O futuro de Corcoesto dirímese en Europa

Os representantes da Plataforma en Defensa de Corcoesto e Ana Miranda CC-BY-SA Praza Pública

O proxecto da multinacional canadiana Edgewater para a extracción de ouro a ceo aberto en Corcoesto non é un caso illado. Afírmase decote que é a punta de lanza doutros moitos proxectos que nestes momentos se atopan en distintas fase de tramitación en Galicia. Pero tampouco o caso galego é único en Europa. En Bulgaria ou Grecia, naqueles países máis pobres ou máis azoutados pola crise, esta e outras multinacionacionais desenvolven proxectos semellantes, aproveitando o elevado prezo do ouro e doutros materiais e as elevadas taxas de desemprego actuais. 

Os membros da plataforma referíronse aos "erros de tramitación que non son só erros administrativos, coma a cualificación errónea do tipo de resíduos xerados"

Contra o proxecto mineiro de Edgewater lóitase en Corcoesto, en toda a comarca de Bergantiños e en toda Galicia. Pero tamén en Bruxelas. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños presentou unha denuncia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo contra o proxecto mineiro e a súa declaración como proxecto estratéxico por parte da Xunta. A denuncia enumera as moitas razóns que esta e outras plataformas e colectivos sociais de todo tipo levan meses poñen enriba da mesa para opoñerse á mina, comezando polos erros na súa tramitación, pois "a pesar de non ter obtido aínda a declaración de proxecto estratéxico, tramitouse como tal e iso levou ña redución do tempo de exposición pública". De feito, os membros da plataforma referíronse aos "erros de tramitación que non son só erros administrativos, coma a cualificación errónea do tipo de resíduos xerados".

No documento tamén se inclúe a relación de "riscos e impactos ambientais" do proxecto e o impacto socioeconómico que terian para a paisaxe e as actividades produtivas que actualmente se levan a cabo na comarca, comenzando pola gandaría. Neste senso, lembraron por exemplo a granxa de Longueirón, a meirande de Galicia, que conta con máis de 600 cabezas de gando. "Os gandeiros están comezando a estar moi preocupados e nerviosos polo efecto que a mina pode ter para os seus negocios", dixeron. Os representantes da plataforma lembraron que a práctica totalidade dos sindicatos se posicionaron en contra dun proxecto que prevé a creación de menos de 300 postos de traballo, unha boa parte deles correspondentes a contratos de apenas uns meses de duración.

Este tipo de denuncias poden tardar até oito meses en ser contestadas, pero o obxectivo é que antes do verán os denunciantes poidan acudir ao Europarlamento pra explicarlles directamente aos deputados e deputadas a súa situación

A Plataforma está apoiada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, membro titular da Comisión de Peticións, que vai "impulsar" a denuncia para "que sexa debatida canto antes, tendo en conta a alarma cidadá xerada e as repercusión sociais, ambientais e económicas que poden derivarse deste proxecto de explotación mineira". Este tipo de denuncias poden tardar até oito meses en ser contestadas, pero o obxectivo é que antes do verán os denunciantes poidan acudir ao Europarlamento pra explicarlles directamente aos deputados e deputadas a súa situación, ao igual que hai uns dias fixeron os afectados pola estafa das preferentes. A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo pode impulsar cambios na normativa e impoñer sancións.

Antes, o 15 de maio o BNG organizará unha xornada sobre minería na Eurocámara, en colaboración con eurodeputados do Grupo Verdes/ALE e da Esquerda Europea (GUE/NGL), coa participación de expertos, académicos, colectivos ecoloxistas e sociais, e responsables políticos. O obxectivo desta iniciativa é avaliar o cumprimento da normativa da UE neste tipo de proxectos de explotación mineira a ceo aberto, e o uso uso de substancias altamente contaminantes, coao o cianuro, para a extracción do ouro. "A actual normativa comunitaria debe ser modificada para prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras, e así o defenderemos no Parlamento Europeo", avanzou Miranda.

"A minaría pode ser sustentable, pero o proxecto de Edgewater non o é", dixo Ana Miranda, que denunciou que a actual situación de crise e paro "é a escusa perfecta para o espolio de recursos"

Na actualidade xa existe unha resolución aprobada polo Europarlamento que recomenda que non se empregue o cianuro, pero a lexislación segue permitíndoo, iso é o que fai que o proxecto de Corcoesto sexa legal, "aínda que só grazas a que o proxecto de fraccionou para incumprir a lei", como lembrou Miranda. "A minaría pode ser sustentable, pero o proxecto de Edgewater non o é", dixo Ana Miranda, que denunciou que a actual situación de crise e paro "é a escusa perfecta para o espolio de recursos".

Esta denuncia non é a única iniciativa posta en marcha polos colectivos contrarios á mina para frear o proxecto. Tamén a Plataforma Salvemos Cabana está a realizar múltiples xestións nas institucións europeas e foron varias as preguntas dos eurodeputados que na cámara procuraron información sobre o coñecemento que a UE tiña do proxecto de Edgewater ou sobre se se axustaba á legalidade. Hai uns días o deputado de UPyD Francisco Sosa Wagner dirixiu unha pregunta por vía de urxencia á Comisión europea cuestionando a compatibilidade do proxecto de Edgewater -e da propia Declaración de Impacto Ambiental (DIA) emitida pola Xunta de Galicia- con tres directivas europeas que poderían estar sendo infrinxidas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.