Andalucía expropiará tres anos as vivendas dos bancos para frear os desafiuzamentos

Vivendas en construción © Capeco

O Goberno andaluz deu un paso á fronte para frear a media de 45 desafiuzamentos diarios que se dan nesa comunidade e que suman máis de 86.000 desde 2007. Vén de aprobar un ambicioso decreto-lei que pon no punto de mira aos bancos: as súas vivendas poderán ser expropiadas por un prazo de tres anos nos casos de familias que vaian ser desaloxadas e nas que concorran circunstancias nas que a súa saída do domicilio supoña unha condena á exclusión social ou unha ameaza para a saúde física ou psíquica. A norma entrará en vigor o xoves, tras a súa publicación no BOJA.

Banca e inmobiliarias estarán obrigadas a declarar cal é o seu parque de vivendas baleiras e a sacalas ao mercado do aluguer. Se non o fan serán sancionados

Vivenda carece dun cálculo de cantos beneficiarios pode haber desta medida antidesafiuzamento, pero dende a entrada en funcionamento o pasado 8 de outubro da rede de oficinas provinciais do Programa Andaluz en Defensa da Vivenda, que ofrecen asesoramento e intermediación entre afectados e entidades financeiras, logrou a paralización de 964 desaloxos, e 119 familias xa pediron auxilio.

O segundo alicerce fundamental desta nova norma é que banca e inmobiliarias estarán obrigadas a declarar cal é o seu parque de vivendas baleiras e a sacalas ao mercado do aluguer. Se non o fan serán sancionados, sendo a falta máis grave penada co pago de 9.000 euros. O volume de vivenda desocupada está ao redor de 700.000 a un millón de inmobles (un 20% do parque andaluz de vivendas). Entre 350.000 e 500.000 pertencen a persoas xurídicas. O diñeiro que se recade irá destinado a financiar políticas para promover o dereito á vivenda.

Os particulares en posesión de máis de dúas vivendas tamén son un obxectivo (calcúlase que son uns 246.000 propietarios)

Os particulares en posesión de máis de dúas vivendas tamén son un obxectivo (calcúlase que son uns 246.000 propietarios). Neste caso, en lugar da sanción recorrerase a incentivos fiscais e seguros contra falta de pagamentos e danos para que poñan as súas vivendas en circulación. Neste grupo non entrarán os titulares nin de segundas residencias, nin as vivendas que se alugan por tempada nin os apartamentos turísticos.

 

Inconstitucional?

A patronal da construción, moi crítica coa nova norma, xa advirte da posibilidade de recorrela por "inconstitucionalidade"

A posibilidade de que o Goberno central busque algún subterfuxio para frear este decreto, como así fixo en tres ocasiones coas poxas de medicamentos, está aí, pero desde a Consellería de Vivenda crese que non hai físgoa algunha para que acabe ante o Tribunal Constitucional. "Ten seguridade xurídica tan plena como a lúa chea", dixo a conselleira, Elena Cortés. A patronal da construción, moi crítica coa nova norma, xa advirte da posibilidade de recorrela por "inconstitucionalidade", o que Cortés non teme, para empezar, porque está convencida de que, á parte do Estatuto andaluz, ten unha importante "ancoraxe" xurídica nacional e internacional que avala a súa posición. Ademais, lanzou un aviso para navegantes: "a solución non é máis construción de vivenda".

Houbo discrepancias entre os dous socios de Goberno, pero o PSOE acabou cedendo, en especial, no capítulo da banca

A conselleira situou esta medida pioneira a nivel estatal na "valentía" dun Executivo que apostou por un "cambio radical" para ir á "raíz do problema", que é o enfoque da vivenda como un "dereito humano" e a defensa da súa "función social". Con todo, chegar até aquí non veu exento de problemas. Houbo discrepancias entre os dous socios de Goberno, pero o PSOE acabou cedendo, en especial, no capítulo da banca (a esta non se lle consultou para a redacción do decreto, tampouco aos empresarios da construción). "Os cambios profundos sempre xeran dificultades. Haberá decretos máis sinxelos, pero este saíu co acordo do Consello de Goberno e é contundente. É o decreto que esta conselleira esperaba", resumiu Cortés. Unha conselleira que se non estivese no cargo, como manifestou hai unha semana, non dubidaría en participar nos "escraches". A súa postura é moi coñecida, porque tamén na ocupación de vivendas baleiras que deron pé ao fenómeno das corralas en Andalucía viu un síntoma de que había que facer cambios legais para que "non haxa casas sen xente e xente sen casas". Frase que se converteu na súa máxima.

Cortés, que fixo unha presentación de forte carga política deste decreto, tamén tivo unhas palabras de recoñecemento para as plataformas, sindicatos e cidadáns comprometidos con esta causa e contrapuxo ese escenario de Madrid, onde o PP decidirá que acaba facendo coa súa iniciativa lexislativa popular (polo momento, xa non pasará polo Congreso senón que irá ao Senado), con este novo escenario andaluz.

 

Expropiación

O desaloxo debe provocar unha situación de exclusión social, o que deberá estar acreditado polos servizos sociais municipais

A Xunta expropiará aos bancos de maneira temporal, por un prazo máximo de tres anos, as vivendas que estean inmersas en procedementos de desafiuzamento hipotecario nos casos máis graves de emerxencia social. A Xunta tirará dos seus recursos propios e pagaralles ás entidades un 2% do xustiprezo por ano (é o previsto na Lei de Expropiacións e equivale ao prezo ao que se taxa a vivenda para a expropiación, de forma que se se valora en 100.000 euros, a Junta pagará do seu peto 2.000 á entidade). A pesar das estreiteces orzamentarias, Cortés asegura que hai recursos.

Para acollerse a esta medida os ocupantes teñen que reunir unha serie de requisitos. O principal é que a vivenda obxecto do desafiuzamento sexa a residencia habitual e permanente e que a finalidade do préstamo solicitado sexa o pago da casa. O desaloxo debe provocar unha situación de exclusión social, o que deberá estar acreditado polos servizos sociais municipais. Tomarase como referencia para medir a situación de endebedamento respecto das condicións e circunstancias en que se recibiu o préstamo que a hipoteca se multiplicase por 1,5 e supoña máis dun terzo dos ingresos familiares. O tope para acollerse á medida é que os ingresos non superen tres veces o Iprem (o Indicador público de rendas de efectos múltiple, é dicir, o antigo salario mínimo, e que son uns 532 euros ao mes).


Sanción por vivenda desocupada

O decreto recolle un sistema de sancións leves, graves e moi graves para os bancos, inmobiliarias e entidades de xestión patrimonial que manteñan ocioso e non poñan en aluguer os seus inmobles baleiros. Está tipificado como moi grave, e sancionado con 9.000 euros, non dar uso a unha vivenda, arrendar, transmitir ou ceder o seu uso con destino a vivenda sen cumprir as condicións.


Vivenda desocupada

Declararase como vivenda baleira aquela que se probe a non habitación por un período de seis meses

Serán as que non conten con contrato de subministración de auga e de electricidade ou o seu consumo sexa nulo ou escaso. Outras ferramentas para a detección destas serán o padrón municipal e outros rexistros de ocupantes, recepción de correo e notificacións noutros lugares. Declararase como vivenda baleira aquela que se probe a non habitación por un período de seis meses. Con estes datos crearase un Rexistro de Vivendas Deshabitadas, que se fará en función dun plan de inspección que estará listo no prazo dun mes.

Vivendas en construción © Capeco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.