O Valedor encarga á USC que comprobe a posible contaminación da mina de Corcoesto

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

O Valedor do Pobo vén de encargar á Universidade de Santiago (USC) unha peritaxe propia para investigar a posible incidencia dos elementos contamintantes que o proxecto mineiro de Corcoesto pode provocar na contorna. Así o decidiu o alto comisionado galego na fase final das investigacións abertas sobre a incidencia ambiental da mina e tras "ter tramitado 16 queixas presentadas por cidadáns en relación aos múltiples prexuízos que a explotación vai ocasionar a esta comarca".

O Valedor do Pobo quere contrastar os datos logo de que a Xunta negase a incidencia da que alertaba o CSIC

O obxectivo desta peritaxe é a de "contrastar os datos recibidos ata o momento e poder facer unha valoración e dar resposta aos cidadáns" sobre a posible contaminación da contorna e a "mala xestión dos residuos resultantes da actividade", tendo en conta que informes coñecidos resultaron contraditos polo departamento competente da Xunta, en referencia á posible contaminación do río Anllóns da que alertou o CSIC, segundo recoñece o Valedor nun comunicado.

O alto comisionado admitiu a trámite un total de 16 queixas presentadas por cidadáns a instancia de parte e nelas estudáronse diferentes aspectos relacionados "coa incidencia que a mina vai ocasionar nesa zona". O último Informe Ordinario do Valedor do Pobo, que recolle a actividade despregada ata o 31 de decembro de 2012, inclúe xa catro críticas expresas ao desenvolvemento do proxecto, que gardaron relación co obxecto das primeiras reclamacións recibidas. De feito, a institución tomou nota e "activou os seus mecanismos para instar a corrixir, entre outros aspectos, as consecuencias sociais da mina nun contorno humanizado, a afectación arqueolóxica da mesma, a deficiente avaliación de impacto ambiental da actividade e mesmo a contaminación e mala xestión dos residuos".

O alto comisionado rexeitou unha queixa da emporesa promotora

Segundo desvela o comunicado, as actuacións do Valedor en relación á repercusión á explotación mineira de Corcoesto instensificáronse nos últimos meses, ao tempo que o alto comisionado botou atrás unha iniciativa da empresa promotora da explotación, que "resultou inadmitida e respondida co rexeitamento das súas pretensións". 

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto valorou publicamente as actuacións do Valedor do Pobo, así como a Defensora del Pueblo, que se interesou por coñecer as repercusións ambientais da explotación de Cabana de Bergantiños, aínda que no seu Informe Ordinario a las Cortes entregado este principio de ano, non fai aínda referencia algunha a este problema.

Marcha contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.