0 Gardados para despois

Alerta polo "desmantelamento" dos recursos públicos contra a drogodependencia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Mediados dos anos 80. Mentres en Galicia mozos e mozas morrían "a centos" a causa da droga "a presión das nais contra a droga e de moitas asociacións fixo que a Xunta tomase cartas no asunto para tentar atender a problemática que amezaba con eliminar a toda unha xeración. Creábase o Plan Galicia sobre Drogas". Quen realiza este son profesionais de loita contra a drogodependencia, sindicatos, partidos políticos e plataformas como SOS Sanidade Pública. Reunidos este xoves en Santiago, estes grupos veñen de lanzar unha alerta sobre o "desmantelamento" que, aseguran, está a sufrir toda a "rede" que, en torno ao Servizo Galego de Saúde, traballa na prevención e tratamento destas adiccións.

Dezasete centros asistenciais, oito unidades de día, tres comunidades terapéuticas, seis unidades de acoholismo e corenta e tres equipos de prevención atenderon, a través de 350 prque lle ofesionais, tan só no último ano a máis de 12.000 persoas que sufrían dependencia das drogas. Todo isto, di Manuel Martín, de SOS Sanidade, está agora "en perigo" xa que o gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo, engade María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, aplicou un recorte de 1,5 millóns de euros entre 2009 e 2012, ao que hai que sumarlle un 15% adicional en 2013. Nalgúns casos, non obstante, a situación é aínda máis grave, explica Carlos Varela, en representación dos Comités Antisida. Estes grupos de loita contra o VIH quedaron, directamente, sen orzamento.

A rede foi creada nos anos 80 e foi produto "da presión das nais contra a droga e de moitas asociacións"

A actual Xunta, di Ramón Mouriño, da Asociación de Profesionais contra a Drogadicción e Condutas Aditivas, ten en verdadeiro risco de desaparición a unha rede creada "mentres estaba de moda pasear en iate", ironiza, e  que agora xa padece un severo deterioro. Isto acontece, explica, porque por exemplo o actual Executivo nin sequera desenvolve o seu propoio plan contra os transtornos aditivos. Esta situación, resumen os colectivos, "pon a rede na corda frouxa e crea incerteza osbre a continuidade dos programas", que non só se reducen ao ámbito sanitario, senón que tamén implican asistencia xurídica e penal ou accións divulgativas e de prevención en centros escolares ás que asistiron 128.000 alumnos e alumnas no último ano.

Neste contexto, SOS Sanidade e o resto de grupos reclaman a recondución da situación, a comezar pola creación dunha "mesa de coordinación" na que senten a Xunta e as organizacións non gobernamentais deste ámbito. Alí, explican, é onde se debería coordinar a política "de atención a colectivos en risco de exclusión" e, especificamente a atención ás drogodependencias". Os centros asistenciais desta rede, explican, deberan integrase na rede do Sergas -como prevía o bipartito- e as partidas orzamentarias deben "repoñerse" e, de ser posible, "ampliarse", toda vez que a situación de crise, advirte Martín, incrementa o risco de "repunte" de persoas afectadas por estes problemas.

PSdeG, AGE e BNG comprométesense a trasladar as reivindicacións ao Parlamento

Mentres as asociacións e ONG levan adiante a súa campaña os tres grupos da oposición galega asumen o compromiso de "manter vivo" este debate no Parlamento. No marco da mesma comparecencia pública Carmen Acuña, do PSdeG, considerou este tipo de recortes unha mostra da "sensibilidade que ten o presidente por este problema", toda vez que a comezos dos 90 "andaba paseándose cun narco". Eva Solla, da AGE, ve claro que estas tesoiradas forman parte dunha estratexia máis ampla do Goberno para "esmagar as clases populares" e deixalas sen "o pouco estado do benestar que tiñan". Dende o BNG Montse Prado concorda con que o Executivo procura cargar o custo da crise "sobre os máis febles". "Parece obvio de que lado se colocan" na loita contra a droga", lamenta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Comeza o trámite da lei que permite pagarlle á privada se o Sergas tarda máis do previsto

Mentres os colectivos en defensa da sanidade pública alzan a voz contra un novo recorte dende a Xunta anúnciase o inicio da tramitación dun novo proxecto de lei que, segundo o presidente, non fai outra cousa que "blindar" o Servizo Galego de Saúde, mantendo "intacta a sanidade pública a pesar da redución de ingresos". Trátase da denominada Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, unha norma que Alberto Núñez Feijóo atribúe a unha "convicción persoal" súa e tamén ao "mandato electoral" recibido polo PP nas eleccións de outubro. 

A futura lei, da que a Xunta aínda non fixo público o texto íntegro e que se dispón a entrar no Parlamento, contemplará "garantía dos tempos máximos de acceso" á sanidade, determinados por informes profesionais e que "non superarán os 60 días en intervencións cirúrxicas -actualmente son 83,4 días e os 45 días e consultas externas e probas diagnósticas e terapéuticas -na actualidade chega aos 49,3 días-. Estas esperas, di o Goberno, estarán en todo caso condicionadas por criterios de "gravidade dos procesos de enfermidade" e non pola "antigüidade" de cada doente na lista de espera.

Se o paciente non é atendido no prazo previsto a Xunta pódelle pagar a asistencia concertada ou privada

Un dos preceptos da lei que xa esperta receo entre o sector é o feito de que, "transcorrido o prazo máximo sinalado sen que o paciente tivese a atención sanitaria demandada, este poderá optar por continuar na espera no cento elixido ou ben por requirir a asistencia nun centro acreditado na comunidade autónoma", isto é, nun centro concertado. Neste caso, o Sergas "pagará directamente o custo da atención". Se o paciente desexa un centro privado "o Sergas reembolsará os custos que se xustifiquen", pero o doente terá que adiantalos". Para os grupos a prol da sanidade pública esta pode ser unha vía para financiar o sector privado.