"Ningunha maioría absoluta pode lexitimar violacións sistemáticas de dereitos humanos"

Rafael Mayoral, primeiro pola esquerda Dominio Público Praza Pública

Rafael Mayoral, asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, participou este venres en Vigo nas primeiras Xornadas da Vivenda, organizadas pola PAH Vigo-Tui e a asociación Enrique Ruano. As xornadas tamén contaron coas intervencións de representantes de Avogados Novos e de AGE, BNG e PSdeG-PSOE. Carlota Pérez, da plataforma local, denunciou que os desafiuzados se senten "culpables cando en realidade son as vítimas desta estafa".

"Non se pide nada estraño. O estraño é que a dia de hoxe non se dera unha resposta a estas demandas. Ningunha maioría absoluta pode lexitimar violacións sistemáticas de dereitos humanos"

Semella que nos últímos días se está queren converter as vítimas en verdugos. Refírome ás criticas dende o PP aos escraches...

O importante agora mesmo son as propostas que a PAH está poñendo enriba da mesa. Está solicitándolles aos responsables políticos que tomen decisións e que apoien as propostas que están recollidas na ilp. E está solicitándolles que cesen a violacións sistemáticas de dereitos humanos que se están perpetrando por medio de desaloxos forzosos sen alternativa habitacional e condenas a débedas futuras, derivadas de procesos de execución hipotecaria que recentemente foron declarado ilegais polo tribunal de xustiza da UE. Non se pide nada estraño e o estraño é que a dia de hoxe non se dera unha resposta a estas demandas. Ningunha maioría absoluta pode lexitimar violacións sistemáticas de dereitos humanos.

Credes que o PP vai modificar a súa postura?

Os contidos da ilp son de mínimos e o que plantexamos é que acaben esas débedas perpetuas e unha inmediata moratoria dos desafiuzamentos. Para nós, non hai ningunha dúbida de que máis tarde ou máis cedo esas medidas se van adoptar. Poden aproveitar este trámite parlamentario ou poden facelo despois. E despois haberá que ir cara a moitos outros obxectivos. Esta é unha proposta de mínimos, pero o que fai falla é avanzar e camiñar como sociedade cara á reconstrución do dereito á vivenda. E iso significa que as seis millóns de vivendas baleiras que hai en España se teñen que poñer en mans da poboación.

"Esta é unha proposta de mínimos, pero o que fai falla é avanzar e camiñar como sociedade cara á reconstrución do dereito á vivenda"

Que vos parece o decreto aprobado en Andalucía esta semana?

É un decreto razoable, bastante moderado, pero que vai no bo sentido: no sentido de que as vivendas sirvan para que as use a xente e non que estean sendo acaparadas por entidades financeiras que non as usan.

Resulta cando menos rechamante que a primeira inmobiliaria de España sexa a banca e unha banca quebrada e nacionalizada en parte ademais...

O Código Penal deixa claro que o acaparamento de bens de primeira necesidade co obxectivo de alterar de maneira artificial o prezo das cousas é un delito. O dereito á propiedade está circunscrito á súa función social e a vivenda é unha necesidade da xente. Polo tanto ese acaparamento non é entendible. Pero se ademais ese acaparamento realizano unhas entidades financeiras que recibiron miles de millóns de euros públicos, sen que se abriran investigacións por parte do Estado sobre por que esas axudas foron necesarias, pois estamos nunha situación completamente kafkiana. Porque as declaracións que están facendo dende o Ministerio do interior son estrambóticas. Toda esta persecución que están facendo contra a PAH tíñana que facer contra os consellos de administración dos bancos.

"Toda esta persecución que están facendo contra a PAH tíñana que facer contra os consellos de administración dos bancos"

Vaise producir un agravamento da situación por mor da prolongación da crise?

Creo que é unha evidencia aos ollos de todo o mundo. Hai seis millóns de persoas en paro e a situación estase agravando en todas as ordes. Hai un serio problema coa vivenda, pero hai outros movementos que alertan dos graves problemas que se comezan a producir tamén no referente á alimentación. Son situacións insostibles que se veñen producindo en primeiro termo por culpa do sistema financeiro e das grandes empresas e quen están pagando a factura son os sectores populares. 

Que axuda legal emprestades?

A PAH é un espazo de autoorganización e de axuda mutua. E dentro deste espazo colaboran avogados ao igual que colaboran outro tipo de activistas. É un proceso de empoderamento das persoas afectadas para colectivamente enfrontar a súa situación coas entidades financeiras. É unha cuestión de organización da sociedade civil e dos sectores populares. En calquera momento se as propias entidades queren solucionar o problema poden facelo.

"Non hai unha solución máxica que vaia chegar nos xulgados, senón que todas as accións legais deben ir acompañadas na presión nas rúas"

Pero hai moitas físgoas legais polos que se pode cambiar a situación dunha familia ou cando menos aprazar o problema?

O primeiro que hai que ter claro é que hai unha situación de absoluta impunidade. Aquí houbo unha estafa xeneralizada con hipotecas e produtos financeiros tóxicos que deberían ser investigados polas forzas da orde pública, a xudicatura e a fiscalía. E non o están facendo. E despois en cada proceso hai moitas físgoas porque hai violación do dereito á defensa, violación do dereito á vivenda, violación dos dereitos dos menores, violación do dereito á integridade física e moral e do dereito á vida. Pero non hai que esquecer que a solución só vai chegar por medio da mobilización popular e pola organización da sociedade civil. Non hai unha solución máxica que vaia chegar nos xulgados, senón que todas as accións legais deben ir acompañadas na presión nas rúas.

"En Galicia hai moita xente dobremente afectada. Familias nas que hai persoas afectadas polas preferentes e outras persoas afectadas polas hipotecas"

En Galicia hai factores diferenciais con respecto ao resto de España?

En Galicia dáse o problema de que hai moita xente dobremente afectada. Familias nas que hai persoas afectadas polas preferentes e outras persoas afectadas polas hipotecas. E nese caso, por exemplo, os pais non poden apoiar os seus fillos ameazados de desaloxo, porque os bancos quedaron cos seus cartos. O que está habendo de fondo é un saqueo por parte das entidade financeiras aos sectores populares.

Rafael Mayoral © PAH
Un momento das xornadas © Anova Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.