"Cando agora se perden dereitos hai menos sensación de perda, porque non hai conciencia do que custou conseguilos"

Capa de Feminismos (Olga Castro e María Reimóndez), escollido mellor libro de ensaio © Xerais

Olga Castro e María Reimóndez presentan Feminismos (Xerais), un percorrido polas reivindicacións e prácticas feministas en distintas culturas de todo o planeta: "son distintas porque as culturas son moi distintas e a discriminación das mulleres é algo cultural"Feminismos presenta as achegas e os logros dos movementos feministas na mellora das sociedades en todo o mundo e pon de manifesto a gran diversidade de estratexias contra a discriminación por xénero desenvolvidas en contextos culturais, políticos e sociais concretos. 

As autoras presentan o libro este mércores en Compostela na Libraría de Mulleres Lila de Lilith ás 20 horas. O venres estarán en Ribadeo ás 20.30 na Casa das Letras. E o luns que vén en Vigo na libraría Librouro a partir das oito da tarde. Falamos con Olga Castro, profesora de Estudos de Tradución na Aston University, en Birmingham. 

Os feminismos alén dos discurso occidental son escasamente coñecidos en Europa. Onde está a barreira?

Hai un certo etnocentrismo que leva a que en Occidente non se coñeza a actividade ou as especificidades dos movementos feministas noutros continentes. É certo que hai unha cuestión de barreira idiomática que fai que moitas veces non podemos acceder directamente a algúns escritos. Pero o inglés actúa como lingua franca e a través do inglés si se pode acceder á produción de moitos feminismos de todo o planeta. E iso permitiunos investigar nove áreas xeográficas de todo o mundo para ver como foron evolucionando os feminismos en cada lugar. E puidemos comprobar que o feminismo non é algo occidental nin recente. E tamén o patriarcado actúa a nivel planetario, pero maniféstase de forma diferentes en cada cultura.

"Tamén o patriarcado actúa a nivel planetario, pero maniféstase de forma diferentes en cada cultura"

O que provoca a discriminación son os roles de xénero distintos e estes roles de xénero son distintos en cada recanto do planeta. Este mapa dos feminismos na xeografía e a historia pon de manifesto a gran diversidade de estratexias contra a discriminación por xénero desenvolvidas en contextos culturais, políticos e sociais concretos. Noutro bloque do libro analizamos o que denominamos temas planetarios e a forma en que en cada lugar do planeta as achegas son distintas: sobre maternidade orientación sexual os nacionalismos os fundamentalismos o ecofeminismos... Vemos como cada tema se pode ollar dende perspectivas moi distintas.

Non se pode falar do feminismo como un pensamento universal? Temos que falar necesariamente de feminismos?

Tendemos a falar de feminismos en plural e de aí o titulo do libro. Pero é cero que todas estas correntes feministas comparten unha cousa: buscar mecanismos para superar a discriminación das mulleres polo feito de ser muller. Pero o feminismo ve na muller moitas capas ademais do feito de ser muller: non é o mesmo ser unha muller branca de clase media e occidental, que ser de clase traballadora e galega e ter unha conciencia nacional. Non é o mesmo ser nai que non selo. Raza, lingua, relixión ou clase, todo iso marca especificidades.

"As reivindicacións son distintas, porque as culturas son moi distintas e a discriminación das mulleres é algo cultural"

As prioridades e reivindicacións do feminismo son distintas en cada lugar, polo tanto...

Son distintas, porque as culturas son moi distintas e a discriminación das mulleres é algo cultural. Por exemplo o tema da reprodución e do dereito a decidir sobre o corpo. Mentres en Occidente a reivindicación feminista é o dereito a interromper voluntariamente o embarazo, en moitos países de América ou África o que pide o movemento feminista é o dereito a ser nai. O problema é o mesmo: a muller non pode decidir sobre o seu corpo e a súa maternidade. Pero a orixe é a contraria: mentres nun lado a cultura católica inculca a maternidade como algo obrigatorio, noutros sitios considérase que as indíxenas non poden ter fillos e esterilízanse.

"A cuestión da feminización da pobreza en países que xa son pobres non ten que ver con que as mulleres non teñan acceso ao traballo, porque son elas as que labran a terra e organizan as tarefas de produción de alimentos"

Tamén son diferentes os roles de xénero na produción e no traballo. Define isto o resto de comportamentos?

É diferente, si. A cuestión da feminización da pobreza en países que xa son pobres non ten que ver con que as mulleres non teñan acceso ao traballo, porque son elas as que labran a terra e organizan as tarefas de produción de alimentos. Hai que analizar os patróns no seu contexto. Nalgúns lugares o feito de que as mulleres teñan o control sobre as tarefas produtivas de alimentos, leva a respectar máis a súa opinión sobre certas cousas. Pero ao mesmo tempo lembro un exemplo de Perú no que eran as mulleres as que producían o alimento, pero as decisións tomábanas os homes, que tiñan que sair da reunión para consultarlles ás mulleres. 

Dicides que o feminismo é o movemento social que máis cambiou as estruturas sociais para mellorar a vida das persoas. Este éxito na asunción de moitas propostas levou a unha certa inocuidade do movemento ou á súa asimilación?

O feito de que o feminismo teña unha capacidade transformadora tan grande fixo que o patriarcado o intentase deslexitimar. Tamén se produciu unha certa apropiación desa capacidade transgresora por parte dos poderes públicos. Iso é moi bo por unha banda, pero tamén ten a contrapartida que as novas xeracións dean estes avances por dados, e isto leva a que cando estes dereitos se perden hai menos sensación de perda, porque non hai conciencia do que custou conseguir certos avances que hoxe están en retroceso.

"O feito de que o feminismo teña unha capacidade transformadora tan grande fixo que o patriarcado o intentase deslexitimar. Tamén se produciu unha certa apropiación desa capacidade transgresora por parte dos poderes públicos"

Tamén tratades o escaso recoñecemento das achegas das mulleres en campos como a ciencia ou a medicina. Que impacto ten isto?

Falamos do pouco recoñecemento das achegas de mulleres ás distintas disciplinas. Pero tamén de que o feito de que a ausencia dunha perspectiva feminista descobre baleiros inmensos. Por exemplo, na medicina o feito de que durante séculos se tomase os homes como patróns para deseñar medicinas e tratamentos levou a que houbese remedios que funcionaban para as mulleres e non para os homes. Ou á que á hora de detectar un infarto só se teñen en conta os sintomas masculinos que son distintos dos que sofren as mulleres. E moitas mulleres morreron porque non se soubo ver que unha dor de estómago indicaba un infarto.

Olga Castro CC-BY-SA Praza Pública
Capa de Feminismos (Olga Castro e María Reimóndez), escollido mellor libro de ensaio © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.