A Defensora del Pueblo recibe máis documentación sobre as "irregularidades" en Corcoesto

Soledad Becerril, Defensora del Pueblo © DefensordelPueblo

A Defensora del Pueblo xa conta con máis información sobre as presuntas irregularidades cometidas polo Goberno galego á hora de autorizar os traballos sobre a mina de Corcoesto. Logo de que iniciase unha investigación de oficio sobre o proxecto e ante a alarma creada polo informe publicado pola Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e a Universidade de Vigo, que non se tivera en conta durante o proceso de avaliación de impacto ambiental, Soledad Becerril vén de recibir agora un completo dossier con información acreditativa "das moitas irregularidades cometidas pola Xunta de Galicia na tramitación do expediente para a autorización do proxecto de mina de ouro a ceo aberto" e que desmentirían á Consellería de Medio Ambiente sobre a procedencia do arsénico, segundo asegura a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

A documentación alerta á Defensora de que os elevados niveis de arsénico "non só se atopan no Anllóns, senón en mananciais de Corcoesto"

No dossier alértase á Defensora de que os elevados niveis de arsénico "non só se atopan no río Anllóns, tal e como acredita o estudo científico da Universidade de Vigo e do CSIC, senón tamén en mananciais que abastecen para consumo humano e animal a parroquia de Corcoesto". Esta información, que consta no propio Estudo de Impacto Ambiental elaborado pola empresa, foi posta polos veciños en coñecemento das autoridades sanitarias da Xunta, "sen que estas adoptasen ningunha medida tendente a solucionar o grave problema de saúde pública que se está a producir, xa que se trata de un elemento químico altamente canceríxeno".

Así, a Plataforma denuncia que hai mananciais que rexistran niveis de arsénico de 118,77 microgramos litro cando o límite está en 10 microgramos para consumo humano e en 50 microgramos para o medio receptor, e que ante esta grave situación, o órgano responsable da saúde pública "mira para outro lado obviando as súas responsabilidades". "Por se estes niveis fosen pouco, o proxecto mineiro prevé verter ao medio receptor 77 microgramos litro a maiores, comprometendo así a saúde dos veciños e contaminando o río Anllóns e a ría de Corme e Laxe por centos de anos", denuncia o colectivo.

A plataforma desminte o informe remitido por Medio Ambiente á Defensora del Pueblo

Ademais, a plataforma desminte o informe remitido pola Consellería Medio Ambiente á Defensora del Pueblo, no que sinala que os niveis de arsénico na área de Corcoesto non son consecuencia das antigas labores mineiras, senón da litoloxía da zona. Para apoiar a tese de que o arsénico é causa directa da antiga explotación de ouro, o colectivo remítese ao artigo científico da Universidade de Vigo e do CSIC e achega a maiores unha tese doutoral da Universidade de Santiago, que en relación ao arsénico e ao chumbo no río Anllóns, sinala que "estes elementos se acumularon en los sedimentos de fondo como consecuencia de la removilización de las venas piríticas de la cuenca durante las épocas de extracción de oro". "Las actividades mineras han producido, principalmente, un importante incremento del contenido de arsénico en los sedimentos en la zona de Corcoesto, extendiéndose esta contaminación hasta la línea de costa, unos 15 kilómetros más abajo", aclara.

Alén disto, a plataforma remite á Defensora información detallada das irregularidades cometidas pola Xunta na tramitación do procedemento administrativo, como é a" ausencia no trámite de información pública de elementos esenciais que son causa de nulidade absoluta e radical do mesmo, tales como a memoria do proxecto industrial estratéxico, a relación de bens e dereitos afectados, e a falta de notificación aos interesados, entre outros".

En canto ao Estudo de Impacto Ambiental, tamén denuncia que este foi "sometido a exposición pública sen estar conformado de acordo co establecido pola lexislación de avaliación ambiental", cuestión que xa foi posta de manifesto polo Valedor do Pobo de Galicia ante a Consellería de Economía e Industria á que mesmo advirte de que avalíe as consecuencias xurídicas de aprobar así o proxecto mineiro de Corcoesto.

A Xunta recorre ao Igape

A Plataforma tamén tivo coñecemento de que a Dirección Xeral de Minas, "en aras a tratar de arranxar unha nefasta tramitación do procedemento, está recabando de novo informes sobre o proxecto de outras consellerías e de outros órganos da Xunta como o Igape, neste último caso para que avalíe a viabilidade económica do mesmo".

Ante esta situación, o colectivo vén de remitir un escrito ao director xeral do Igape con documentación técnica que "pon en dúbida a viabilidade económica do proxecto e pídelle que faga un informe serio e rigoroso no que se contemple tamén o custo de oportunidade do mesmo, medido en termos da riqueza que se destruiría nas actividades agrícolas, gandeiras, de pesca e marisqueo, no caso de que fose autorizado".

Soledad Becerril, Defensora del Pueblo © DefensordelPueblo
Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.