0 Gardados para despois

O BNG denuncia que o Concello de Muros pon "trabas" para empregar o galego nos xuízos

Redacción | @prazapublica

Hai uns días o asesor xurídico do Concello de Muros, José Luís Barro, demandou o ex concelleiro do BNG José Ramón Farinós por chamarlle "fascista" no seu perfil de Facebook. O conflito comezara cando nun xuízo Barro lle pediu a Farinós que falase en castelán. O Concello afirma que a querela podería quedar en nada se Farinós se desculpase, pero este non quere facelo, en defensa do seu dereito legal a empregar a lingua galega no xulgado. Tamén a Asemblea Local do BNG de Muros se solidarizou co militante da formación e acusou ademais a Barro de estar "irregularmente asinando papeis como xefe da área de urbanismo do Concello de Muros" e de cobrar máis de 2.500 euros mensuais do Concello.

"A ordenanza obriga a todos os traballadores do Concello a entender e falar galego. Se este señor non sabe, é un inepto; e si sabe e se vale do seu posto para que outros non se expresen en galego, é un fascista", di Farinós

"A ordenanza obriga a todos os traballadores do Concello a entender e falar galego. Se este señor non sabe, é un inepto; e si sabe e se vale do seu posto para que outros non se expresen en galego, é un fascista", di Farinós. José Luis Barro naceu no País Vasco e asegura non entender o galego. Acusa ademais ao BNG de atacalo "por expresarse en español". Porén, dendo a agrupación local do Bloque aseguran que "o que recriminamos" é que "o asesor xurídico do Concello de Muros, actuando como tal, poña trabas aos veciños que se expresen en galego, ben sexa por que non o entende, o cal segundo a ordenanza municipal onde se regula o uso do galego, o incapacita para exercer o cargo; ou ben por que lle dá a gaña abusando da autoridade que lle dá o cargo que ostenta, o cal é un comportamento que encaixa perfectamente na definición de fascista do dicionario da real academia da lingua galega".

Por este motivo o BNG pídelle á alcaldesa Caridad González o cese de Barro, "en cumprimento da ordenanza municipal do uso do galego, hoxe en vigor, e a que lle lembre aos demais traballadores locais a necesidade do seu cumprimento, tanto na atención aos veciños, como na elaboración de todo tipo de expedientes municipais". Ademais, difunde un vídeo no que se observa a Barro solicitándolles aos veciños que se expresen en castelán nos xuízos e tamén como, en certas ocasións, si entende á perfección a lingua galega.

O BNG denuncia que o Concello de Muros pon "trabas" para empregar o galego nos xuízos

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.