0 Gardados para despois

Chamamento a priorizar a Atención Primaria no sistema de saúde

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un grupo de profesionais, entre os que destacan Xosé Luís Álvarez Prieto, Concepción Cruces, Manuel-V. Fernández, Manuel González Moreira, Manuel Martín (voceiro de SOS Sanidade Pública), Bernardino Pardo, Jesús Rey García, Celso Sánchez, José Emilio Santiago, Jesús Sueiro ou Pablo Vaamonde veñen de lanzar un manifesto para defender a Atención Primaria, "o eixo vertebrador do sistema asistencial". Manterán xuntanzas con organizacións profesionais, grupos políticos e sindicatos para solicitar o seu apoio ao texto.

O texto chama a "fomentar o compromiso e a implicación activa dos profesionais, hoxe maltratados pola Administración"

O texto denuncia a "brutal ideoloxía ultraliberal que está a desmontar o Estado de Benestar que tanto custou construir" e en especial o Real Decreto Ley 16/2012 que "provoca a quebra do modelo de universalidade e sustitúeo por outro de aseguramento, impón  copagamentos e fragmenta a carteira de servizos (introducindo a posibilidade de negocio nun futuro próximo para as aseguradoras)". Tamén salienta que "o actual goberno introduce modelos de colaboración público-privado para a construcción e xestión de centros sanitarios, outra área de negocio para empresas afíns". Tamén critica "as políticas de xestión do persoal, con contratos precarios e interinos con ausencia de OPEs, taxas de reposición do 10%, xubilacións obrigatorias aos 65 anos para persoal altamente cualificado". O texto chama a "fomentar o compromiso e a implicación activa dos profesionais, hoxe maltratados pola Administración".

"Cómpre priorizar a Atención Primaria" porque é "onde se realizan as actividades de prevención útiles para afrontar as doenzas crónicas"

O manifesto sinala a importancia fulcral da Atención Primaria como base do sistema e defende que "o que se necesita en tempos de crise non é privatizar e introducir o lucro como elemento distorsionador no SNS. O que se precisa, con urxencia, é reorientar o sistema sanitario cara a Atención Primaria". Para poder exercer como eixo vertebrador do sistema asistencial, din, "a AP ten que reunir unha serie de requisitos básicos: infraestructuras adecuadas, equipamento e dotación tecnolóxica correcta, profesionais formados e en número suficiente dacordo cos ratios establecidos, axendas activas que permitan unha xestion efectiva do tempo, implementacion de técnicas diagnósticas e terapéuticas hoxe secuestradas no medio hospitalario, potenciación da telemedicina, actividade docente e investigadora...". 

E sinalan que "cómpre priorizar a Atención Primaria" porque é "onde se realizan as actividades de prevención útiles para afrontar as doenzas crónicas, onde se coñece ao paciente na súa contorna, con atención ao longo de toda a vida, onde están os profesionais formados para manexar a cronicidade, onde se fai a educación sanitaria coa promoción de hábitos saudables e o autocoidado, onde se garante a continuidade da atención aos pacientes, e onde se debe centralizar a coordinación de toda a atención, incluída a hospitalaria".

Denuncian tamén que as Xerencias de Xestión Integrada (XXI) poden provocar "unha deriva hospitalocéntrica que aumentará o gasto sanitario de xeito incontrolable"

Denuncian tamén que as Xerencias de Xestión Integrada (XXI) poden provocar "unha deriva hospitalocéntrica que aumentará o gasto sanitario de xeito incontrolable" e engaden que "nun contexto de fragmentación e fomento de estratexias privatizadoras, as XXI son algo máis que unha operación cosmética, xa que procuran a creación dun órgano de control, centralizado e burocrático, mentres reducen a Atención Primaria a un mero apéndice da Atanción Hospitalaria".

Finalmente, o texto inclúe un Decálogo para mellorar a eficiencia do sistema sanitario.

  1. Reorientar o sistema sanitario cara a Atención Primaria.
  2. Convertir a A.P. no eixo vertebrador do sistema asistencial, centralizando a coordinación de toda a atención na A.P.
  3. A coordinación da atención aos pacientes debe realizarse a través de vías ou procesos, baseados na racionalización do gasto, e que comezan e rematan na AP.
  4. Fomentar o compromiso e a implicación activa dos profesionais na xestión e toma de decisións, para que asuman a responsabilidade e o protagonismo, e poder actuar como coordinadores dos procesos de atención á saúde da nosa poboación.
  5. Recuperar e readaptar o Plan de Mellora á situación actual
  6. A equidade cos pacientes debe prevalecer en todos os niveis asistenciais (áreas,centros, profesionais…)
  7. A solicitude de probas complementarias debe de ser accesible para todos os niveis do sistema, baseada na patoloxía do doente segundo os protocolos establecidos.
  8. Poñer freo  á implantación do modelo de Xerencias de Xestión Integradas (XXI)
  9. Os consensos, e non as imposicións, deben de  primar en todas as actuacións sanitarias, incluídos os ADX (Acordos de Xestión).
  10. Impedir o acceso á historia clínica dos pacientes por parte de persoal alleo ao sistema público de saúde (Mutuas, Sanidade privada…)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.