As protestas na Universidade de Vigo suspenden o Consello de Goberno

A sala de Xuntas da Universidade de Vigo, baleira polas protestas Dominio Público @hugo_guezeta

Profesores, traballadores e estudantes da Universidade de Vigo lograron impedir definitivamente a celebración do Consello de Goberno onde estaba prevista a aprobación da aplicación do decreto Wert na institución académica. As protestas contra os recortes dos colectivos, que mantiñan un peche no reitorado desde o pasado mércores,  acabaron por deter unha xuntanza que se ía realizar na sala de xuntas, pechada polos manifestantes, e que tampouco puido ser celebrada no paraninfo, ocupado tamén polo encerro.

O peche no reitorado impediu a celebración do Consello de Goberno

Os colectivos concentrados solicitaron a anulación da aplicación do decreto Wert na Universidade, así como a reapertura da mesa de negociación do Persoal Docente Investigador, con presenza de estudantes e asociados, logo de que se lles fose negada a inclusión na orde do día do debate sobre a supresión da normativa que chega do Goberno central.

Ante estas reclamacións, o reitor, Salustiano Mato, decidiu suspender o pleno, mentres que os manifestantes solicitaron oficialmente e por rexistro a supresión do anterior acordo de goberno, así como a reapertura de negociacións, algo que presumiblemente non vai aceptar o equipo reitor.

Os manifestantes protestan contra os recortes e contra un decreto Wert que suporía o despido de 300 profesores asociados

Os estudantes, traballadores e membros do Persoal Docente Investigador (PDI) e do Persoal de Administración e Servizos (PAS) que manteñen o peche protestan contra os "recortes que está sufrindo o conxunto da Universidade e contra a aplicación do decreto Wert". Segundo os concentrados, o equipo reitoral decidiu a aplicación deste decreto "malia a posición contraria da comunidade universitaria e de todas as centras sindicais agás unha", ademais de censurar que o reitor optase por unha aplicación "de máximos" da normativa, o que implicaría "a redución do cadro de persoal de 300 profesores asociados".

Ademais, as protestas denuncian tamén o "empeoramento da calidade" da institución académica, así como "a masificación das aulas, a precariedade laboral e a perda de calidade docente e investigadora". "Curiosamente, os recortes non afecta aos altos cargos da Universidade", destacan.

A sala de Xuntas da Universidade de Vigo, baleira polas protestas Dominio Público @hugo_guezeta
Peche no reitorado da Universidade de Vigo Dominio Público @AsembleaUVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.