A carraxe das preferentes bate contra a blindaxe do PP

Manifestación en Pontevedra, antes de marchar a Silleda CC-BY-NC-SA BNG

Son centos que representan a ducias de milleiros. Marchan por case todo o país para expresar a súa carraxe alí onde se celebra un acto político, xa sexa un pleno municipal, unha sesión parlamentaria ou un evento do partido gobernante en Galicia e no Estado, o mesmo que vén de escribir no BOE que van perder arredor da metade dos seus aforros. As persoas afectadas polas participacións preferentes -sobre todo de Novagalicia Banco pero tamén do agoniante Banco Gallego- estaban convocadas na mañá deste sábado en Pontevedra ante o congreso provincial do PP, que ironicamente se ía celebrar no centro social Novacaixagalicia da capital provincial. Os conservadores marcharon co seu congreso ao recinto feiral de Silleda e as vítimas dos produtos financeiros foron na súa procura.

Ao chegaren ao simbólico recinto, concibido como centro gandeiro pero máis coñecido por albergar, segundo a data, mareas de opositores ou simpatizantes do propio PP, os afectados polas preferentes atoparon un impresionante despregamento policial comandado en persoa polo subdelegado do Goberno en Pontevedra. As múltiples entradas das instalacións feirais e, sobre todo, a numerosísima presenza de efectivos da Garda Civil impedíronlles achegarse, pero non expresar a súa indignación polo "expolio" ao que foron sometidos os seu aforros. "Non é unha quita, é un roubo", reiteran, ao tempo que consideran que se os dirixentes do PP "se agochan" é "porque teñen algo que temer".

Feijóo teima en culpar a oposición

Feijóo asegura que a oposición "frega as mans" por poder "utilizar" os afectados

Mentres, dende fóra, os manifestantes auguraban un incremento da tensión e da intensidade das protestas, toda vez que, advirten non aceptan nin a quita ni nas accións do banco que os "estafou", dentro Rafael Louzán era aclamado novamente como líder provincial do PP co 97,1% dos votos e Alberto Núñez Feijóo teimaba en culpar das protestas ás forzas da oposición parlamentaria. Segundo o presidente da Xunta os partidos "que lavaron as mans cando se emitían as preferentes -estes produtos foron comercializados entre 2003 e 2011- agora as fregan porqeu ven nos afectados unha arma arroxadiza contra quen ten como único interese buscar solucións".

Segundo Feijóo os afectados non van "esquecer" cal foi o "goberno que ignorou os riscos que estaban correndo" e "marchou sen facer absolutamente nada por eles". Tampouco esquecerán, augura, que "o Goberno socialista e o bipartito miraron cara a outro lado". Pero a Xunta actual "estableceu ante ca ningunha outra comunidade a arbitraxe coa que case 15.000 familias recuperaron os seus aforros". Ademais, asegura, o seu executivo "pelexou" para que o Goberno central establecese "unha rede de seguridade para recuperar unha parte do que daban por perdido".

Os afectados, nas inmediacións do recinto de Silleda © @A3Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.