A Xunta autoriza dous parques eólicos no tramo central do Camiño Francés

Serra do Iribio © Asociación Cultural do Iribio

O Goberno galego segue coa súa teima de autorizar a instalación de parques eólicos na zona protexida do Lugar de Interese Comunitario Ancares-Courel e na contorna do Camiño Francés da Ruta Xacobea que conduce cara a Compostela. Distintas asociacións alertan sobre o danos no patrimonio, natural e artístico destas zonas.

Segundo puido saber Praza a concesión da licenza para un parque eólico no Monte da Meda, tamén coñecido como Monte Albela, no concello de Triacastela, atópase nunha fase administrativa avanzada, tras superar os trámites de sometemento a información pública a declaración de  impacto ambiental. A intención do Goberno galego é conceder a licenza a pesar de que os muíños provocarán un forte impacto visual no Camiño Francés, xa que segundo distintas organizacións da zona, a instalación industrial será visible dende unha distancia de vinte quilómetros.

A propia Xunta, consciente deste impacto sobre a ruta xacobea, modificou a principios de ano a zona de protección da ruta compostelá e estableceu unha nova delimitación a escasos metros do  camiño para evitar problemas legais.

Distintas asociacións, entre as que se atopa a Asociación Cultural do Iribio, denunciaron esta estratexia e alertan das consecuencias irreparables que terá para a zona este novo parque

Distintas asociacións, entre as que se atopa a Asociación Cultural do Iribio, denunciaron esta estratexia e alertan das consecuencias irreparables que terá para a zona este novo parque. O portavoz dunha das asociacións do Iribio, Marcos Celeiro, explicou a Praza que “xa se destruíron mámoas e seguírase polo mesmo camiño cando se autorice definitivamente o parque eólico”. Ademais Celeiro aclara que “as argucias da Xunta leváronlle a cambiarlle o nome ao monte, que pasou de Albela a Abella, para sortear os posibles obstáculos derivados da presenza de restos arqueolóxicos”.

Este novo recinto industrial, nunha zona de especial protección, súmase ao parque concedido a Fergo Vento Galicia o 28 de maio de 2009 no Iribio. Aínda que non comezaron as obras por mor dos recursos xudiciais en curso, o Goberno galego non deixa de dar pasos para ver a instalación funcionando. No Consello da Xunta do 2 de febreiro de 2011 aprobouse a liña eléctrica aérea de evacuación dende o monte do Iribio ata a subestación de Triacastela. Nesta caso a declaración de impacto ambiental do proxecto de electrificación non se someteu a información pública.

 

Recursos Xudiciais

O proxecto de parque eólico no Iribio está recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao igual que as licencias de obra concedidas polos concellos de Samos e Triacastela. Ata o de agora só se produciu un pronunciamento xudicial  referido á licenza outorgada polo concello de Triacastela. Porén, a sentencia do TSXG de 2 de setembro de 2011 non entra o valorar o fondo do asunto e limítase a constatar a obriga de Triacastela a dar o permiso por tratarse dun proxecto de incidencia supramunicipal.

O proxecto de parque eólico no Iribio está recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao igual que as licencias de obra concedidas polos concellos de Samos e Triacastela

Asociacións como SOS Courel e a propia Asociación Cultural do Iribio teñen a esperanza de que a xustiza poña fin as aspiracións da Xunta. Marcos Celeiro entende que as medidas recollidas na declaración de impacto ambiental son “ridículas” e en ningún caso protexen ao Camiño de Santiago. Entre esas as medidas de protección esixidas á empresa figuran a colocación de pantallas para evitar a visión das instalacións eólicas, un rexistro co número de paxaros mortos ao bater coas aspas a decoración dos muíños con motivos alegóricos da ruta xacobea.

En parecidos termos se manifestaron vogais da UNESCO. Os técnicos, que se desprazaron o pasado ano á zona en visita privada, advertiron de que de executarse o proxecto do Iribio a declaración da ruta como patrimonio da humanidade corre serio perigo.

Eólicos no Bierzo © Asociación Cultural Ecobierzo
Guerra responde á oposición no Parlamento © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.