Tractorada contra a mina de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco Dominio Público @manuelanxoo

Tractorada contra a mina de Corcoesto. A plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños convoca a cidadanía a esta marcha "mixta", na que participarán tractores e automóbiles, para protestar contra o polémico proxecto mineiro a ceo aberto que se prevé na comarca. A manifestación sairá do campo da feira de Ponteceso este domingo 7 de abril ás 11 da mañá e rematará na Casa do Concello de Cabana de Bergantiños, aínda que diversas columnas marcharán desde distintos puntos da zona para converxer antes na localidade de Ponteceso, tal e como se aclara nun comunicado.

A tractorada está apoiada por distintas organizacións sindicatis, sociais, ecoloxistas e políticas

A tractorada está apoiada por distintas organizacións sociais, sindicais, ecoloxistas e políticas como Adega, Verdegaia, a rede Galiza Non se Vende, Senda Nova, Espazo Ecosocialista, CIG, CCOO de Ferrol., SLG, BNG, AGE  Compromiso por  Galicia, Galiza Nova, Partido da Terra, Foro Social de Cangas, Instituto de Estudios Bergantiñáns,  AAVV de Cereo ou Contramínate de Laxe.

Tal e como se lembra no comunicado, a marcha pretende protestar contra a posible implantación dunha grande mina a ceo aberto en Corcoesto na que se utilizarán "enormes cantidades de cianuro para a extracción do ouro ( 1,7 gramos por cada millón gramos de veta aurífera e que terán que remover case 10 toneladas de rocha para acceder á mesma)". "As cantidades de cianuro a utilizar son dunhas dimensións inimaxinábeis:  1,49 toneladas diarias durante os 365 días do ano e durante os 8,1 anos de explotación previstos pola empresa canadiana Edgewater", destaca a plataforma, que advirte tamén da posible "contaminación por arsénico" ou por mineiras pesado como "o níquel, o chubmo ou o ferro" que "provocarían non só danos irreparábaeis na flora e fauna, senón tamén na saúde humana".

Os convocantes esperan que o éxito das mobilizacións "faga recapacitar a Xunta de Galicia"

Segundo a plataforma convocante, a aprobación deste proxecto mineiro suporá "unha destrución irreparábel de Corcoesto, Cereo e Valenza", tal e como "opinan unanimamente todos os expertos consultados e que deron varias charlas e conferencias na comarca". "Terá un impacto socioeconómico de magnitudes incalculábeis en Bergantiños: o abandono forzado de explotacións agrogandeiras e posiblemente dos núcleos de poboación mais próximos, así como a permanencia dunha auténtica bomba de reloxería durante  centos de anos, a chamada balsa de lodos".

O colectivo convocante e as asociacións que apoian a marcha esperan que o éxito desta e doutras mobilizacións "faga recapacitar a Xunta de Galicia" e que "deixe de estar en conivencia con Edgewater e non aprobe a declaración do proxecto comi industrial estratéxico". "Esperemos que faga caso ás voces discrepantes da propia administración pública e non vaia adiante esta auténtica barbaridade", rematan.

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.