Vigo, A Coruña e Compostela acollen este sábado masas críticas polo uso da bicicleta

Cartaz da Masa Crítica © Masa Crítica de Vigo

O 19 de Abril celébrase o día mundial da bicicleta, efeméride que administracións, asociacións e os propios ciclousuarios aproveitan para recordar as vantaxes inherentes á utilización deste medio de transporte. Tamén as Masas Críticas galegas conmemorarán esta data. Será este mesmo sábado a través de tres concentracións ciclistas reivindicativas en Vigo, Compostela e A Coruña.

Ademais dos obxectivos habituais destas concentracións, centradas na posta en valor deste medio de transporte e na demanda de normas e melloras nos trazados urbanos que faciliten o seu uso, nesta ocasión o foco tamén se pon nas reformas do Regulamento de Circulación, coma a obrigatoriedade do uso do casco na bicicleta, que dende hai meses vén anunciando o Ministerio do Interior, e que hai uns días foron plasmadas nun borrador de decreto de reforma presentado pola Dirección Xeral de Tráfico.

A obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades "non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta"

Estes colectivos afirman que estas reformas "suporían unha gran perda de dereitos que de forma colectiva, cotián e práctica fomos multiplicando entre todas nos últimos anos. Habería un marco legal máis permisivo co acoso ás ciclistas por parte de automobilistas e administracións, e marcadamente desincentivador do seu uso, o que non faría senón aumentar os riscos de padecer accidentes, lesións e a morte". Engaden que a obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades "non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta".

E lembran que Australia, o único país no mundo que implantou seriamente tal medida, viu como estes desprazamentos caían entre un 30 e un 40% sen que a porcentaxe de lesións e mortalidade se reducise, o único que se incrementou de maneira significativa foron as multas. Diversas cidades e mesmo a Rede de cidades pola bicicleta, á que pertencen concellos como Barcelona ou Sevilla nas que a implantación da bici como medio de transporte ten sido todo un éxito, xa se opuxeron a esta medida e solicitaron que a DGT revisara o borrador.

As Masas Críticas galegas defenden que a bici se "encadra á perfección no modelo de cidade moderna orientada cara as persoas e a súa calidade de vida"

As Masas Críticas galegas defenden que a bici se "encadra á perfección no modelo de cidade moderna orientada cara as persoas e a súa calidade de vida. Devolver a cidade aos cidadáns supón necesariamente un cambio na ordenación da mobilidade e a bici preséntase como a alternativa máis eficiente e respectuosa co entorno ambiental e social". Por ese motivo convidan "todas aquelas persoas que acreditan no potencial da bicicleta" a "transformar as cidades en lugares máis agradábeis".

 

Horarios

A Coruña. Praza de María Pita. 18:00
Compostela. Praza Roxa. 18:00
Vigo. Praza América. 17:00

Cartaz da Masa Crítica © Masa Crítica de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.