A empresa mineira conta con ter o visto e prace para Corcoesto neste verán

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Ao tempo que Feijóo asegura que a polémica mina a ceo aberto de Corcoesto levarase a cabo "se cumpre" con todos os requisitos legais e medioambientais e proclama a súa "decisión política de protexer o sector mineiro", a multinacional Edgewater comprácese polo avance do proxecto, dá por feito que sairá adiante e celebra o apoio da Xunta á iniciativa.

Faino George Salamis, presidente de Edgewater Exploration, a través dun comunicado oficial no que dá conta dos avances do proxecto, ademais de asegurar que os últimos estudos requiridos polo Goberno galego para finalizar os trámites previos á construción da mina estarán finalizados neste verán. Para a compañía, o bo camiño que leva a mina "reflicte os valores da empresa, a claridade, rendición de contas, honradez, transparencia, así como o compromiso por desenvolver o proxecto de Corcoesto do xeito máis ecolóxico posible e empregando a mellor tecnoloxía". 

A multinacional presume da viabilidade económica do proxecto e da creación de emprego na zona e en Galicia

A multinacional canadense tamén aclara que o seu estudo de viabilidade, xa rematándose, cadra coas estimacións positivas que realizara en 2011 en canto á rendibilidade do proxecto e fai referencia a outro estudo socioeconómico, realizado por NW Consultores e o Idega da Universidade de Santiago, no que se advirte da creación de máis de 1.600 postos de traballo (entre directos e indirectos) durante o primeiro ano de desenvolvemento da mina.  Tamén presume a empresa da aprobación por parte da Xunta da Avaliación de Impacto Ambiental e lembra que está a rematar un informe máis detallado sobre as augas residuais e de calidade solicitado a maiores polo Goberno.

Edgewater volve insistir no seu "compromiso" coa comunidade e promete levar a cabo diversos programas sociais, ademais de presumir do "estímulo e a diversificación" que proporcionará a mina para Galicia, así como o desenvolvemento "sostible" polo que apostará nas industrias e áreas locais. "O exitoso proxecto de Corcoesto, co apoio da comunidade local e do Goberno, permitirá crear os traballos cualificados que axuden a un desenvolvemento sostible na rexión para as futuras xeracións, ademais dos beneficios financeiros engadidos que xorden dunha iniciativa desta magnitude", resume.

Edgewater di que a mina axudará "ao desenvolvemento sostible na rexión para as futuras xeracións"

Así, Salamis tamén anuncia un acordo coa Asociación de Excavadores de Galicia para darlle "prioridade" aos traballadores da zona "no desenvolvemento mineiro e nos contratos con empresas galegas no proxecto", polo que di "garantir a creación de emprego de calidade para a zona e toda Galicia", o que destacaría "o compromiso" da multinacional para "maximizar" os postos de traballo. Do mesmo xeita, dá conta de que xa se está a preparar o deseño da planta mineira por parte dunha empresa externa e que xa está "moi avanzado".

Feijóo insiste en que se cumprirán os requisitos

En canto aos trámites e informes que lle quedan á mina para que se consolide o proxecto, Núñez Feijóo, presidente da Xunta, aclara que "os técnicos de Industria e Medio Ambiente aínda non lle deron autorización" e aclara que, "mentres non se pronuncien", non haberá resposta do Goberno. "Se esa mina cumpre os requisitos legais, medioamebientais, no ámbito da saúde pública e no ámbito da seguridade pode ter algunha posibilidade e senón, non terá ningunha. Feldespatos en Xinzo non puido obter o permiso de explotación porque non cumpría os requisitos", engadiu.

No entanto, lembrou que xa houbo proxectos "que saíron adiante" con "maior afección ambiental" como o das Pontes. "Agora todos estamos contentos de ter un lago nese enorme burato", asegura. Ademais, reiterou o seu apoio "á decisión política de fomentar o emprego na minería". "Iso ímolo manter; a explotación de Corcoestou ou outras veranse unha por unha", rematou.

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.