Folgos contra a megaminaría dende a outra beira do Atlántico

Imaxe dunha campaña de OCMAL © OCMAL

"Ao coñecer a alarma prendida na comunidade galega polos proxectos mineiros que ameazan o seu territorio e a manifestación convocada para o vindeiro domingo día 2 en Santiago de Compostela pola plataforma ContraMINAcción moitas comunidades afectadas pola minaría noutas partes do mundo envían, dende ultramar, a súa solidariedade e apoio incondicional". A marea de rexeitamento contra os case vinte proxectos mineiros que poderían chegar a implantarse en Galicia nos próximos anos está, a poucas horas da mobilización de Compostela, a recibir folgos non só dende o máis de medio cento de entidades adheridas á convocatoria, senón tamén dende a outra beira do Atlántico, nomeadamente, dende territorios que sofren os danos colaterais destas explotacións nos seus propios territorios.

Colectivos e comunidades agrupadas en torno ao Observatorio de Conflictos Mineros en América Latina (OCMAL), como a Asamblea de los Pueblos del Sur en Defensa de la Naturaleza, sinalan que "saben moi ben de que se fala en Galicia cando se defende a terra contra a megaminaría". Desta asemblea forma parte a comunidade ecoloxista Quizha-Quizha, de Cuenca (Ecuador), cuxos membros explican que "se adoitamos recibir a solidariedade dende esas terras, non podemos ficar indiferentes agora". "Alén das identidades, somos irmás e irmáns no soño doutro mundo posible". "Unha aperta solidaria e chea de forza", di Chela Calle.

Organizacións cidadás e ecoloxistas de Sudamérica apoian "a loita que lideran en Galicia contra a estupidez e o curtopracismo dos gobernos e das empresas mineiras"

"No seu país -abonda OCMAL, nun comunicado- os campesiños  que defende a auga e a vida enfróntanse a procesos xudiciais tras seren inxustamente criminalizados pola empresa mineira e o Goberno". Tamén dende Ecuador a organización Defensa y Conservación Ecológica de Intag amosa o seu apoio "á loita que lideran en Galicia contra a estupidez e o curtopracismo dos gobernos e das empresas mineiras". Esta zona, explica OCMAL, caracterízase pola "súa resistencia á gran minaría de cobre dende 1995". Alí "a firme oposición da poboación á entrada das empresas mineiras mantén aínda afastadas as transnacionais" e os bosques, "intactos".

A "solidariedade" concentrada en OCMAL a prol das protestas galegas chega tamén dende a Arxentina, onde a Asamblea Buenos Aires No a la Mina "acompaña a mobilización" de Compostela "dende a distancia, lembrando que a auga e a vida non se negocian". Dende Jalisco, en México, a Asociación de Apoyo a los Grupos Indígenas, que traballa tamén contra a "invasión das empresas mineiras canadenses", sinalan, segundo OCMAL, que "se unen á solidariedade coa loita dos irmáns de Galicia contra a megaiminaría que se pretende facer nas súas fermosas terras". "Xuntos podemos máis, ánimo e moito espírito", subliñan.

Na messma liña, dende a organizacion internacional Salva la Selva unha das súas voceiras, Guadalupe Rodríguez, reflexiona que "a experiencia de anos de seguimento de procesos de resistencia á minaría en todo o mundo nos fai chegar á conclusión de que resistir dá froitos". "Se queren salvarse da destrución mineira, os pobos de Europa poden reflectirse en experiencias previas que lles están ofrecendo dende ultra mar, como as consultas comunitarias, lexislacións innovadoras en protección da natureza" ou "xuízos internacionais ás empresas" que promoven estas explotacións.

Imaxe dunha campaña de OCMAL © OCMAL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.