A Xunta permite a exploración mineira de dúas reservas da biosfera

Reserva da biosfera Río Eo-Oscos-Bourón © Turgalicia

Novas minas ameazan Galicia. A Consellería de Economía volve colaborar cunha empresa de capital canadense, neste caso Goldquest Ibérica, á que vén de conceder o permiso de investigación mineira para buscar cinc, chumbo, prata, cobre e outros mineiras nun territorio que abrangue dúas reservas da biosfera (Río Eo-Oscos-Bourón e Terras do Miño) en catro concellos (A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá).

A Xunta concedeulle o permiso de investigación a Goldquest para explorar as posibilidades de dúas reservas da biosfera

Será unha máis entre as dez compañías que buscan o seu dourado en Galicia e ás que a Xunta pon alfombra vermella desde hai meses. A zona que se prevé explotar ocuparía tamén unha importante superficie do LIC Serra de Foncuberta, contemplado na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia actualmente en tramitación

En canto ás reservas da biosfera, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) xa advertiu das posibles afectacións directas do proxecto mineiro en diversas zonas tampón e indirectas sobre a zona núcleo da cabeceira do río Eo, o que provocaría tamén consecuencias río abaixo e na súa desembocadura, zona núcleo da Reserva, LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional pola Convención de Ramsar.

A SHGN pide ao Comité de Reservas da Biosfera que avalíe o impacto e que lle traslade o informe á Unesco

En canto ás Terras do Miño, o proxecto mineiro que prevé a empresa canadense afectaría directamente unha gran superficie na bacía alta do río Miño, que protexe as cabeceiras dunha morea de ríos e regatos que drenan todo o territorio.

Ante estes riscos, a SGHN xa solicitou ao Comité Español das Reservas da Biosfera que avalíe cientificamente o impacto deste permiso de investigación e da futura explotación sobre o estado de conservación dos hábitats, a súa flora e fauna, que están estritamente protexidas na zona. Ademais, reclama tamén que os informes que se desprendan sexan tidos en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera ou que lle sexan remitidos aos departamentos da Unesco e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera para que os teña en conta.

Eran xa moitos na comarca os que sospeitaban deste proxecto mineiro, pero só cando a Consellería de Economía tramitou o permiso de investigación se fixo real a ameaza 68 cadrículas mineiras dun territorio que agocha unha multitude de especies protexidas de flora e fauna.

Área de afectación do proxecto mineiro © SGHN
Reserva da biosfera Río Eo-Oscos-Bourón © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.