Alegación conxunta contra "a criminalización da protesta na rúa"

Jorquera e Carril entran na Delegación do Goberno CC-BY-SA M. Pereira

"As sancións non pretenden máis que amedrentar os cidadáns para que deixen de contestar na rúa ás políticas inxustas". Francisco Jorquera, voceiro parlamentario do BNG, teno claro. El foi unha das oito persoas expedientadas polos altercados acontecidos na Coruña na paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey o pasado 18 de febreiro, xunto co voceiro municipal do Bloque, Xosé Manuel Carril; o de Esquerda Unida, César Santiso; o daquela secretario comarcal da CIG, Paulo Carril; o bombeiro que se negou a colaborar no desaloxo da anciá e tres activistas de Stop Desafiuzamentos.

Jorquera censura que o Executivo "recorra á vía gobernativa" para sancionalo a el e o resto de afectados

Este luns, todos eles -agás o voceiro de EU- acudiron á Delegación do Goberno na Coruña para levar a cabo a entrega conxunta de alegacións ás propostas de sanción emitidas contra estas oito persoas e na que estiveron acompañados por activistas de Stop Desahucios, afectados polas preferentes e compañeiros do bombeiro sancionado. "O único que fixemos foi responder á petición de axuda da anciá", lembra Jorquera, que foi acusado no expediente sancionador de "cabecilla e instigador" das protestas e que lembra que, logo de autoinculparse xunto a outras persoas e tras a elaboración dun informe policial, o caso foi deixado en nada pola Xustiza. "Agora modifícase e recórrese á vía gobernativa para nos sancionar; isto retrotáenos a épocas pasadas", denunciou.

O avogado de Stop Desafiuzamentos acusa o Goberno de "desviación do poder" e de "perseguir por vía administrativa" os movementos sociais

O mesmo denuncia o avogado que colabora con Stop Desafiuzamentos, Antonio Vázquez, que acusa a Administración de "desviación de poder" e do "uso sesgado das institucións legais" ao "perseguir por vía administrativa" o que xa fora determinado xudicialmente. "É unha criminalización constante dos movementos de protesta que hai nesta cidade", insiste Héctor Tejón, voceiro do colectivo, que lembra que o Goberno propón "sancións de 600 euros" a cada un dos expedientados "por poñerse en pé de guerra". "Bombeiros, activistas... estamos sufrindo unha vaga de criminalización; é unha inxustiza que se faga isto mentres se permite a impunidade para todas as tropelías que se realizan desde outros ámbitos, como desde as entidade financeiras", engade.

Todos os sancionados presentes presentaron en conxunto as súas alegacións e foron vitoreados e aplaudidos polos cidadáns que acudiron a apoialos entre berros de "hai que desafiuzar o Partido Popular" ou de ánimo ao bombeiro que se converteu en símbolo da protesta ao se negar a colaborar no desaloxo de Aurelia Rey. Jorquera lembrou que, tanto el como o resto de persoas, foron expedientados por "exercer a resistencia civil", algo "que se louvaba de personaxes como Gandhi, Mandela ou Luther King". "Acúsaseme de actitude violenta cando eu fun empurrado e caín ao chan", engadiu o voceiro parlamentario do BNG, que chamou a atención sobre a presenza de afectados polas preferentes na concentración e que alertou que "multitude deles están a recibir expedientes de multas por protestar na rúa".

Jorquera e Carril entran na Delegación do Goberno CC-BY-SA M. Pereira
Roberto Rivas, xunto a algún compañeiro CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.