"Cómpre unha alianza estratéxica entre cidadáns e profesionais para frear a contrarreforma sanitaria"

Capa do libro © Los Libros de la Catarata

La contrarreforma sanitaria, publicado por Los Libros de la Catarata e coordinado por Marciano Sánchez Bayle, é unha obra colectiva na que unha ducia de autores analizan os procesos de privatización sanitaria, definidos por Sánchez Bayle como "un sistemático desmantelamento dos sistemas de protección social, entre eles, a sanidade pública". O libro afonda na orixe destes movementos, e tamén nalgúns dos primeiros intentos de trasvase dos servizos á iniciativa privada: Alzira, Verín..., até chegar á ofensiva actual. 

O libro foi promovido polas plataformas en defensa da sanidade pública e nel participan médicos, psicólogos e persoal de enfermaría, que consideraban que "ante a situación na que nos atopamos de privatización acelerada do sistema público" facía falla "analizar de maneira detallada estes ataques, o que está pasando con estas medidas que tanto están a deteriorar a sanidade pública neste país". La contrarreforma sanitaria preséntase este xoves ás 17.30 horas na libraría Couceiro de Santiago de Compostela coa presenza de María Luísa Lores Aguín e Manuel Martín, coautores do libro, ademais de Xaquín Álvarez Corbacho, Pablo Vaamonde e Francisco Reyes Santiás. Falamos con Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública e autor dun dos capítulos do libro.

"A crise está sendo utilizada como escusa neste proceso. Isto de “obrígannos a reducir gasto público” é empregado non para racionalizar senón para recortar"

Cal é o obxectivo do libro?

O obxectivo é denunciar e informar a cidadanía e os profesionais da saúde da estratexia que se está levando a cabo para privatizar o sistema sanitario público. A crise está sendo utilizada como escusa neste proceso. Isto de “obrígannos a reducir gasto público” é empregado non para racionalizar senón para recortar. E están atacando en frontes diversas: no financiamento con medidas coma o copagamento, e outras que se porán en marcha cando se rompa a carteira única de servizos. Tamén na provisión, dando entrada a empresas privadas na provisión de servizos. O que está pasando en Madrid coa entrada de fondos de capital risco en todos os hospitais novos, ou aquí no caso do Hospital de Vigo. E tamén na xestión: estanse convertendo os hospitais en empresas, e como empresas que buscan beneficios o que fan é reducir o gasto en persoal e tamén recortar os servizos que prestan. O libro quere afondar nos procesos particulares que se dan nalgunhas comunidades nas que a contrarreforma está máis avanzada, coma Madrid, Valencia, Galicia ou Aragón.

Onde nace esta estratexia?

Os grandes capitais, amparados polo Banco Mundial, o FMI ou a OMC, viron nos servizos públicos sanitarios unha fonte importante de beneficio económico. En Galicia o 35-40% do gasto público vai para sanidade. Estes grandes lobbies privados foron quen de impoñer esta estratexia, baseada no recorte do sector público, en facer que os cidadáns paguen os servizos no momento do seu uso, e tamén en expulsar os malos clientes: os pacientes con enfermidades graves, crónicas, custosas... Por iso vanlles facer pagar as próteses ou o servizo de ambulancia.

"En Galicia tivemos o triste honor de ser os primeiros, co Hospital de Verín e a utilización de Medtec como provedor de servizos de alta tecnoloxía"

En España vemos os primeiros intentos nos anos 90, co famoso modelo Alzira...

En Galicia tivemos o triste honor de ser os primeiros, co Hospital de Verín e a utilización de Medtec como provedor de servizos de alta tecnoloxía. Pero efectivamente o máis coñecido é o caso de Alzira, que xa en 1999 lle cedeu a unha aseguradora, Adeslas, a xestión do hospital e a provisión de servizos. O que pasou despois é que non resultou tanto negocio como pensaban, e o Estado tivo que rescatalo e sanealo. Despois hai outras modalidades, coma o financiamento público, privado en seis hospitais de Madrid.

...Ou de Vigo, onde se están demostrando os problemas que xera...

O que pasa con este modelo é que é máis caro e necesita unha inxección de capital moi potente por parte do sector privado, e nestes momentos o sector privado non inviste. E iso é o que leva a que o hospital de Vigo estea parado e a que se recortase a súa estrutura para abaratar custes. E o mesmo en Madrid: como xa non é negocio, a Comunidade regaloulles a parte asistencial e a non asistencial. Pero o dono destes hospital xa non é a Consejería de Sanidad, senón empresas de capital risco con sede en paraísos fiscais.

"En total houbo un recorte de 1.000 millóns de euros en tres anos en Galicia. E isto nótase: as listas de espera aumentaron máis dun 30%"

O proceso é dobre: por un lado a privatización de servizos e en paralelo a degradación do sistema público?

Si, vai todo unido. Aquí en Galicia paralizouse a actividade dos hospitais pola tarde, paralizouse o Plan Mellora de Atención Primaria, prometeron 66 novos centros de saúde e non hai ningún, vaise despedir o 15% dos profesionais aproveitando as xubilacións que non se van cubrir, os laboratorios van ser entregados a empresas privadas, o plan de mellora dos hospitais tamén está parado: en Lugo, en Ourense... En total un recorte de 1.000 millóns de euros en tres anos en Galicia. E isto nótase: as listas de espera aumentaron máis dun 30%, e iso a parte que recoñecen, porque se temos en conta as listas ocultas, o aumento é do dobre.

"Somos un dos países de Europa que menos gasta en sanidade, e somos un dos que mellor servizo ofrece. Por que imos destruír algo que funciona ben?"

Como se para esta contrarreforma?

Os traballadores somos afectados, e os cidadáns tamén son afectados, e teñen que ser conscientes de que en breve van ter que pagar por moitos servizos. Por ese motivo é necesario que haxa unha alianza estratéxica entre os cidadáns e os profesionais da saúde para frear esta contrarreforma sanitaria. De momento somos un pais democrático, e iso significa que se este goberno segue facendo estas políticas, vai ser expulsado do poder. Agora trátase de resistir e de poñer sobre a mesa alternativas, baseadas na evidencia e en evitar o gasto superfluo e o uso non axeitado da tecnoloxía. Hai alternativas. Somos un dos países de Europa que menos gasta en sanidade, e somos un dos que mellor servizo ofrece, unha referencia para case todo o mundo, e unha potencia en transplantes e noutras áreas. Por que imos destruír algo que funciona ben?

Capa do libro © Los Libros de la Catarata
Rolda de prensa de SOS Sanidade Pública CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.