0 Gardados para despois

Un proxecto mineiro ameaza 8.000 hectáreas nas comarcas de Ordes e Compostela

Redacción | @prazapublica

A empresa Erimsa vén de solicitou cinco permisos de investigación para buscar cuarzo nos concellos de Oroso, O Pino, Santiago, Ordes, Frades e Mesía, nun espazo total de 8.000 hectáreas. Erimsa xa tentou levar a cabo proxectos semellantes na Terra Chá (Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza), e a Consellaría de Medio Ambiente denegoulle os permisos despois de que se presentaran 700 alegacións por parte dos veciños e de organizacións, coma o Sindicato Labrego Galego. Erimsa (Explotacion de Rocas Industriales y Minerales S.A.) forma parte do holding mineiro noruegués ELKEM.

A mina a ceo aberto afectaría a unhas 8.000 hectáreas dun terreo dedicado maioritariamente á gandería

O propio SLG vén de presentar alegacións a dúas das solicitudes, e está preparando as que presentará contra as outras tres, pois afirma que "a actividade extractiva de Erimsa poría en perigo o futuro das explotacións da zona". Ademais, o vai iniciar unha campaña informativa no rural desta bisbarra para pór ao corrente á veciñanza "sobre a ameaza que se lle vén enriba". Por exemplo, a explotación proxectada de Calvente, en Oroso, O Pino e Santiago, afecta a varias zonas de solo rústico de protección agropecuaria, onde está prohibida a actividade mineira, e de protección forestal. Ademais, unha parte importante dos terreos afectados por estes permisos de investigación foron sometidos no seu día a un proceso de concentración parcelaria, de maneira que teñen actualmente un claro uso agropecuario e unha alta produtividade agrícola ou gandeira. Noutras das posibles explotacións tamén hai mozos e mozas recentemente incorporados á actividade agraria, e que realizaron nos últimos anos constantes investimentos de modernización e ampliación.

O SLG denuncia as intencións de Erimsa como "un paso máis" nunha campaña que conta coa "conivencia total" da Xunta

O proxecto mineiro enmárcase nunha serie de ameazas sobre o país que levan tempo ameazando numerosos colectivos sociais e políticos. Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, considera o da zona de Ordes "un paso máis" na "dinámica" posta en marcha pola Xunta de Galicia para "converter o país nunha mina, como di a súa propia campaña publicitaria". "E fano en total conivencia coas empresas multinacionais", denuncia, tan só dous días despois de que unha tractorada amosase o seu rexeitamento á mina a ceo aberto que se prevé noutra zona eminentemente gandeiro como Corcoesto e arredores.

O SLG denuncia que a extracción de cuarzo que practica Erimsa tamén se fai dende a ceo aberto, "polo que as praderías e agras que explote ficarán inservibles para fins agrogandeiras ao ser destruída a superficie que se utiliza para os traballos agrícolas, o cal causará un dano irreversible na economía da bisbarra". De igual xeito lembra que estas concesións mineiras afectan ao río Tambre e afluentes como o Maruzo ou o Samo, catalogados como Lugar de Interese Comunitaria (LIC) coa corresponde protección da Rede Natura 2000. E afirma que tamén se verán afectadas zonas urbanas con importantes concentracións de vivendas como Sigüeiro, Penateixa, Gándara, Porto Avieira, Piñeirón ou Oroso.

"Fano ás agachadas e intentando ocultarlle información aos veciños e afectados"

Ademais, o SLG denuncia tamén as dificultades que os veciños e posible afectados teñen para acceder aos expedientes e documentación deste proxecto, que só se poden consultar na delegación de Industria na Coruña e en determinados horarios, polo que reclaman que se poida acceder a eles por Internet e que o prazo para presentar alegacións comece a computar só cando os documentos sexan accesibles na Rede. Do mesmo xeito, censuran que a Xunta apure os trámites "ás agachadas" e intentando "ocultar información", tal e como sucedeu no Concello de Ordes, onde o sindicato puido acceder aos papeis, pero xa cando o prazo de exposición pública estaba rematando. "Fano sen participación da cidadanía e sen achegar información, tal e como xa fixeron co proxecto da Terra Chá, o que foi un dos motivos polo que as autoridades nos deron a razón nas alegacións", advirte Isabel Vilalba.

l

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.