0 Gardados para despois

UGT denuncia que o Sergas realiza contratacións en fraude de lei nas substitucións das vacacións

Redacción | @prazapublica

A Federación galega de Servizos Públicos (FSP-UGT) vén de denunciar que o Sergas está realizando contratacións en fraude de lei para facer as substitucións dos períodos vacacionais. O sindicato alerta de que "se está institucionalizando un modelo de contratacións só en días laborables, é dicir, se dan de alta un luns e de baixa un venres", o que implica que os traballadores afectados "perden calquera dereito en materia de descanso e o salario correspondente nos fins de semana, dereitos recoñecidos por Lei".

Segundo UGT, "este xeito opaco e obscuro de facer as cousas do Sergas non afecta só ao persoal contratado para cubrir as vacacións, senón que ao de plantilla o obriga a cambiar as guardias para poder irse de vacacións". A central denuncia que "as ordes ditadas polas direccións de recursos humanos das distintas xerencias" están confundindo os traballadores do Sergas "ata o extremo de verse na situación de que se non poden cambiar as guardias no seu período vacacional teñen que incorporarse para facela. É dicir, están de vacacións e traballando ao mesmo tempo".

UGT lembra que "todas as persoas traballadoras do Sergas que teñen dereito a pedir vacacións, dentro do período establecido ao efecto, coa única limitación da porcentaxe de presencias regulamentada" e insta á Dirección xeral de Recursos Humanos do Sergas "a que poña orde nas distintas xerencias e respecte os acordos asinados".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.