Galicia tamén canta o 'Grândola'

Cartaz do 'recibimento' popular convocado en Compostela Dominio Público Praza Pública

En Galicia tamén é 25 de abril, data que sempre se celebrou con agarimo en virtude das relacións das terras a unha e outra beira do Miño. E abofé que o Grândola, Vila Morena segue a ser un himno de liberdade e do poder das maiorías sociais agredidas. Máis ca nunca nestes tempos, nos que esta canción volve pechar manifestacións non só en Portugal e non só en Galicia, senón mesmo en Madrid. Son varios os actos convocados en todo o país para conmemorar esta data. 

Este 24 de abril, véspera do aniversario da revolución, está convocado un pasarrúas popular na Praza de Cervantes de Compostela a partir das dez e media da noite baixo o nome de Marcha dos Toxos cara ao Parlamento. Será o anticipo da concentración convocada para o mesmo 25 na Praza do Toural, co obxectivo de dirixirse cara ao Obradoiro e "rodear o Concello". Na convocatoria destácase que "Abril non se desarma. Nin se desarma a digna rabia que se nos atravesa no estómago coas súas ditaduras, ás súas agresións machistas, as súas guerras, os seus imperios, o seu FMI" e que o 25 "Celebramos a nosa firmeza. A firmeza do xénero humano na súa ansia colectiva de todo transformar. Celebramos a claridade dos nosos soños, a nosa vontade de ter descuberto hai moito que este sistema de depredación, o capitalismo, ten fin".

Tamén en Compostela Xosé Constenla ofrecerá un recital no que alternará o seu repertorio habitual con temas emblemáticos de cantores como Jose Afonso, Jose M. Branco ou Fausto. Será o xoves 25 de abril ás 22:30 horas no Pub Ultramarinos.

A libraria Ciranda de Compostela tamén celebra a efeméride dende este mesmo 24 coa actuación da Banda Hospitaleira Do Minho (Uxía, Víctor Coyote e Rómulo Sanjurjo). O dia 25 haberá "descontos" e convite a "café e natas" antes de marchar cara a outra das convocatorias da xornada: a que a partir das oito da tarde chama a xuntarse no Obradorio para cantar o Grândola Vila Morena.

En Ourense a convocatoria, ás oito da tarde, faise coincidir coas mobilizacións preparadas en todo o Estado e que terán o seu centro nos arredores do Congreso. A marcha percorrerá as rúas de Ourense baixo o lema "O pobo é quen máis ordena". Na mobilización agradeceríase "que as participantes da mesma acudisen con máscaras blancas, demostrando que todas somos unha, que somos o pobo".

Tamén hai actos en Ferrol, coincidindo coa Semana da Poesia Salvaxe, que este xoves terá unha programación especial coincidindo co 25 de abril. O venres 26 ás 20 horas no Salón de Actos do Ateneo haberá un acto poético-musical coa participación do historiador Enrique Barrera e as actuacións de Manolo Bacallao (música) e Xosé Leira, Lorena Calaza e Fernando Ocampo (poesía).

A Asociación Cultural Revira de Pontevedra centra os actos no venres e no sábado. O 26 haberá concerto dos Labregos do Tempo dos Sputniks e o sábado poderase asistir a unha conferencia do xornalista Bruno Carvalho:  "A esquerda portuguesa fronte os ditados da Troika".

 

O BNG, nos actos de homenaxe en Lisboa

Pola súa banda o BNG participará este 25 de abril en Lisboa nos actos conmemorativos do 39º aniversario da Revolución dos Cravos. A delegación do Bloque, formada polo seu portavoz nacional, Xavier Vence, o secretario de Organización, Bieito Lobeira, e a eurodeputada, Ana Miranda, está convidada polo Bloco de Esquerda. O propio xoves, ás 09.30h, a delegación do BNG participará nas conmemoracións oficiais na Assambleia da República, no Palácio de S. Bento, onde estará acompañada de Joana Mortágua, dirixente nacional e membro da Comisión Política do Bloco de Esquerda, e ás 13h reunirase coa coordinadora do Bloco, Catarina Martins, e co líder do Grupo Parlamentar do Bloco, Pedro Filipe Soares. Ás 15h, os nacionalistas sumaranse á manifestación con motivo do Día da Liberdade, que parte da Praça Marquês do Pombal.

Cartaz do 'recibimento' popular convocado en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.