A privatización dos comúns que acendeu a Primavera Turca

Cartografía do proxecto 'Mapping the Commons Istambul', ideado por Hackitectura Dominio Público El Diario

"Taksim é noso, Istambul é noso!". Os berros non pertencen a algún dos mozos que ocuparon o Taksim Gezi Park de Istambul o pasado 28 de maio. Tampouco é unha consigna que estea a circular en Twitter na xa global etiqueta #OccupyGezi. "Taksim é noso" pronúnciao un cidadán anónimo no vídeo  Taksim Square (Istambul Commons), durante unha manifestación celebrada o outono pasado. "Taksim é noso" - continúa a voz co megáfono - "non importa a opinión política que teña a xente".

O vídeo pertence ao proxecto Mapping the commons, ideado polo estudo sevillano Hacktitectura e desenvolvido polo activista Pablo de Soto en Atenas e Istambul. E contextualiza á perfección a vertixinosa insurrección que está a vivir Istambul e toda Turquía. O centro comercial planeado polo Goberno de Recep Tayyip Erdogan que acendeu  #OccupyGezi é apenas a punta dun iceberg maior: un duro plan neoliberal para privatizar bens comúns (augas, bosques) e espazo público. Até que punto o ataque ao procomún e concretamente a privatizacón dos comúns urbanos acenderon a primavera turca?

O centro comercial planeado polo Goberno de Recep Tayyip Erdogan que acendeu  #OccupyGezi é apenas a punta dun iceberg maior: un duro plan neoliberal para privatizar bens comúns (augas, bosques) e espazo público

O proxecto Mapping the Commons- definido polos seus propios autores como unha performance que pode volverse reflexión, unha obra de arte ou unha acción social - é un verdadeiro paseo polas raíces de #OccupyGezi. A cartografía, realizada na plataforma Meipi, organiza o procomún de Istambul en catro categorías: Bens naturais, Cultura, Espazo público e Dixital.  Os vídeos do proxecto resumen os ataques que o procomún sofre na era Erdogan.

En Communication space reflíctese, a través das protestas dos estudantes universitarios, o conflito do coñecemento e a comunicación libres. En Water as a commons, o asunto central é a privatización da xestión da auga na rexión. For-rest denuncia que a terceira ponte sobre o estreito do Bósforo que planea o Goberno de Erdogan suporía a desaparición do bosque de Belgrado, pulmón verde da urbe. A represión no espazo público de manifestacións socio-culturais como vodas de rúa ou a fin da única praza peonil (Galata Square) de Istambul protagonizan os vídeos Cultural expressions in public space ou Galata Tower Square.

Até que punto a privatización salvaxe do procomún natural e urbano de Istambul acendeu a revolta de #OccupyGezi? O activista Pablo de Soto, en declaracións a eldiario.es, pensa que está intrinsecamente relacionado: "A tala das árbores para construír un centro comercial para a elite e os turistas foi a mecha do incendio, o catalizador final das protestas por xustiza social e económica".

“Para o Goberno turco, as novas políticas urbanas son a escusa para actos de segregación, para incentivar estilos de vida neoliberais, o progresivo endebedamento dos seus cidadáns, explotación, racismo, corrupción e a instalación dun estado de excepción que viola os dereitos humanos"

A arquitecta turca Pelin Tan, no seu artigo A report from Gezi Park, reforza a tese: “Para o Goberno turco, as novas políticas urbanas son a escusa para actos de segregación, para incentivar estilos de vida neoliberais, o progresivo endebedamento dos seus cidadáns, explotación, racismo, corrupción e a instalación dun estado de excepción que viola os dereitos humanos". Pola súa banda, a prestixiosa plataforma Architizer tamén sitúa o urban commons como clara orixe da revolta. 

#OccupyGezi é moito máis que un berro ecoloxista para salvar as árbores de Taksim. Pero non exclusivamente unha revolta antagonista contra a arrogancia macropolítica do Goberno turco ou o suposto intento islamizante de Erdogan do que fala a prensa Occidental.

Na Catedral e o Bazar, o hacker Eric S. Raymond contrapuña dous modelos na elaboración de software. A Catedral representa o modelo de desenvolvemento hermético e vertical do software propietario. O bazar, coa súa dinámica horizontal e "buliciosa", representaría a Linux e outros proxectos de software libre baseados no traballo comunitario. Ningún lugar como Istambul, co seu bulicioso Gran Bazar, encarna mellor a metáfora urbana da tese de Raymond. Dun lado, a catedral de receitas top down e propietarias do Goberno de Erdogan. Do outro, o gran bazar humano de Istambul, o seu espazo público, a tradición procomunal das comunidades da urbe.  #OccupyGezi, a súa convivencia humana, resume o choque de trens da historia, de dous modelos incompatibles. 

