0 Gardados para despois

Contra o recorte de dereitos, "que se lixe a troika!"

Redacción | @prazapublica

Vigo, Lugo, Compostela, Ourense e A Coruña ao carón de Lisboa, Roma, Madrid, Barcelona, Bilbao ou Atenas. Cinco manifestacións percorreron este sábado as rúas doutras tantas cidades galegas para unirse ao movemento que percorreu algúns dos estados da Unión Europea máis afectados pola actual crise para rexeitar as políticas de recorte. Ao abeiro do movemento que, baixo o lema "que se lixe a troika!", agromou en Portugal en resposta ás retalladas do rescate financeiro, as persoas participantes nas mobilizacións manifestaron o seu rexeitamento ás "restricións de dereitos e liberdades" que, ao seu xuízo, "o FMI, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea están sometendo á cidadanía".

A marcha viguesa foi a máis concorrida das celebradas en Galicia. Nela, como nas demais, os manifestantes amosáronse convencidos de que "o problema" non é "a crise", senón "o sistema". Ao remate da marcha, na Porta do Sol, o manifesto final consideraba necesaria unha reacción contra a "maior ofensiva do capital contra o traballo, os dereitos e as liberdades das persoas nos últimos corenta anos". "Se non os paramos", advirten, producirase a "destrución de todas as conquistas sociais feitas até os nosos días" para satisfacer "os mercados", que "no Estado español" están formados polo que definen como "compendio mafioso de banqueiros, especuladores e políticos alleos ás persoas".

O "bipartidismo", a "represión" e a "manipulación informativa" deben ser, a xuízo dos impulsores do movemento Pobos unidos contra a troika, afrontados dende a "unidade", a "ética", a "responsabilidade" e a "dignidade" e todo isto "sen medo". "O actual sistema obriga a cidadanía a pagar os excesos e as malas prácticas dunha elite económica e política que sae impune desta situación mentres a maioría padece as consecuencias", advirten. Por todo isto, consideraron ao remate da marcha viguesa, "non hai máis opción que a toma de conciencia crítica" e que esta "veña acompañada da adopción dun papel activo na protesta, na loita contra este sistema capitalista inxusto e restritivo que promove a desigualdade e pretende despoxar a cidadanía da súa dignidade".

"Se non os paramos producirase a destrución de todas as conquistas sociais feitas até os nosos días", advirten

"Hoxe, a cidadanía europea declarouse antisistema", resumen tras unhas marchas que en Galicia estiveron organizadas por colectivos como a Fronte Cívica Somos Maioría, Asemblea Aberta (Compostela) ou a Marea Cidadá. Ademais, as protestas tiveron a adhesión de formacións políticas coma o BNG, Anova ou Esquerda Unida, e de colectivos de diferentes ámbitos, caso da CIG, Plataforma Galega Pola Defensa do Ensino Público, Comités, Comité Antisida da Coruña Casco, Confapa Galicia, Sindicato de Estudantes, Stop Desahucios Coruña, Marea Verde, Stop Desafiuzamentos, Renda Básica, Comités, Liga Estudantil Galega, Asamblea Anarquista, Asamblea Anticapitalista, Madia Leva, Galiza Nova, Ceivar, Cultura do País, Na Encrucillada, plataformas de Afectados polas Preferentes ou grupos ligados ao 15M, entre outros.

Cabeceira da manifestación en Vigo

Vista da mobilización en Lugo

Manifestación de Ourense

Faixa da CNT en Vigo

Manifestantes en Vigo

A PAH participou nas mobilizacións

Faixa nun banco

Faixa do BNG

Remate da marcha en Compostela

Manifestación na Coruña

O BNG, en Santiago

1-X, pobos unidos contra a troika

Manifestacións en Galicia do movemento "pobos unidos contra a troika"

Manifestación dos "pobos unidos contra a troika" en Vigo

CC BY GZ Vídeos

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.