Catro novas tesoiradas ao benestar receitadas pola Comisión Europea

Concentración de SOS Sanidade na Coruña CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

O vademécum de nove recomendacións que vén de receitarlle Bruxelas a España agacha algunhas chiscadelas a meter a tesoira en sectores tan sensibles como a sanidade ou os servizos públicos de emprego. Estas son algunhas das minas ocultas no texto.

Coidado coa sanidade. Bruxelas volve pór a lupa sobre a sanidade española, a pesar de que é recoñecida como unha das máis que menos gastan da OCDE e de Europa. Así, a Comisión Europea pide "aumentar a relación custo-eficacia do sector sanitario, mantendo ao mesmo tempo a accesibilidade de grupos vulnerables, por exemplo reducindo o gasto farmacéutico dos hospitais, potenciando a coordinación entre os distintos tipos de asistencia sanitaria e mellorando os incentivos a favor dun uso eficiente dos recursos". É especialmente esta última recomendación a menos clara de todas e as que máis convida a continuar sacando probas ou vacinas que agora se administran pola Seguridade Social. A recomendación esténdese a todas as partidas da Administración de "maior gasto" que deben ser revisadas antes de 2014.

Desde Bruxelas esixen que "como moi tarde" en xullo de 2013 España despregue en toda a súa capacidade a reforma laboral

Encarecer produtos básicos. Subir o tipo reducido do IVE. Desde Bruxelas xa advertiran a España de que non están a favor do numeroso grupo de produtos que son favorecidos co IVE reducido, actualmente no 10%, e pide explotar "a marxe" para elevar os tipos ao 21%. Entre os elementos ao 10% de IVE atópanse bens intermedios ligados á produción agrícola, á rama biosanitaria (como unha prótese), entradas a museos, o transporte de viaxeiros ou a prestación de servizos ligados á vivenda, como algúns alugueres ou a rehabilitación. Tamén, como particularidade, as entradas a espectáculos deportivos.

Máis Reforma laboral. Desde Bruxelas esixen que "como moi tarde" en xullo de 2013 España despregue en toda a súa capacidade a reforma laboral. Un dos aspectos que aínda non se desenvolveu é a entrada de axencias de colocación privadas no Sistema Público de Emprego para intermediar na procura de traballos. Bruxelas pide "reformar e modernizar os sistemas públicos de emprego", facendo fincapé na necesidade de mellorar a orientación dos servizos de emprego, unha chiscadela á privatización do sistema.

A dieta da Comisión Europea pretende adelgazar todos os servizos públicos que se prestan

A Xustiza e outros servizos cidadáns. A dieta da Comisión Europea pretende adelgazar todos os servizos públicos que se prestan. Así, a última recomendación, o número nove, pide "aprobar, con arranxo ao calendario presentado, a reforma da administración local e elaborar en outubro de 2013 como moi tarde un plan de aumento da eficiencia de toda a administración pública; adoptar e aplicar as reformas en curso para aumentar a eficiencia do sistema xudicial". As taxas xudiciais, orientadas en teoría a racionalizar o sistema, irían por tanto na dirección marcada desde a UE.

Concentración de SOS Sanidade na Coruña CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.