0 Gardados para despois

“A incineradora no Irixo é a solución máis sinxela para un goberno covarde”

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O biólogo Serafín González é experto en xestión de residuos e dende hai anos é moi crítico co modelo de incineración escollido pola Xunta de Galicia. A pasada semana estivo no Caraballiño para informar aos veciños e veciñas dos efectos que podería ter unha planta coma a que se proxecta no Irixo.

 

Co proxecto da incineradora do Irixo recúncase nun modelo fracasado de xestión de residuos?

O máis sorprendente, vendo o plan de xestión de residuos para o período 2010-2020 que eles presentan, é que aí hai un recoñecemento de que o modelo actual foi un fracaso. No ano 97 apostouse por un modelo exclusivamente centrado na incineración, que lle dedicaba 92 de cada cen pesetas á incineración; e daquela había moitas máis axudas europeas, polo que foi unha moi mala xestión dos cartos públicos e dos cartos europeos. Daquela os movementos ecoloxistas (ADEGA e SGHN) e os sindicatos (CC.OO.) indicamos que no plan se desbotaba a recollida selectiva e a compostaxe. Coa incineradora do Sur téntase perpetuar ese modelo, co matiz de que agora si se contempla a compostaxe como complemento. O escenario que tiñamos a mediados dos noventa, con moitísimos vertedoiros distribuídos por toda Galicia, descontrolados, que se incendiaban periodicamente. Con Sogama melloramos un nivel, centralizando o depósito e controlando a queima e recuperando parte da enerxía, pero hai que ir moito máis aló: reducir, reciclar e reutilizar. E non parece que a Xunta aposte por iso, a Xunta está repetindo o mesmo erro.

O principal fracaso desta política é o aumento progresivo da xeración de residuos?

No plan, ademais, só se dedicaba 1,1 pesetas de cada cen a programas de minimización, é dicir, os programas para reducir a xestión de residuos. Daquela xa dixemos que con iso non se ía reducir o problema, e os resultados están á vista. Entre o ano 1998 e o 2009 a xeración de residuos en Galicia aumentou un 49% e o resultado foi que Cerceda colapsou. Que se fixo? Como Cerceda non podía tratar todo, creouse un vertedoiro en Areosa, tamén en Cerceda. Como o problema aumenta, hai que aumentar o vertedeiro unha e outra vez. E agora estamos no sensentido que se está a transportar moito lixo de Vigo ou Ourense a un vertedoiro en Cerceda, que recibe máis da cuarta parte de todo o lixo que se produce en Cerceda. Ademais, téntase ocultar ese fracaso enviando o lixo da Galicia da Galicia rica á Galicia pobre.

Outra eiva é a reciclaxe?

A reciclaxe co modelo Sogama é exactamente a mesma que co modelo vertedoiro. Con Sogama recíclase o 8,1%, co modelo vertedoiro recíclase o 7,9%. Non se cumpriron os obxectivos: se o obxectivo era reciclar o 50% do papel ou dos envases lixeiros, acadáronse porcentaxes entre o dez e o vinte por cento. Só se conseguiu no vidro. Faltan contedores para a recollida selectiva. Por cada contedor de recollida selectiva, hai entre oito e catorce que non o son.

Por que se escolle o Irixo? É só pola existencia dunha liña de ferrocarril?

Dise que O Irixo ten a vantaxe de que ten unha vía de ferrocarril. Que pasa? Pretenden enganar á xente? A lixa do ferrocarril une O Irixo, pero non con Vigo, Pontevedra e o Salnés, e eses residuos terían que viaxar por Santiago ou Ourense. A central térmica de Meirama está onde está, e a das Pontes o mesmo porque ao lado estaban as minas de lignito, porque non era rendible. Cos residuos pasa o mesmo. A elección do Irixo non ten ningún sentido nin ambiental, nin económico nin enerxético. E quen diga o contrario debería poñer riba da mesa os estudos técnicos que apoian iso.

O principal argumento utilizado polas persoas favorables á planta son os postos de traballo que xerará na comarca...

É unha falacia e unha demagoxia empregar o argumento dos postos de traballo. Hai que ver cales son as repercusións que a planta pode ter noutras fontes de riqueza do Irixo, do Carballiño ou do Ribeiro, dende a produción de viño de calidade, ou produción gandeira ecolóxica, ou o turismo de balneario do Carballiño. Decidir construír unha incineradora no Irixo é a solución máis sinxela para un goberno covarde, que non quere xestionar o problema do lixo nos lugares onde o lixo se produce. E a explicación é a poboación que vive na zona do Irixo e o custe en votos, fronte á poboación e aos votos das zonas urbanas. Ás grandes vilas quitámoslle o lixo de diante do nariz, e mandámosllo a un concello rural e empobrecido.

 

"O proxecto do Irixo é un recoñecemento implícito de que o modelo actual foi un fracaso"

"Téntase agocha o fracaso exportando o lixo da Galicia rica á Galicia pobre"

"Hai que ver cal pode ser a repercusión sobre a produción de viño, a gandeiría ecolóxica ou o turismo termal na zona"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.