Nace un portal para loitar contra a minaría tóxica

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Salvemosgalicia.org é un portal web que comezará a operar en xuño co obxectivo de "alertar, informar e actuar en colaboración coas comunidades afectadas fronte aos proxectos de minaría contaminante" que tentan instalarse en Galicia. En palabras dos seus promotores, o proxecto nace "para loitar contra a barbarie da Xunta de Galicia no seu decidido apoio á minaría transnacional cunha tripla finalidade, establecendo un sistema de avisos a partir da información oficial publicada sobre solicitudes e concesións, organizando actividades e publicacións de alcance sobre o problema mineiro, e finalmente colaborando coas comunidades afectadas na reacción fronte a casos particulares, como a elaboración de alegacións ou a organización de grupos veciñais".

Denuncian que a campaña institucional A minaría forma parte da túa vida, "pagada cos impostos de todos e de todas", oculta que "centenares de solicitudes de exploración, investigación e aproveitamento mineiro de diferente índole encóntranse en diferentes fases de tramitación por todo o territorio galego". Engaden que "baixo unha promesa laboral incerta, e de curta duración no tempo, en ningún momento se fala dos efectos que algunhas destas iniciativas poden traer consigo ás bisbarras e poboacións implicadas". E citan os exemplos de proxectos de carácter metalífero como os que se pretenden levar a cabo afectando a dúas reservas da Biosfera entre os concellos lugueses da Fonsagrada, Becerreá, Baralla e Baleira, o proxecto de Pinzás en Tomiño, e tamén o de Corcoesto, actualmente en fase previa á súa aprobación.

O portal lanzarase na primeira quincena de xuño

Dende salvemosgalicia.org lembran que "nestes momento existe un consenso declarado a nivel internacional de que ningunha actividade é tan agresiva a nivel ambiental, social e cultural como a minaría a grande escala, especialmente cando se realiza a ceo aberto e empregando substancias tóxicas, dado que presenta unha interminable lista de impactos alterando e contaminando o entorno e as relacións sociais nas comunidades". O portal lanzarase na primeira quincena de xuño.

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.