'Multiplica x100 a tua língua': dos 2,5 millóns de galegos aos 250 millóns de falantes

Agal / Pró Academia © Agal / Pró Academia

Multiplicar a nosa lingua. Dos 2,5 millóns de galegos aos 250 millóns de falantes do noso idioma. Esa é a reivindicación da campaña Multiplica x100 a tua língua, levada a cabo pola Agal e pró-Academia, coa que pretenden implicar e concienciar a sociedade de que o futuro do idioma non pasa só por sumar, senón sobre todo por multiplicar e achegarse ao mundo lusófono que conforman países como Portugal, Brasil, Moçambique ou Angola.

A campaña reúne nun blog opinións favorábeis á "multiplicación por cen" do galego

"Milhares de galegos e galegas tomamos já umha decisom importante e cada vez somos mais a o fazer: ignorar os mapas que nos inculcaram na escola, das instituições, dos meios de comunicaçom e reparamos que a operaçom aritmética que melhor condiz com a nossa língua é a da multiplicaçom", xustifica a campaña, que conta cun blog onde se pode atopar información e recursos gráficos para difundir a mensaxe e onde centos de persoas van deixando en forma de opinión os seus argumentos a favor desa multiplicación por cen do galego.

"Temos que multiplicar X100 o galego… para impedir que acabem encerrando-o num minúsculo relicário para uso de devotos"

E son xa 125 as opinións a prol da multiplicación. "Temos que multiplicar X100 o galego… porque é o justo com o nosso passado e o necessário para o nosso futuro", asegura Miguel R. Penas, presidente da Agal. "Porque senom multiplicam-nos por zero!!!", advirte Comba Campoi, ao tempo que Ugia Pedreira arguementa o seu apoio á campaña porque os galegos "sentimos, entom existimos, por isso o sentir multiplica-se e nom resta". "Temos que multiplicar X100 o galego… para impedir que acabem encerrando-o num minúsculo relicário para uso de devotos", engade Joám López Facal. E así ducias máis.

"Podemos viver em galego sem esperar polas políticas linguísticas da Xunta, sem esperar que decida subvencionar tal ou qual área social, cultural ou técnica. Lemos, ouvimos e vemos o que um cidadão do s.XXI quer ler, ouvir ou ver e fazemo-lo na nossa língua, a língua da Galiza", reivindican os promotores dunha campaña que lembra que os galegos "somos um bocado mais ricos que a média porque temos dous planetas linguístico-culturais ao nosso alcance, com só abrir a porta".

Pero algunha porta segue a estar demasiado pechada. E esta campaña pretende abrila. A Associaçom Galega da Língua, xunto a Associação pró-Academia, manifestaranse baixo o lema Multiplica x100 a tua língua na manifestación nacional polo Día das Letras. E farano xusto tres días despois de que se debatise no Parlamento a ILP Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Opinións no blog x100 © Agal / Pró Academia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.