"O PP quere modificar o sistema educativo para dende el modificar o sistema social"

Presentación do 'Libro Verde' © CC.OO.

Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, presentou este mércores o Libro Verde da Educación elaborado polo sindicato. O libro, que leva meses sendo presentado en todo o Estado, comeza facendo un diagnóstico da situación actual do ensino e de que aspectos se deben mellorar. A continuación debulla as criticas que dende CC.OO. se lle fan ao proxecto de lei da LOMCE e finalmente realiza un conxunto de propostas para mellorar o sistema educativo en contraposición coas que fai a LOMCE. "O Goberno sacou un proxecto de lei sen ningún tipo de consenso nin debate e nós o que pretendemos con este libro é manter o debate aberto e que toda a comunidade educativa poida realizar achegas", explica Luz López, que conclúe que "esta lei é completamente regresiva e non vai mellorar en absoluto as carencias que si ten o sistema educativo".

"O Goberno sacou un proxecto de lei sen ningún tipo de consenso nin debate e nós o que pretendemos con este libro é manter o debate aberto e que toda a comunidade educativa poida realizar achegas"

A proposta do ministro Wert, aprobada xa polo Consello de Ministros, iniciará agora o seu trámite parlamentario. Dende os colectivos opostos á reforma existe o temor de que o PP module os tempos para facer coincidir a súa apobación -previsiblemente cos seus únicos votos- cun momento de desmobilización da comunidade educativa: xullo ou o comezo do mes de setembro: "Eles teñen a forza parlamentaria suficiente para xogar cos tempos e van tentar que a comunidade educativa estea máis apagada. Por iso o obxectivo é manter as mobilizacións até final de curso para retomalas con forza en setembro. Pero si que existe a posibilidade de que se aprobe en xullo e aí a comunidade educativa estaría máis desmobilizada", afirma Luz López.

A responsable de CCOO-Ensino tamén salienta que "esta lei ratifica e pon por escrito os recortes que se viñeron facendo en todos os servizos públicos e polo tanto no ensino"

A responsable de CCOO-Ensino tamén salienta que "esta lei ratifica e pon por escrito os recortes que se viñeron facendo en todos os servizos públicos e polo tanto no ensino" e engade que "estamos nun momento de moita precariedade no que se refire á dotación orzamentaria e de persoal dos centros. Perdéronse en toda España 60 mil postos de traballo no sistema educativo. Esta lei asenta e agrava os recortes. O que pretenden é modificar o sistema educativo para dende el modificar o sistema social como eles queren".

Tamén lembra que o Goberno "está esforzándose moito" para que a aprobación da LOMCE non coincida no tempo coa reforma da lei universitaria estatal: "non queren que coincidan no tempo porque saben que así nos poderían por a toda a comunidade educativa en pé de guerra. E vendo a LOMCE non é difícil prever que liñas pode ter esa reforma universitaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.