Derya Çalik, estudante e activista, unha das organizadoras da campaña de en Facebook de #OccupyGezi, describe nunha entrevista a estratexia da catedral neoliberal contra os manifestantes de Taksim: "En Turquía non temos unha boa conexión 3G. Cando se lle dá moito uso colápsase. Ademais, moitas persoas informaron do uso de desinhibidores de sinal por parte da policía. Por iso, comezamos a utilizar unha conexión VPN (Virtual Private Network). Ademais, as tendas, restaurantes, hoteis e os residentes da zona cedéronlles Wi-Fi aos manifestantes, abrindo os contrasinais das súas redes". O bazar colaborativo de Istambul, de momento, driblou a apisoadora-catedral de Erdogan.

O bazar colaborativo de Istambul, de momento, driblou a apisoadora-catedral de Erdogan

Pódese facer algunha comparación entre #OccupyGezzi e a acampada da Porta do Sol de Madrid do 15M ou a de Occupy Wall Street en Zuccotti? Pelin Tan, no xa citado texto, destaca que a "ocupación de Gezi é un símbolo de estar xuntos no común (usa a case intraducible palabra commoning), a pesar das nosas diferenzas".  En #OccupyGezi  implicáronse, continúa, "xente de diferentes clases, barrios e movementos culturais antes que as organizacións políticas e grupos de oposición". Unha auto organización transversal do bazar colaborativo que a violencia policial multiplicou até límites non esperados. Da praza ao mundo. Do hiperlocal á xeopolítica.

Pola súa banda, o activista Örsan Selap, habitual nas listas de correos de TakeTheSquare.net creadas no inicio do 15M español, resalta a eldiario.es a importancia das redes na incipiente Primavera Turca: "O pensamento peer-to-peer (P2P) e do procomún dános unha alternativa clara ao capitalismo. Nestes momentos, nas redes sociais, as rúas e as loitas de Istambul están a se converter nun procomún con moitos vínculos internacionais".

En #OccupyGezi  implicáronse, continúa, "xente de diferentes clases, barrios e movementos culturais antes que as organizacións políticas e grupos de oposición". Unha auto organización transversal do bazar colaborativo que a violencia policial multiplicou até límites non esperados

De Taksim ao mundo. Do hiperlocal ao global. Do urbano á xeopolítica. No seu aclamado libro Cidades rebeldes, o sociólogo David Harvey afirma que a "revolución será urbana ou non será". E adapta ao século XXI "o dereito á cidade", un vello berro dos anos sesenta, título dun mítico libro de Henry Lefebvre. O dereito á cidade sería un "espazo social con interaccións e prácticas onde a produción social ten lugar".

As metrópoles moderna teñen un papel importante no procomún. Curiosamente, os movementos sociais de Istambul están remesturando o berro de Lefebvre-Harvey. No  movemento Dereito á Cidade e o verán turco, a xornalista independente Jay Cassano fai un detallado repaso aos ataques neoliberais que Istambul está a sufrir nos últimos tempos, á marxe do proxecto de centro comercial para Gezi Taksim.

No seu aclamado libro Cidades rebeldes, o sociólogo David Harvey afirma que a "revolución será urbana ou non será". E adapta ao século XXI "o dereito á cidade", un vello berro dos anos sesenta

Jay cita no seu artigo a conversión do histórico cinema Emek en centro comercial. Menciona a terceira ponte sobre o Bósforo. E destaca o forte proceso de xentrificación que está a sufrir Istambul, especialmente en "os barrios históricos de Sulukule, Tarlaba, Tophane e Fener-Balat, onde viven os inmigrantes e a minoría kurda". Precisamente, Mapping the commons dedícalle un vídeo ao distrito de Fenet-Balat-Ayvansaray, onde os veciños resisten o plan urbanístico do Concello desde a asociación Febayder.

O colectivo Reclaim Istambul, inspirado no colectivo británico Reclaim the streets que loitaba polo espazo público, fai unha verdadeira lista dos horrores urbanísticos planeados para Istambul: "Centos de edificios enreixados, torres de oficinas, centros comerciais e proxectos multiusos crecendo como cogomelos en toda a cidade".  Entre o rodete de proxectos de corte neoliberal, destacan Via Port Venezia ("redeseñamos Venecia e trouxémola a Istambul") ou Mall of Istambul ("goza de preto un dos maiores shoppings de Turquía"). En certo sentido, #OccupyGezi naceu como grito coral para evitar que a milenaria Istambul acabe convertida en Las Vegas ou Dubai.

