar de Ferrol. Se hai calquera accidente, non hai plan de emerxencia que poida evitar unha catástrofe.

"Segundo a normativa vixente os gaseiros só poden entrar polo día e con pleamar. Pero houbo xa dous gaseiros que entraron pola noite e con máis capacidade da permitida"

Sempre denunciastes a modificación discrecional da lexislación para beneficiar a Reganosa. A última, a normativa ue regula a entrada de gaseiros na Ría de Ferrol. Que cambiou?

Segundo a normativa vixente os gaseiros só poden entrar polo día e con pleamar. Pero houbo xa dous gaseiros que entraron pola noite e con máis capacidade da permitida. Tanto o Ministerio de Fomento como a Autoridade Portuaria, presidida por Ángel del Real, dinnos que a normativa se modificou, pero nós levamos dende novembro solicitando esa nova normativa e néganse a facilitala. Demándolle á ministra de Fomento, Ana Pastor, que entregue esa documentación, porque é un dereito que temos os cidadáns. Ou iso, ou temos que asumir que a normativa non se modificou e que a están incumprindo.

Manuel Rodríguez Carballeira, Lalán CC-BY TingaLaranga Audiovisual
CC-BY TingaLaranga AudioVisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.