Unha buguina para encher Ferrol de dignidade

Cartaz de Radio Buguina Dominio Público Praza Pública

A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!

Deste xeito comeza o manifesto de Radio Buguina, unha iniciativa artística que o vindeiro domingo 2 de xuño chama a cidadanía de Ferrolterra a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a imitación do que xa fixeron en varias ocasións os traballadores cos seus buzos. Un acto artístico, popular, efémero e reivindicativo que sinala o sector naval como símbolo dunha sociedade arrasada. Hai moitas mans e moitas cabezas detrás desta iniciativa: Suso de Toro, Manuel Rivas, Roberto Somoza, Xurxo Souto, Anxo Angueira, Pepe Galán, Mercedes Queixas -vicepresidenta da AELG, entidade que colabora moi activamente- ou Pepe Barro, que resta importancia aos nomes: "hoxe somos estes, mañá serán outros". A iniciativa está apoiada polos sindicatos CC.OO, CIG, USTG e UGT os partidos ANOVA, BNG, CxG, eQuo, Espazo Ecosocialista Galego, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, ademais dunhda ducia de entidades culturais.

Do que se trataba era de, dende o mundo das artes, facer unha achega á loita que desenvolven os traballadores dos sector naval de Ferrolterra polos seus empregos, pola supervivencia do sector e polo futuro da cidade e da comarca. "A crise está arrasando con todo pero de forma particular en Ferrol, e por iso Ferrol funciona neste caso como símbolo dunha sociedade arrasada", di o deseñador Pepe Barro que engade que se trata "de facer unha achega de dignidade unha carga de dignidade seguindo a reclamación principal dese sector: a carga de traballo".

A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena

A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena, un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas", como se le no manifesto. Unha forma de dicir que a loita do naval son todas as loitas. 

Será unha obra de arte popular, colectiva e efémera, destaca Pepe Barro, "esas roupas irán rompendo, perdendo a súa cor, mudando, dando lugar a unha obra nova". Unha obra que parte dun referente moi concreto e recoñecible: os buzos de traballo que os obreiros comezaron a pendurar de farolas ou reixas dende hai uns meses: "esa imaxe dos monos colgados ten un gran poder icónico e, de feito, xa se converteron en iconas que os propios traballadores usan: agora comezan a debuxar os monos ou a colgar as súas siluetas recortadas en papel e cartón. Xa se converteron nun símbolo".

"Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo", destaca o manifesto de Radio Buguina, a buguina "un elemento que serve como emisor e receptor a un tempo", lembra Barro. "Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupa de toda a xente, cargada de dignidade!". A cita: o domingo 2, de 11 a 14 horas, na Porta de Bazán.

Buzos de traballo pendurados de fiestras e farolas nunha manifestacións CC-BY-NC Susete
Cartaz da iniciativa © Radio Buguina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.