Cándido Pazó: "Queren baleirar de contido os medios públicos para xustificar a súa privatización"

Os representantes de todas as organizacións que conforman a plataforma © Plataforma en Defensa dos Medios de Comunicación Públicos Galegos

Este mércores presentouse en Compostela a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, composta por colectivos políticos (PSdeG, BNG, EU, Encontro Irmandiño, Ecogaleguistas ou FPG), sindicais (CIG, CC.OO., UGT, SXG, SLG, STEG ou CUT), culturais, educativas (Nova Escola Galega) e en defensa da lingua (Mesa, AGAL ou Prolingua).

O obxectivo é defender os medios de comunicación públicos da "estratexia xeneralizada de acoso e derribo, que vai máis alá das tradicionais críticas de carácter ideolóxico, legal ou financeiro e que busca cuestionar a natureza mesma da súa existencia". A Plataforma advirte de que "importantes sectores políticos e económicos préstanse ao desmantelamento da radiotelevisión publica, ben propoñendo a desaparición da oferta (eliminando canles), ben “externalizando” a súa actividade (baleirándoa de contido), ben desvirtuando conceptos lexitimadores do servizo público ou debilitando os seus recursos". 

"Na cabeza do PP está a privatización, pero sería moi abrupto facelo agora"

A Plataforma, que conta con Lola Ferreiro e Cándido Pazo como voceiras, presentou un manifesto aberto para a recollida de sinaturas. Coa creación desta plataforma, segundo Pazó, "preténdese crear un movemento de opinión que estea en garda do que se intúe que se pretende facer coa radio e televisión públicas. Queren baleiralas de sentido e función para que pouco a pouco chegue un momento no que se presente a súa privatización como a medida máis lóxica, para que teña un custe electoral menor. Na cabeza do PP está iso, pero sería moi abrupto facelo agora".

A Plataforma aínda non definiu un percorrido de accións concretas. "Pode haber mobilizacións coma as que xa houbo en Compostela, e outro tipo de actividades, como xornadas sobre a importancia dos medios de comunicación públicos. Trátase de crear opinión, de crear estados de alerta", asegura Cándido Pazó.

Denuncia que a recente modificación da Lei sobre a CRTVG abre a porta a unha privatización encuberta do medio

Así mesmo, denuncia que a recente modificación da Lei sobre a CRTVG abre a porta a unha privatización encuberta do medio: "dá entrada á participación do capital privado en actividades e funcións propias do servizo público de radiodifusión e facilita a externalización da produción, permitindo a xestión privada de boa parte da programación dos medios públicos". A plataforma lembra que a Lei deriva ao mandato‐marco a fixación dos obxectivos xerais de servizo público que debe cumprir a CRTVG. Este instrumento, esencial para a concreción do modelo de radiotelevisión pública, deberá ser aprobado polo Parlamento de Galiza no prazo máximo de seis meses dende a entrada en vigor da citada lei.

 

O contido do manifesto

O manifesto fai referencia á importancia dos medios públicos galegos para a defensa da "identidade nacional de Galiza" e o impulso da normalización da súa lingua, que promova a igualdade entre mulleres e homes e dedique especial atención á infancia e mocidade, que asegure aqueles contidos destinados ás minorías máis desfavorecidas da nosa sociedade. Tamén salienta a función que deben cumprir no estímulo "a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos, sen excluír as minorías".

O texto remata instando ao Parlamento a regular por lei a creación dunha autoridade audiovisual independente

Finalmente, lembra a súa "función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente con transparencia, evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores". O texto remata instando ao Parlamento a regular por lei a creación dunha autoridade audiovisual independente, que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta, conforme aos principios do manifesto.

Cándido Pazó e Lola Ferreiro © Plataforma en Defensa dos Medios de Comunicación Públicos Galegos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.