As plataformas de afectados por preferentes visitaron os peches de Gondomar, O Rosal e Tui

Peche no Concello do Rosal © Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia

Unha representación das Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia visitou este sábado os peches que dende hai varias semanas e mesmo meses manteñen grupos de afectados nos concellos de Gondomar, O Rosal e Tui "trasladándolles deste xeito o noso apoio e solidaridade polo esforzo e ilusión que están a amosar na defensa dos intereses de todos os estafados". En cada un dos concellos leron un manifesto moi crítico coa xestión e a actitude dos dirixentes do Partido Popular, e en especial de Rafael Louzán, presidente da Deputación provincial de Pontevedra.

O texto lido nos peches considera que as declaracións do pasado 8 de marzo de Louzán, nas que criticaba "os grupos que politizan o conflcto" actuando como "comandos contra o PP", "son un cúmulo de despropósitos e mentiras e todo un alarde de demagoxia que nada aporta á resolución do problema da estafa masiva". E tamén sinalan que son "unha proba máis do nerviosismo dos dirixentes do Partido Popular, acurralados polas súas propias mentiras e promesas electorais incumpridas, ante a inminencia do previsible estoupido social que vai provocar a aplicación desta Lei, que parte do goberno do estado e que impedirá a recuperación do 100% dos aforros dos estafados".

Os afectados afirman que é "falso que as iniciativas do goberno central poidan axudar a solucionar a situación. Máis ben todo o contrario, cando se nos impón via Real Decreto Lei asumir o custo dunha parte do rescate bancario mediante as quitas obrigatorias e os canxes por outros productos igual de tóxicos".

O texto péchase reiterando a súa petición aos cargos públicos do PP de que presenten "a súa dimisión e baixa no Partido Popular", condicionada "a que non se apliquen as quitas e canxes mediante a derrogación da Lei 9/2012"

Engaden que Louzán "a falta de argumentos, bota man da demagoxia e da infamia, poñendo de manifesto a falsidade e falta de nobreza da maioría dos dirixentes populares, que con peinetas, insultos, provocacións e inxurias, pretenden convertir ás víctimas en verdugos para autoxustificarse, nun alarde de irresponsabilidade e falta de rigor". E que os comandos radicais aos que fai referencia Louzán "están integrados por xubilados, traballadores, desempregados, persoas enfermas ou con discapacidades, menores de idade, familiares de afectados, estudantes, persoas de toda idade e condición, que teñen en común ter sido vítimas da estafa masiva. As acusacións van polo tanto dirixidas á totalidade dos afectados e afectadas".

O texto péchase reiterando a súa petición aos cargos públicos do Partido Popular de que presenten "a súa dimisión e baixa no PP", condicionada "a que non se apliquen as quitas e canxes mediante a derrogación da Lei 9/2012". E engaden que "de se manter nos seus cargos estarían apoiando a política de roubo e estafa do goberno do Estado promovida por Mariano Rajoy e Luis de Guindos".

Peche no Concello de Gondomar © Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia
Peche dos preferentistas no Concello de Tui, o pasado ano © Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.