43 mil sinaturas e seis semanas de traballo parlamentario para acabar coas pexas dos cabalos

Cabalos salvaxes no Val Miñor © SOS Groba

O pasado xoves o parlamento instou por unanimidade instar á Xunta a levar a cabo as medidas axeitadas para localizar e denunciar os responsables da colocación de calqueira artefacto inmovilizador nas patas dos cabalos, os coñecidos como pexas ou cepos. A iniciativa foi do BNG e tivo a súa orixe no traballo da asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber. Estes colectivos levan moito tempo desenvolvendo unha actividade moi intensa para erradicar o uso destes artefactos, que supoñen un calvario para os animais, impedíndolles desprazarse correctamente, sendo branco fácil de depredadores e vehículos nas estradas, e provocándolles toda clase de sufrimentos e deformidades nas patas. 

Despois dos graves lumes forestais que tiveron lugar en Galicia no ano 2006, as autoridades desenvolveron diferentes normativas para impedir esta práctica. Porén, 7 anos e varios decretos lexislativos despois a situación segue igual. Gran parte dos cabalos non están identificados e dificultan as investigacións xudiciais sobre posible malos tratos. Libera, co apoio e colaboración da Fundación Franz Weber, lanzaron en 2012 a primeira liña de denuncia 24 horas, a través de la plataforma www.senpexas.info que recolleu 78 denuncias e localizou máis de 130 cabalos con cepos, cordas e cadeas.

Hai un mes Libera lanzou unha ciberpetición na que se reclamaba a fin da colocación de pexas. Neste tempo a petición recolleu máis máis de 43 mil apoios. E iso a pesar de que Facebook bloqueou o perfil de Rubén Pérez, voceiro da asociación Libera, durante quince días, suponse que "por entender que facía difusión de contidos violentos". O obxectivo -máis que superado- era chegar ás 10.000 sinaturas para apoiar a proposición non de lei presentada a finais do mes de febreiro polo BNG no Parlamento.

A proposición destacaba "que os cabalos son parte inalienable do noso patrimonio natural", polo que "resulta incrible que o maltrato sexa unha tónica habitual nos montes galegos". E lembraba que o Regulamento europeo nº504/2008 "comezou coa obriga da identificación efectiva do gando equino co obxetivo de mellorar a trazabilidade e o benestar animal. Sen embargo esta identificación, segundo datos dos propios defensores dos animais só sería real no 20% da cabana equina galega". Esta falta de identificación provoca que as denuncias perante as Fiscalías Provinciais de Medio Ambiente sexan arquivadas ou sobreseídas, xa "que tanto á Garda Civil como ao Ministerio Fiscal resúltalles imposible detectar quen é o responsable ou responsables destes actos de crueldade animal".

Despois de seis semanas de percorrido parlamentario a proposición foi aprobada prevendo medidas para perseguir quen coloque "artefactos mobilizadores que causen danos, traumatismos ou sufrimento" e que, ademais, "incumpran a normativa vixente de benestar animal". Tamén pide "intensificar" o desenvolvemento da aplicación do regulamento 504/2008 e da normativa autonómica concordante.

Mapa coas denuncias en senpexas.info © senpexas.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.