Os exemplos de Asturias nos que se mira Corcoesto

Zona da mina a ceo aberto de Belmonte, hoxe explotándose en galería, tras a restauración © Salvemos Cabana

Mineira de Corcoesto-Edgewater vén de organizar para un grupo seleccionado de 25 veciños da comarca de Bergantiños unha viaxe ás minas asturianas de Carlés e Boinás-El Valle. No seu intento por amosar as bondades das explotacións mineiras e os seus beneficios económicos, a compañía convidou esta semana a cidadanía a visitar dous dos proxectos que considera exemplares en canto á rendibilidade económica e a restauración medioambiental da zona.

Pero non todo é tan positivo. Tal e como denuncia a plataforma Salvemos Cabana e unha morea de colectivos contrarios a este tipo de minería en Asturias, nin os beneficios son tantos nin os prexuízos medioambientais e socioeconómicos son tan escasos. Nin moito menos. "A repercusión da actividade mineira do ouro no desenvolvemento local sostible non se dá; a mina non adoita contratar moito persoal, este non é normalmente da zona e os beneficios que provoca nalgúns comercios ou na hostelería vanse en canto marcha a compañía. Os seus beneficios son temporais, pero as repercusións son atemporais, prolongadas no tempo e difíciles de calcular", resume Ignacio Martínez, enxeñeiro de minas, voceiro de ANA (Asociación Asturiana d’Amigos de la Naturaleza) e experto nos conflitos mineiros que asolaron e asolan a autonomía veciña.

"Os beneficios dunha mina de ouro son temporais, pero as repercusións son atemporais, prolongadas no tempo e difíciles de calcular"

Sábeo por experiencia. Minas como a de Carlés e Boinás "supoñen unha alteración física importante que non deixa beneficio, pero si provoca uns riscos certos e uns posibles problemas de contaminación que se comprobarán en calquera momento". No caso da segunda delas, algunhas das consecuencias foron máis que evidentes. "Unha pequena aldea, cos seus prados de montaña, desapareceu", explica, tras engadir que, naquel caso, "a maior parte da xente vendeu voluntariamente e foi indemnizada". Nada quedou daquelas casas.

Pero hai moitos máis riscos e consecuencias das que, como lamenta Ignacio Martínez, non se coñecen todos os datos polo "desleixo" das administracións á hora de coñecer as afectacións e "polos escasos recursos que a sociedade civil ten para lograr sabelas". Hai varios exemplos.

A mina de Carlés provocou contaminación por arsénico no río Narcea e a de Boinás acumula expedientes da Confederación Hidrográfica

A mina de Carlés, no Concello de Salas, aberta e operando sen permiso durante catro anos provocou a contaminación por arsénico e antimonio do río Narcea en niveis perigosos para a saúde, segundo as análises feitas pola Universidade Autónoma de Madrid. A de Boinás-El Valle,en Belmonte de Miranda, está en fase de galería e provocou a degradación paisaxística e ambiental coa súa restauración, que acumula numerosas denuncias, sancións e expedientes graves por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico ante a contaminación causada no río Cauxa, afluente do Narcea.

 

Os problemas derivados das minas

"Os expedientes sancionadores tan só son coñecidos polo afectado, neste caso a empresa, e pola Administración", lembra Martínez. Aínda así, a propia Confederación Hidrográfica ofrece algún datos sobre as denuncias máis graves que tivo que afrontar a compañía mineira por diversas verteduras ao río Cauxa: vertido de arsénico incumprindo as condicións en 2004, recheo e dique sen autorización en 2006, ocupación de zona de servidume en 2010, máis verteduras tóxicas en 2011 ou incumprimento dos valores de emisión en 2012.

Ademais, a prensa asturiana fíxose eco tamén hai tempo de como en Boinás se chegaron a tratar ilegalmente milleiros de toneladas de rocha procedente de Groenlandia, o que provocou importantes protestas, xa que esta actividade para nada estaba contemplada na autorización que do Principado recibira a empresa mineira en 1996 e que acabou provocando milleiros de toneladas de refugallos tóxicos.

"O risco é un concepto estraño para a lóxica empresarial, que non os ten en conta e que nunca son axeitadamente avaliados; ao pechar a mina, o mantemento e as cautelas que hai que seguir olvídanse e, na práctica, a Administración non se preocupa en controlar a actividade e as organizacións ecoloxistas ou cidadás non teñen a capacidade para facer as analíticas oportunas", resume o membro de ANA.

O proxecto de Salave, case idéntico ao de Corcoesto, "ten moi poucas posibilidades de saír adiante" tras a negativa do Principado a apoiar cegamente a mina

Pero o mal nestes dous casos xa está feito. Como recorda Ignacio Martínez, o perigo agora está en Salave, en Tapia de Casariego, onde outra empresa canadense que adoptou un nome local -Asturgold- pretende abrir unha mina a ceo aberto. As semellanzas co proxecto de Corcoesto son moitísimas, pero hai unha diferenza abismal. O anterior goberno local do concello e o actual goberno do Principado non apoian este megaproxecto mineiro que, segundo Ignacio Martínez, "xa ten moi poucas posibilidades de saír adiante". A negativa do Executivo autonómico á Declaración de Impacto Ambiental, a baixada do prezo do ouro e a presión veciñal están botando atrás a unha compañía que leva desde 2005 loitando por comezar os traballos.

"A cantidade de erros que está cometendo a compañía é brutal e xa non contamos con que o proxecto siga adiante porque foi un proceso especulativo de libro; avanzaron moito cando o prezo do ouro era moito máis elevado, pero agora están intentando sortear unha declaración de impacto ambiental que non contemplaba o tratamento posterior e que lle foi negada", insiste Martínez, que lembra como o antigo alcalde de Tapia, que levaba vinte anos no poder, perdeu as eleccións polo seu apoio á explotación. O seguinte rexedor, que acabou dimitindo, situouse en contra e agora os gobernantes -PP e Foro- apoian a mina "se cumpre todas as condicións".

"Os erros cometidos pola empresa mineira en Salave foron brutais; foi  un proceso especulativo de libro"

É a única diferenza clara. No resto, en pouco se distinguen os proxectos de Corcoesto e Salave. Nos dous unha compañía mineira canadense pretende reabrir unha antiga explotación romana, nos dous casos prométese emprego e os cálculos son semellantes (uns 250 postos directos), as dimensións das concesións son tamén parecidas (700 hectáreas), a oposición veciñal é grande en ambas as dúas comunidades e os temores ao que quedará cando a firmas abandonen o lugar son idénticos. No entanto, en Asturias a empresa non conta co apoio explícito do goberno autonómico, malia que non está a poñerlle tantos atrancos como os que si lle puxo ao proxecto inicial a ceo aberto. A alternativa agora é unha explotación subterránea que tampuco parece que chegará.

Zona da mina a ceo aberto de Belmonte, hoxe explotándose en galería, tras a restauración © Salvemos Cabana
Zona da mina a ceo aberto de Belmonte, hoxe explotándose en galería, tras a restauración © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.