Corcoesto, a mina que ocuparía media Compostela

A mina de Corcoesto, sobre a cidade de Compostela © Equo-Galicia

A oposición contra a mina a ceo aberto de Corcoesto que a multinacional Edgewater prevé na comarca de Bergantiños intenta amosar á sociedade a magnitude e impacto que suporía este enorme proxecto. Uns 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Prevé ocupar 800 hectáreas, pero podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados. Unha infraestrutura que, segundo diversos estudos científicos, ameaza o modo de vida de milleiros de labregos e gandeiros, a paisaxe, o medio ambiente e o futuro dunha comarca que tería que aturar moreas de refugallos e consecuencias imprevisibles.

A oposición á mina de Corcoesto intenta amosar con imaxes coma estas o impacto que tería o proxecto noutras áreas como as cidades

Equo Galicia, no seu ánimo por deitar luz sobre a magnitude da mina, vén de elaborar unhas montaxes que representan con imaxes a tamaño real o espazo que ocuparía esta mina sobre as principais cidades de Galicia: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra, Ferrol e Vilagarcía. Nestas imaxes, inclúese o espazo que ocuparía a propia mina, os vertedoiros de residuos e unha posible ampliación da infraestrutura da empresa Mineira de Corcoesto. Unhas impactantes fotografías nas que se pode apreciar como a mina estenderíase sobre un espazo de non menos de 3,5 quilómetros de longo. "As dimensións da aberración medioambiental", di este partido ecoloxista.

Equo advirte de que minas como a de Corcoesto "non xeran máis que miseria, pobreza e degradación ambiental"

Desde Equo lembran que este tipo de prácticas mineiras, "ademais do dano irreparable que causa debido ás grandes escombreiras que necesita, utiliza cianuro e arsénico para a obtención do mineral, perigosos velenos que contaminan a terra e a rede hídrica (augas superficiais e subterráneas), chegando polo tanto á cadea alimentaria, co conseguinte risco para a sanidade pública". "É un evidente perigo para a nosa sociedade, pola perda da biodiversidade na zona, do patrimonio histórico cultural, da paisaxe, ademais de prexudicar o benestar de futuras xeracións", engade, tras advertir que proxectos coma este "non xeran máis que miseria, pobreza e degradación ambiental".

Así, o partido ecoloxista -que forma parte da coalición AGE- insta a Xunta a "que deixe de ser cómplice das grandes industrias mineiras, no seu plan de expoliación dos recursos do país, e aposte por un desenvolvemento sostible que poña en valor os recursos dun territorio sen a ameaza que este tipo de actuacions teñen para sectores claves como son o sector primario e outros sectores terciarios".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.