O colectivo Reclaim Istambul é o responsable dun dos documentais máis polémicos dos últimos tempos, Ekümenópolis. Cun verdadeiro cocktail de imaxes, entrevistas, música, gráficos e animacións, Ekümenópolis debuxa o salvaxe ataque ao procomún urbano e natural que sofre a cidade. A contundencia da súa sinopse dá unha idea da dureza do seu contido: "Hai uns anos, Istambul tiña 3,5 millóns de habitantes. Hoxe somos 15 millóns e en 15 anos seremos 23. Excedéronse os límites ecolóxicos. Excedéronse os límites económicos. Excedeuse o límite de poboación. Perdeuse a cohesión social. Aquí teñen unha imaxe do urbanismo neoliberal: Ekümenopolis".

"Hai uns anos, Istambul tiña 3,5 millóns de habitantes. Hoxe somos 15 millóns e en 15 anos seremos 23. Excedéronse os límites ecolóxicos. Excedéronse os límites económicos. Excedeuse o límite de poboación. Perdeuse a cohesión social"

"É máis que unha revolución tecnolóxica: é unha revolución cultural. Os ríxidos modelos verticais para optimizar os sistemas de produción de masas do século pasado están a ser remprazados por flexibles redes peer-to-peer que nos levan cara a unha nova estética de códigos". A frase é do arquitecto Joseph Grima, director da última edición da Bienal de Deseño de Istambul, celebrada a finais de 2012. Adhocracy, o título da Bienal, non foi casual. A adhocracia, outro termo recentemente resucitado, é un novo modelo de organización flexible, intuitiva, transversal. A adhocracia é horizontal, rotativa. Por iso, Adhocracy foi moito máis que unha exposición. Foi un laboratorio.

Unha das súas comisarias, Ethel Baraona (Dpr-Barcelona), respondendo a un cuestionario sobre #OccupyGezi, destaca o vínculo co procomún urbano da Bienal: "Unha alta porcentaxe dos proxectos estaban relacionados co activismo urbano, coa intención de chamar a atención do espazo público como espazo de intercambio de coñecementos e de acción". A Bienal adhócrata estendeu por Istambul o dinamismo de colectivos-proxectos como Crafting Neigborhoods, Receitas Urbanas, Open Structures, Maker Faire Africa, Arduino ou Zuloark (representando ao madrileño El Campo de Cebada).

Especialmente metafórico resultou o proxecto Drone Shade, da artista James Bridle. Tras sementar de sombras de drones (avións non tripulados) a franxa de Gaza ou Londres, James debuxou con liñas brancas no corazón urbano de Istambul a suposta sombra dos drones que Estados Unidos utiliza desde Turquía. O espazo público como taboleiro do mundo. Como metáfora xeopolítica. A metralleta top down e neoliberal de Erdogan, representada nunha forma de contornos brancos. A alianza militar estadounidense-turca que persegue ao Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) no norte de Turquía e o norte de Irán, como unha verdade a nivel-de-chan. A cidade como campo de batalla.

O proxecto EuroVegas de Madrid, como destaca Pablo de Soto, "é un escándalo de privatización e excepción da legalidade ao nivel da destrución do parque Gezi en Taksim"

É #OccupyGezi a primeira revolución incendiada polo procomún urbano? Talvez a primeira, pero non a última. O modelo da catedral neoliberal de Istambul replicase en todo o mundo. Os desaloxos e a especulación no Rio de Janeiro preolímpico son un exemplo. O proxecto EuroVegas de Madrid, como destaca Pablo de Soto, "é un escándalo de privatización e excepción da legalidade ao nivel da destrución do parque Gezi en Taksim".

Chegou xa a era das Rebel Cities de David Harvey? Veremos unha secuencia de revolucións urbanas nun planeta que esquilma os seus comúns naturais a un ritmo asustador? Aínda que non hai respostas, si existen intuicións. O antropólogo e activista do 15M Adolfo Estalella, no seu provocador texto O procomún non é un commmons, vaticina unha forte politización das urbes: "O procomún é a figura que permite politizar a cidade. Se hai dez anos a globalización era o obxecto do activismo, agora é a cidade. Así que o procomún é para o activismo actual o que a globalización era para este hai dez anos".

Cartografía do proxecto 'Mapping the Commons Istambul', ideado por Hackitectura Dominio Público El Diario
Proxecto 'Drone Shade', desenvolvido durante a Bienal do Diseño 'Adhocracy' Dominio Público El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.