O PP apoia a sanción a Jorquera mentres toda a oposición sae na súa defensa

Carga policial ante a casa de Aurelia Rey CC-BY Praza Pública

"Estou perplexo e moi orgulloso de constribuír a que unha anciá non ficase na rúa. Cando se apela á defensa da orde e do estado de dereito é inconcibible que eu me enterase da presunta apertura dese expediente lendo un periódico; non teño ningunha comunicación a ese respecto e se é certa, que non o dubido, están nos procedementos faltando ao que debe de rexer en calquera estado de dereito". Así reaccionou o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, logo de que se coñecese que foi expedientado pola Subdelegación do Goberno -xunto con outras sete persoas, entre elas dous edís e un bombeiro- logo de participar na paralización do desafiuzamento da anciá Aurelia Rey na Coruña hai catro meses.

"Todos os cidadáns estamos sometidos á lei e todos estamos obrigados a cumprila", asegura o PP

Toda a oposición saeu na defensa de Jorquera e criticou a "cafrada" e o "tic autoritario" que lle atribúen á dereita que goberna no Estado e en Galicia. No entanto, o PP deixou ben claro que apoia a proposta de sanción -que é de 600 euros para cada un dos expedientados- incluso atribuíndolle ao voceiro do Bloque palabras que non dixo. "Non se pode dicir que neste momento se están violando os dereitos dun deputado, como dixo o portavoz nacionalista", asegurou a voceira popular, Marta Rodríguez Arias, cando en realidade foi o socialista Losada quen asegurou tal. "Todos os cidadáns estamos sometidos á lei e todos estamos obrigados a cumprila. Ninguén pode incumprir unha lei amparándose no seu cargo e obviar que todos temos as mesmas obrigas", continuou a popular, e insistiu en que "un por ser deputado non debe non cumprir a lei que teñen que cumprir o resto dos cidadáns". 

Así, Francisco Jorquera insiste na súa "perplexidade", tamén polo feito de que no informe policial o acusen de ser "un cabecilla". Ademais, explica que logo das denuncias policiais e das aperturas de dilixencias xudiciais, varios dos denunciados autoinculpáronse. "A resposta das autoridades xudiciais foi desestimala, dado que sobre min non había ningunha denuncia e nos informes policiais non se facía ningunha referencia á miña presenza; agora resulta que en paralelo esas mesmas autoridades gobernativas abren un expediente para sancionarme a min e a outros compañeiros pola vía administrativa", explica, tras defender a súa actuación por levar a cabo "unha acción colectiva, solidaria, de cidadáns que pretendían frear a comisión dun acto inxusto".

Jorquera declárase "perplexo" e defende "unha acción colectiva e solidaria que pretendía frear a comisión dun acto inxusto"

En canto ao feito de que a súa inmunidade parlamentaria afectase ao acto, Jorquera di que non lle preocupa, pero aclara que non cre que así sexa, xa que a inmunidade parlamentaria afecta a actos que se derivan da condición de deputado e "habería que discutir se ese acto foi froito da miña actuación como parlamentario". "Dende o meu punto de vista si, porque non entendo que a única función sexa traballar entre estas catro paredes, pero dende un punto de vista xurídico posiblemente se interprete que non formaba parte desa condición", engadiu no Parlamento.

"Só lles falta dicir 'la calle es mía', como dicía Fraga", denuncia Beiras

Francisco Jorquera recibiu ben axiña os apoios dos outros dous grupos da oposición. Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE, cualificou de "cafrada" a sanción a Jorquera e ao resto dos denunciados. "Só lles falta dicir 'la calle es mía', como dicía Fraga cando era ministro de Gobernación", asegurou, tras advertir de que o expediente "supón unha violación dos dereitos dun deputado" e engadir que non lle "sorprende nada" que iso ocorra.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG na Cámara, Abel Losada, cre que a sanción "é consubstancial coa historia da dereita neste país". "En canto pode, os tics autoritarios aparecen igual que os fungos no outono; non é nada novo, ninguén se sorprenderá, pero a dereita entende que as forzas da orde pública están para garantir os intereses e a orde non do conxunto do público, senón de determinados grupos sociais e económicos", asegurou. 

"Equivócanse desde a dereita cando cren que con expedientes, barras de seguridade rodeando o Parlamento e moitos antidisturbios van solucionar un problema social, económico e laboral gravísimo. Non hai outra solución, non a houbo nunca, e menos en democracia", rematou.

Xosé Manuel Carril, zarandeado pola Policía Dominio Público @MObelleiro
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.