O BNG insta a Feijóo a “cumprir o seu compromiso" de sacar ENCE da ría de Pontevedra en 2018

Xornada sobre territorio e sustentabilidade organizada polo BNG © Miguel Muñiz

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e a eurodeputada Ana Miranda abriron esta mañá a xornada sobre A defensa do territorio organizada polo Bloque, a Fundación Galiza Sempre e a Alianza Libre Europea e fixérono con duras críticas aos Gobernos do PP polos impactos medioambientais das súas políticas. 

Vence reclamoulle á Xunta un debate político e social “urxente” sobre o Plan de Actividades Extractivas aprobado polo Executivo de Feijóo que, advertiu, “abre Galiza en canal para as empresas transnacionais mineiras e converte toda Galiza en potencialmente expoliable, sen criterios de país en termos económicos, sociais e medioambientais”. “Este plan supón volver a unha economía do século pasado baseada na expoliación dos nosos recursos naturais por empresas foráneas, que detraen a riqueza do país sen beneficio para o noso tecido produtivo, en lugar de apostar pola economía do coñecemento, que xere valor engadido é favoreza o desenvolvemento do noso tecido produtivo”, denunciou.

Vence tamén fixo referencia á Lei de Costas e as “incertidumes” que abre sobre o traslado de Ence, toda vez que traspasa a toma de decisións ao Goberno central. Neste sentido, o dirixente do BNG instou a Feijóo a “cumprir o seu compromiso de sacar a pasteira da Ría en 2018 sen máis dilacións”. O “proceso de consultas” anunciado polo presidente da Xunta “fai pensar que está ideando unha estratexia para volverse atrás e permitir que primen os intereses da empresa en lugar dos intereses do país, porque a estas alturas Feijóo non debería ter necesidade de facer ningunha consulta para saber que precisamos recuperar a Ría de Pontevedra e para iso Ence ten que irse en 2018”, explicou.

“Abre Galiza en canal para as empresas transnacionais mineiras e converte toda Galiza en potencialmente expoliable, sen criterios de país en termos económicos, sociais e medioambientais”

O programa desta xornada, que se desenvolverá ao longo de todo o día, organízase en tres eixos: terra, mar e xente, e terá mesas de debate dedicadas á "Conservación, xestión e protección dos Espazos Naturais", ao"Desenvolvimento rural, política forestal, transxénicos" e ao Saneamento integral do litoral mariño e dos ríos". Tamén se abordarán as alternativas ao modelo de incineración de Sogama en materia de xestión de residuos, e neste senso contarán coa participación do director do proxecto Zero Waste Europa, Joan Marc Simons, e do concelleiro de Medioambiente da Deputación de Guipuzcoa, Iñaki Errazkin, como principais ponentes.

 

Xornada sobre territorio e sustentabilidade organizada polo BNG © Miguel Muñiz
Xornada sobre territorio e sustentabilidade organizada polo BNG © Miguel Muñiz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.